Forzas Armadas e eleccións

Titán, cordeiro da Lexión, no desfile militar do 12 de outubro de 2022 CC-BY-SA Javier Perez Montes

Aproveitando os últimos días da lexislatura, o goberno ten previsto ampliar os días de permiso por falecemento dun familiar ou para a prestación de coidados paliativos. Os partidos de dereitas e os empresarios non están contentos con isto, veno como unha perda de ingresos máis. Nós, os pobres, temos a mala costume de enfermar —ou mesmo morrer— durante o horario laboral.

Costaríalle a un atopar algún avance real que a dereita lle achegase ó noso país. E deixemos de lado os vellos mitos sobre a Seguridade Social ou os encoros de Franco. Por iso preocúpame profundamente que case a metade dos meus compañeiros de profesión teñan a intención de votar por VOX, e un 30 % polo PP. Unha nación non se defende simplemente ondeando bandeiras. Paréceme moito máis patriótico dedicar tempo a coidar dun familiar nos seus últimos días que levar unha pulseiriña coas cores vermella e amarela. Un accesorio pouco axeitado para traballar na mina, na construción, no mar, na sanidade, na agricultura...

Os discursos de Feijóo e Abascal —repletos de demostracións de "firmeza", camisas axustadas e ráfagas de CETME— buscan espertar o noso entusiasmo. Non hai nada coma un chapeu de conquistador para facernos soñar coa potencia militar que noutrora fomos. Apelan ó patriotismo. Pero tan patriotas non deben ser cando , no seu día, valéronse da súa posición social e das súas amizades para librarse do Servizo Militar Obrigatorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.