Fronte ao desemprego e a necesidade de recualificación: impostos aos robots?

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Terciarización da economía, desindustrialización, dixitalización, industria 4.0 e robotización poderían ser o punto de partida dunha novela de Isaac Asimov, pero son algunhas das principais características do mercado laboral que afectan, e afectarán, á clase traballadora nos vindeiros anos, aceleradas pola recente pandemia da COVID-19. 

Terciarización da economía, desindustrialización, dixitalización, industria 4.0 e robotización poderían ser o punto de partida dunha novela de Isaac Asimov, pero son algunhas das principais características do mercado laboral 

As discusións teóricas teñen enfrontado ao longo do tempo o problema da substitucións dos traballadores pola tecnoloxía. Pero, como enfronta a teoría económica a problemática do desemprego? A economía considerou ao longo do tempo, de forma xeral, o mercado do traballo coma un mercado máis. As contribucións máis destacadas neste eido foron desde Adam Smith1, a David Ricardo2, Karl Marx3, Léon Walras4, Alfred Marshall5, Arthur Cecil Pigou6, John Maynard Keynes7 e máis recentemente as de Diamond, Mortensen e Pissarides8, entre outros. Sen embargo, a pesar das achegas teóricas, a discusión sobre se a tecnoloxía crea ou destrúe emprego continúa presente. De acordo cos profesores Brynjolfsson e McAfee (2011) da Escola Sloan de Administración e Dirección de Empresas (MIT), o ano 2000 puido supoñer un punto de inflexión para dilucidar este debate. Desde ese ano sería posible observar a diverxencia nas liñas de tendencia correspondentes aos aumentos de produtividade e aos aumentos no nivel de emprego, sendo maior o crecemento do primeiro indicador. A existencia dunha fenda deste tipo entre ambos indicadores estaría a reflectir xeración de desemprego ante a adopción de novas tecnoloxías. 

Durante ese proceso de transición e de reincorporación ao mercado laboral, as administracións poderían contar con recursos minorados para asumir os crecentes custos sociais derivados desa situación

Ao mesmo tempo, como consecuencia da substitución dos traballadores por máquinas xurdiría a necesidade de provisión de servizos básicos durante o período de transición -dificilmente evitable en mercados laborais caracterizados por taxas de desemprego elevadas- cara un novo emprego (posiblemente tecnolóxico): formación para a reinserción, atención sanitaria, educación, servizos sociais, vivenda, transporte, alimentación, etc.. Sen embargo, durante ese proceso de transición e de reincorporación ao mercado laboral, as administracións poderían contar con recursos minorados para asumir os crecentes custos sociais derivados desa situación xa que, onde antes contribuía un traballador asalariado mediante a súa cotización ao IRPF, atoparase producindo no seu lugar un robot ou un ordenador que non tributa. Se ben é certo que os posibles aumentos de produtividade das empresas consecuencia da minoración de custos (salariais, contributivos e de medidas de protección dos traballadores) poderían producir para as empresas maior taxa de lucros, declarados a través do imposto de sociedades (en caso de que as empresas contribúan no Estado, algo que non sempre acontece, especialmente no caso de grandes empresas e multinacionais), semella improbable que unha posible maior recadación por esta vía compense a posible perda de ingresos vía renda dos traballadores.

Unha opción que cómpre discutir en profundidade como sociedade consistiría en compensar a posible falta de recadación pública vía gravación da actividade realizada polos robots que substituíron a produción que antes correspondía aos traballadores

Volvendo ao fenómeno da robotización da produción, esta está a derivar nun novo escenario nas relacións salariais no que o poder de negociación dos traballadores fronte a unha patronal difusa, repartida en consellos de administración, accionistas e fondos voitre, apunta a ser progresivamente menor. Como reverter este novo desequilibrio de forzas? Na procura dunha nova sintonía que poida brindar oportunidades de desenvolver unha vida laboral digna aos traballadores afectados (no seu sentido amplo, desempregados e traballadores baixo presión por maiores necesidades de produtividade, incluíndo salarios á baixa), unha opción que cómpre discutir en profundidade como sociedade consistiría en compensar a posible falta de recadación pública vía gravación da actividade realizada polos robots que substituíron a produción que antes correspondía aos traballadores. Os matices que se poderían barallar na aplicación dun imposto deste tipo son numerosos, podendo propoñerse por exemplo, un imposto en función do tamaño das empresas (gravando ás multinacionais, transnacionais e grandes empresas en maior medida), do número de traballadores substituídos (maior taxa a maior número de traballadores substituídos), ou doutras repercusións positivas para a sociedade (por exemplo, menor taxa se a substitución comportou melloras ou é respectuosa co medio ambiente, etc). Sen embargo, argumentos como o risco de posibles deslocalizacións empresariais e de desincentivos á innovación estarán presentes fronte a un posible imposto como este, o que faría recomendable que unha decisión deste calado fose tomada de maneira harmonizada a nivel supranacional, para o noso caso na Unión Europea. Sen embargo, coa Resolución do Parlamento Europeo de 16 de febreiro de 2017 rexeitouse acordar a gravación aos robots (Parlamento Europeo, 2017; Reuters, 2017). E isto a pesar de que en países como España xa habería na actualidade 168 robots por cada 10.000 empregados, segundo a Federación Internacional de Robótica (Leal, 2019). 

En plena crise económica derivada da pandemia, as urxencias das empresas a nivel financeiro -e contar con tesouraría dispoñible- e fiscal apuntan no curto prazo cara o aprazamento dos impostos. Pero a pandemia non durará ad eternum e os investimentos realizados polas administracións para paliar a situación de crise esixirán esforzos colectivos futuros para cubrir o déficit xerado. Por este motivo, os tempos manexados para a posible implementación dunha política fiscal deste tipo serían fundamentais, podendo ser conveniente previamente que se produza a recuperación e estabilización económica do tecido produtivo. 

Sen dúbida cabería abrir a discusión sobre esta complexa cuestión para ser tratada coa profundidade requirida e que esta fose tomando maior presenza no debate socioeconómico. 

Queda aínda moito por facer…

 

Bibliografía

Brynjolfsson, E., & McAfee, A. (2011). Race against the Machine: How the Digital Revolution is Accelerating Innovation, Driving Productivity, and Irreversibly Transforming Employment and the Economy. EEUU: Brynjolfsson and McAfee.

Leal, F. ( 2019). ¿Me quedaré sin empleo? España supera la media europea de robots por cada 10.000 empleados. Recuperado de https://byzness.elperiodico.com [ref. de 28 de novembro de 2019]. Dispoñible en: https://byzness.elperiodico.com/es/innovadores/20191128/empleo-robots-fabricas-espana-7754296

Parlamento Europeo. (2017). Resolución del Parlamento Europeo, de 16 de febrero de 2017, con recomendaciones destinadas a la Comisión sobre normas de Derecho civil sobre robótica (2015/2103(INL)) Recuperado de Parlamento Europeo. Textos Aprobados, en https://www.europarl.europa.eu/ [ref. de 16 de febreiro de 2017]. Dispoñible en: https://www.europarl.europa.eu/doceo/document/TA-8-2017-0051_ES.html

Reuters. (16 de 02 de 2017). European parliament calls for robot law, rejects robot tax. Recuperado de https://www.reuters.com [ref. de 16 de febreiro de 2017]. Dispoñible en: https://www.reuters.com/article/us-europe-robots-lawmaking-idUSKBN15V2KM

 

Notas

1 Para A. Smith o mercado de traballo considérase igual que o mercado de calquera produto

2 Segundo D. Ricardo a incorporación de máquinas ao proceso produtivo requirirá de menor man de obra menor, pero esta man de obra substituída atopará traballo grazas ás novas invencións 

3 K. Marx predixo que o proceso de mecanización condenaría aos traballadores a salarios de subsistencia ou ao desemprego

4 Segundo o equilibrio xeneral walrasiano os desequilibrios do mercado laboral serían transitorios e resolveríanse pola vía dos prezos

5 Para A. Marshall e os neoclásicos que o seguen, bastaría con que o goberno se abstivese de intervir nos asuntos económicos e deixase todo o campo aberto á iniciativa privada e á libre competencia do mercado para acabar co desemprego

6 Pigou foi un dos primeiros autores en detectar as fallas do mercado

7 Keynes considera que o mercado laboral e a situación do pleno emprego son casos singulares da economía, diferenciando a economía clásica e neoclásica da economía real

8 Diamond, Mortensen e Pissarides foron Premios Nobel de economía en 2010, destacando a existencia de friccións reais que impiden os axustes automáticos que formulan as teorías económicas convencionais para o mercado de traballo e demostrando a persistencia dos seus desequilibrios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.