A fuxida do rei emérito Juan Carlos I de Borbón, o pasado 3 de agosto, é o último episodio de todo un serial relacionado co que a institución monárquica considera meros “acontecementos pasados da súa vida privada”. Acontecementos, con todo, que deron lugar ao inicio de importantes investigacións penais, primeiramente en Suíza, e despois a iniciativa da Fiscalía do Tribunal Supremo español.
Daquela primeira declaración de intencións, ao feito consumado: a fuxida do rei emérito precisamente no mes de agosto, politicamente máis discreto, que atenua o ruído mediático. Marcha con todo o seu patrimonio e os seus títulos debaixo do brazo, sen declaracións públicas, sen rendición de contas e sen que o presidente Pedro Sánchez condene a súa marcha.
A sucesión de turbios acontecementos evidencia que a Casa do Rei acumula toda unha serie de episodios que sitúan á monarquía española moi lonxe do seu pretendido comportamento “exemplar”, tan manido como falso.
Un último episodio dunha tempada que comezaba o 15 de marzo, en plena conmoción polo recentemente estreado Estado de Alarma. Felipe VI comunicaba que xa un ano antes soubera da súa suposta designación como beneficiario da ‘Fundación Lucum”. Felipe VI demoraba polo tanto máis dun ano en dar conta destes feitos á opinión pública e ao conxunto da cidadanía. A data escollida para facelo non é inocente, como en case todo o que acontece no relacionado coa monarquía.
Así, en menos de cinco meses, a ilusión política construída ao redor da figura de Juan Carlos I, semella que se vai derrubando como un castelo de naipes. Un rei emérito presuntamente implicado en delitos de corrupción, branqueo de capitais e evasión fiscal continuada. Estes feitos de enormes dimensións só poden comprenderse pola complicidade sistemática de amplos sectores do poder político, institucional e mediático, afeitos a mirar cara a outro lado nos asuntos que teñen que ver coa Casa do Rei e a monarquía.
Ao contrario do que eses sectores interesadamente nos queren facer crer, as presuntas actividades ilícitas do rei emérito distan, e moito, de ser un caso puntual e privado. A sucesión de turbios acontecementos evidencia que a Casa do Rei acumula toda unha serie de episodios que sitúan á monarquía española moi lonxe do seu pretendido comportamento “exemplar”, tan manido como falso. O certo é que nas últimas décadas a ninguén se lle escapa a decadencia, opacidade e anacronismo da institución monárquica.
O caso Nóos, por exemplo, custoulle unha condena de prisión ao daquela Duque de Palma, Iñaki Urdangarín, cuñado de Felipe VI, por desvío de fondos públicos e fraude fiscal. O curmán do ex-monarca, Álvaro de Orleáns, actuou de testaferro e parece estar implicado no cobro de comisións multimillonarias pola venda do Banco Zaragozano. Todo indica que non estamos diante de casos illados ou individuais, senón que baixo o amparo mediático, os privilexios e a escaseza de controis democráticos medrou unha corrupción que supón xa unha seria ameaza para a nosa calidade democrática, e para o propio Estado de dereito. Unha realidade á que a actual xefatura do Estado non é allea, tal e como o seu comunicado de marzo demostrou.
Que a Xefatura do Estado sexa un cargo hereditario, subvencionado grazas aos impostos da cidadanía, no que ademais os varóns gozan de prioridade na liña sucesoria, é unha anomalía democrática, unha enxeñería patriarcal e un anacronismo feudal sobre o que nunca se tivo opción de decidir
Cando se di que a lei é igual para todos e situamos a monarquía fronte ao espello dese principio de igualdade, a imaxe reflectida non é outra que unha imaxe grotesca, monstruosa e deformada, unha figura esperpéntica que tan ben expresou Valle-Inclán para describir a decadencia política e social española de principios do século XX.
Que a Xefatura do Estado sexa un cargo hereditario, subvencionado grazas aos impostos da cidadanía, no que ademais os varóns gozan de prioridade na liña sucesoria, é unha anomalía democrática, unha enxeñería patriarcal e un anacronismo feudal sobre o que nunca se tivo opción de decidir. A institución monárquica ten unha fraxilidade de orixe, pois precisamente non ten lexitimidade democrática detrás. Foi unha institución imposta polo franquismo tras case 40 anos de ditadura e o golpe de estado de 1936. A cidadanía en democracia ten dereito a que haxa un debate público e social sobre a monarquía e o seu exercicio, sobre os escándalos vinculados a súa actuación.
Non se pode abordar esta situación dende a opacidade, sen transparencia, mirando para outro lado, esa inacción supón unha fraude democrático. Por saber non sabemos, nin tan sequera, canto nos custa esta institución, pois os 8 millóns de euros de orzamento da Casa Real só cobren os propios gastos e nóminas da familia real e dos seus altos directivos. Para poder saber os custos reais, hai que afondar nos orzamentos de cada un dos ministerios, que tamén contan con partidas para sufragar o mantemento dos edificios e patrimonio “ao servizo da coroa”, para os mais de 40 vehículos e 60 condutores, para a Garda Real e os 135 funcionarios que traballan directamente para o monarca, para a policía e garda civil encargada da súa seguranza, para pagar todas as viaxes ao estranxeiro da familia real, etc. Todo isto financiado desde as arcas públicas, desde as contas dos ministerios de Presidencia, Defensa, Interior, Exteriores e Facenda.
A institución monárquica española non é unha mera institución simbólica e neutral tal e como nos quixeron facer crer reiterando que “o rei reina, pero non goberna”. A realidade é ben diferente: o monarca ten un rol central na trama de poder político, económico e financeiro que se foi consolidando a partir da chamada Transición. A experiencia amosa continuas posicións de parte do pai e do fillo en cuestións políticas de diversa natureza, como o modelo de Estado e a súa articulación territorial, a redistribución da riqueza ou as ferramentas institucionais para a profundización democrática.
Non hai ningún argumento para que non se poida consultar a cidadanía sobre a pervivencia ou non da institución monárquica nunha democracia do século XXI
A nosa sociedade ten dereito a saber e a decidir, e este é un debate importante que nos interpela colectivamente, tamén ás institucións locais en canto que somos as representantes públicas máis próximas da cidadanía. Así o entendemos, desde os grupos municipais da Marea Atlántica e de Compostela Aberta e por iso esiximos a condena rotunda da fuxida do rei emérito xusto cando está a ser investigado. Tamén imos reclamar que se inicie unha investigación parlamentaria polas accións realizadas por D. Juan Carlos de Borbón dende o ano 2014, momento no que deixou de manter a súa condición de inviolabilidade xurídica. Proporemos, ademais, que se retiren as honras ou títulos honoríficos que ostente o rei emérito nos concellos de Santiago de Compostela e A Coruña. E por último, esixiremos que se abra o debate sobre a celebración dun referendo no que a cidadanía decida sobre o modelo de Estado actual e sobre a continuidade ou non da monarquía .
É un debate de gran interese público. Non hai ningún argumento para que non se poida consultar a cidadanía sobre a pervivencia ou non da institución monárquica nunha democracia do século XXI. As institucións sempre deben ser responsables ante a propia sociedade. Querer saber, querer decidir é, sen dúbida, un exercicio de fortalecemento democrático fronte aos privilexios e os abusos de poder.