Forza Centro Galego de Bos Aires!

Cando o presidente Perón visita o Centro Galego de Bos Aires o 28 de febreiro de 1950  e asina no Libro de Ouro dedícalle aos nosos emigrantes en terras arxentinas unha moi axeitada louvanza sobre a grande obra construída. Naquel ano de 1950 -o 7 de xaneiro- morrera alí no cuarto 202 o inesquecible rianxeiro Alfonso R. Castelao e no mes de xullo celébranse as Xornadas Patrióticas coa presencia de Valentín Paz Andrade [Letras Galegas, 2012] quen escribe o seguinte no libro: “O Centro Gallego de Buenos Aires representa unha culminación do esforzo dun pobo fora do seu lar e no culto ao seu orixe. É a máis radiosa leición de capacidade para a síntesis, para a colectiva integración que un país pode dar e que cecais nin os mesmos galegos poderían dar na Terra. Ten o dobre timbre da solidaridade e da superación, de servicio as necesidades humanas e de promoción das empresas do espírito. Galicia merece todo, mais non podería ser mellor honrada”.

O actual Centro Galego naceu o 2 de maio de 1907 aínda que houbo un primeiro centro fundado o 8 de xullo de 1879 pero só con actividade durante tres anos

O actual Centro Galego naceu o 2 de maio de 1907 aínda que houbo un primeiro centro fundado o 8 de xullo de 1879 pero só con actividade durante tres anos. En outubro de 1881 organizou os primeiros Xogos Florais de Bos Aires cun xurado formado por Bartolomé Mitre, Nicolás Avellaneda e Lucio Vicente López. O premiado foi Olegario V. Andrade polo poema Atlántida  segundo se pode ler na moi recomendable obra Historia del Centro Gallego de Buenos Aires [Centenario 1907-2007] da autoría do doutor Padorno Caldeiro. Os membros do xurado son moi significativos e indicativos da importancia da nosa colectividade. Tanto Mitre como Avellaneda foron presidentes do país e Lucio V. López un destacado político --- Interventor Federal--- e autor da magnífica obra La gran aldea na que recolle os rápidos cambios que se están a producir na capital arxentina coa chegada masiva da emigración europea.

Calquera que escriba ou fale sobre o Centro Galego destacará o mérito da unidade de esforzos arredor dunha lareira común onde quecer os ósos coa forza sentimental das vitaminas que formaban parte da apócema chamada identidade. Moitos séculos antes de que os galegos botasen man dunha aspirina xa tiñan unha eficaz cura dos seus males con doses diarias de identidade. Así foi que sementaron futuro na Habana, Montevideo e Bos Aires sendo inmunes aos desalentos. Os fundadores do Centro Galego de Bos Aires desembarcaron na beira riopratense cunha saúde de ferro. Aqueles pioneiros só confiaban nunha antiga e sinxela receita que funcionaba ben, sempre e cando, o corazón estivese cheo de xenerosidade. O mellor para os problemas da pel son as pingas de orballo; as dores de cabeza desaparecen con quince minutos nunha carballeira e se os nervios andan revoltos, mirando as ondas do mar de Fisterra volven poñerse mainiños.

Os que coñecemos o labor do Centro Galego estamos preocupados polas actuais dificultades que está a sufrir e contra das que está loitando un herdeiro das terras de Covelo, o presidente Vello

Os que coñecemos o labor do Centro Galego estamos preocupados polas actuais dificultades que está a sufrir e contra das que está loitando un herdeiro das terras de Covelo, o presidente Vello. O seu esforzo é conciliador e busca con teimosía obeter un consenso que permita saír adiante e avanzar a pesar do pesado lastre dunha herdanza envelenada. As actuais débedas son o froito da fracasada privatización temporal da xestión mutualista de asistencia médica. 

Os que queremos ao Centro Galego apostamos pola recuperación e desexamos que axiña os nosos emigrantes e os seus descendentes poidan volver a ser unha firme aliaxe sentimental nunha entidade que forma parte do seu patrimonio persoal. Non esquezamos que os donos son os propios asociados e que os dirixentes son uns socios máis, aos que se escolleu para empuñar as rendas da sociedade. O dous de maio de 1907, na rúa Alsina 946, os fundadores fan constar que os que se reúnen son “un grupo de entusiastas coterráneos, guiados a cual más, de un entrañable cariño a la región gallega”. Ninguén dubida que o “cariño” trasmitido polos fundadores é hoxe necesario tamén para que os actuais dirixentes rematen a tarefa coa fonda satisfacción da misión cumprida.

 

Non esquezamos que os donos son os propios asociados e que os dirixentes son uns socios máis, aos que se escolleu para empuñar as rendas da sociedade

Quero facer unha suxestión a xeito de colaboración para intentar que a sección cultural do Centro Galego [Instituto Arxentino de Cultura Galega] colla novos pulos logo dun tempo de escasa actividade. Trátase de dúas propostas: unha sobre a posta en marcha dun Fogón Gayego e outra sobre a creación dun programa de Visitas Culturais. Coido que a misión do Instituto é a de arroupar aos emigrantes para que manteñan acesos os seus sentimentos ao mesmo tempo que se promociona na Arxentina o valioso labor da emigración galega. As reunións arredor do fogón terían lugar os sábados pola tarde logo dos cursos de Cultura Galega que alí se imparten. Os alumnos dos cursos son os principais destinatarios destes fogóns nos que un convidado ou convidada fai o relato da súa vida.

Trátase de escoitar e logo participar nun coloquio no que irán xurdindo anécdotas e historias que forman parte activa da historia da emigración galega na Arxentina. As  visitas buscan que o Centro Galego sexa coñecido por visitantes e turistas nacionais e estranxeiros. Unha vez ao mes e previa inscrición -recoméndase non máis de 25 persoas- percorrerán as instalacións en paseo guiado e sempre coa compaña de algún membro directivo do Instituto. Coñecerán o cuarto no que faleceu Alfonso Rodríguez Castelao e gozarán vendo as obras plásticas do egrexio rianxeiro e tamén, entre outras, coas creacións de Luis Seoane, Díaz Pardo, Colmeiro, Laxeiro, Maside.

Será unha xornada histórica e un gran privilexio poder escoitar cando dona Cristina recorde ao seu avó da Fonsagrada que foi quen fixo do seu pai un “laburador colectivero”

Poida que non sexa nada orixinal o de propoñer un fogón e unha visita pero do que estou certo é da súa eficacia xa que estamos a meter dos goles ao mesmo tempo. Coa lareira xuntamos os corazóns emigrantes e coas visitas facémonos coñecer fóra do ámbito estrictamente galego. Estou pensando en propoñerlle a miña boa amiga Graciela Pereira que fale con don Carlos Alberto e lle expoña a miña humilde proposta. Se a resposta é positiva haberá que comezar a programar a rolda de convites para abeirarse arredor da lareira. A min paréceme moi axeitado e mesmamente protocolario que sexa a presidenta da República Arxentina a que inaugure o Fogón Gayego. Será unha xornada histórica e un gran privilexio poder escoitar cando dona Cristina recorde ao seu avó da Fonsagrada que foi quen fixo do seu pai un “laburador colectivero”. As candeas do 105 aniversario anuncian tempos de esperanza para o noso benquerido Centro Galego de Bos Aires... cumpreanos feliz!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.