Fortaleza ou febleza?

Dende hai moito tempo, o debate sobre o financiamento das entidades territoriais que coexisten no Estado español está moi condicionado pola habitual confrontación que preside a dinámica política. Certamente, estamos ante un asunto que podería ser obxecto dun tratamento discursivo que compatibilizara o imprescindíbel rigor analítico coa lóxica diversidade de focaxes que aparecen en cuestións deste nivel de complexidade. A experiencia histórica demostra, poren, que o vector dominante nos foros públicos ven determinado polas posicións existentes na elite política e/ou nos grupos mediáticos hexemónicos.

Escoitando ou lendo as recentes declaracións de Montoro, Rajoy e Feijoo sobre a eventual condonación da débeda contraída por diversas Comunidades Autónomas coa Facenda estatal constatase palmariamente o sinalado anteriormente:a necesaria controversia ben fundada é substituída por unha calculada cerimonia de retórica confusionista na que cada protagonista busca, prioritariamente, reforzar a súa posición no xogo político realmente existente.

Dende que chegaron ao goberno, Rajoy e Montoro foron contumaces apóstolos das ideas que procedían de Bruxelas e Berlín:as débedas había que pagalas sen reparar nos custes sociais asociados á posta en práctica de semellante lei de ferro. Aceptaban a lóxica implantada por Merkel para salvagardar os intereses dos acredores fronte ás facendas dos Estados do sur de Europa. Os debedores non deberían gozar dunha eventual reestruturación das súas obrigas que lles permitiran aliviar as graves hipotecas que afectaban ás maiorías sociais deses países.

Estes defensores da ortodoxia da troika sorprenderon a propios e adversarios anunciando que as débedas contraídas por diversas CC.AA. co FLA (Fondo de Liquidez Autonómico) poderían ser modificadas (alongando notabelmente o prazo de amortización e reducindo a contía dos xuros) para favorecer a marxe de manobra dos gobernos afectados. Esta nova posición colocou en fora de xogo a Núñez Feijoo. A súa estratexia dos últimos anos ficou arruinada en poucos días:despois de facer todo o posíbel para demostrar que el era un alumno exemplar na aplicación das novas políticas emanadas dende a Moncloa agora comproba que o seu xefe político está disposto a inmolar a súa “vía galega” no altar das razóns dun Estado que precisa buscar fórmulas de integración para aquelas Comunidades (Catalunya, País Valenciá, Andalucía) que presentan desequilibrios financeiros de certa envergadura.

Ante a desautorización recibida, o presidente da Xunta organizou unha foto conxunta cos presidentes de Asturias, Castela-León e Aragón. Hai quen considera que esta iniciativa é unha xogada moi boa do inquilino de Montepío. Realmente é así? Estamos ante unha demostración de fortaleza ou de febleza? Entre os catro protagonistas do encontro, hai dous -os do PSOE- que non sintonizan con Pedro Sánchez e outro que tampouco ten futuro no PP. Feijoo é o único que dispón dunha maioría absoluta prolongada que podería usar para forzar unha negociación directa coa Moncloa. Ao cabo, esta operación de imaxe é unha confesión de impotencia ante o transcendental problema do financiamento da Facenda galega. Foguetes artificiais para agachar o medo á confrontación cos xestores da Administración central.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.