Fotos, mentiras e varas de medir

Descubertas as súas aventuras viaxeiras con Marcial Dorado, Núñez Feijoo segue o guión preferido por moitos dirixentes políticos nese tipo de situacións: falar pouco dos feitos denunciados  e moito dos presuntos causantes do seu coñecemento público. Agochar as responsabilidades propias debaixo da manta dunha conspiración indeterminada. Reclamar o papel de vítima para non ter que asumir o de culpábel.

Alberto Núñez era secretario xeral do SERGAS en 1995 pero carecía da información que facilitaban xornais, revistas e libros sobre as actividades do contrabando de tabaco e a súa reconversión nas modernas redes de tráfico de cocaína

Definitivamente, o actual presidente da Xunta ten un pasado político singular. Até agora sabiamos –por confesión explícita- que posibilitou co seu voto a chegada de Felipe González á Moncloa e que –a pesar de gozar da total confianza política de Romay- non formou parte da nómina de afiliados ao PP naquel problemático ano de 1999 cando o presunto delincuente Pablo Crespo manexaba os fíos organizativos e financeiros do partido. Neste momento coñecemos algo mais: Alberto Núñez era secretario xeral do SERGAS en 1995 pero carecía da información que facilitaban xornais, revistas e libros sobre as actividades do contrabando de tabaco e a súa reconversión nas modernas redes de tráfico de cocaína. Había suficiente bibliografía sobre os protagonistas destas actividades mafiosas como para concluír que unha amizade do número dous da Consellería de Sanidade cun dos persoeiros de referencia dese submundo era incompatíbel coa mínima ética esixíbel na vida pública e coa pretensión de acometer unha ambiciosa carreira política a menos que o sentimento de impunidade xerado durante o absolutismo fraguista anulase o mínimo sentido da prudencia dos habitantes dese singular mundo feliz.

O presidente da Xunta debería tomar a mesma medicina que receitaba hai catro anos e Rajoy debería aplicar o esixente código que postulaba naquela ocasión

Imprudencia temeraria ou incompetencia manifesta. Calquera que sexa a síntese analítica das relacións entre Feijoo e Dorado cuestionan seriamente o relato construído dobre a biografía política do actual presidente do PPdG e o crédito requirido para dirixir o goberno galego. Pero é que, ademais, concorre unha circunstancia agravante rexistrada no ano 2009.Daquela, Alberto Núñez e Mariano Rajoy esixiron a dimisión ou cese de Anxo Quintana por mor dunhas fotos publicadas polo xornal ABC nas que o dirixente nacionalista acompañaba ao empresario Jacinto Rey nun barco da súa propiedade. Ambos dirixentes do PP sabían que as devanditas fotos correspondían ao ano 2004 –cando Quintana non ocupaba ningún cargo no goberno da Xunta- e Feijoo xa era consciente de que existían os documentos gráficos que agora se publican. Aínda así decidiron utilizar sen escrúpulos a táctica do lixo para provocar o desgaste electoral do BNG e conseguir a derrota do bipartito. Con este precedente, a pelota está no tellado dos inquisidores de onte: o presidente da Xunta debería tomar a mesma medicina que receitaba hai catro anos e Rajoy debería aplicar o esixente código que postulaba naquela ocasión. Moito mais se, como resulta evidente, non é comparábel ter relacións cun imputado por contrabando mentres se ocupa un cargo na Administración galega que mantelas cun empresario sen ter responsabilidades na xestión dos orzamentos públicos.

Pedir para os demais o que un non está disposto a practicar é a proba do nove da insolvencia ética dun representante político. Con semellante pedagoxía, os propósitos de rexeneración democrática fican totalmente devaluados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.