Fronteiras para a acción exterior

A diplomacia é unha das políticas públicas que mais complexidade gañou nos últimos tempos esencialmente como consecuencia das enormes transformacións políticas e económicas que experimentou a sociedade internacional nas décadas pasadas, pero tamén a resultas dos cambios rexistrados internamente co proceso de democratización que se foi desenvolvendo de forma paralela no Estado español.

O servizo exterior agravou as súas carencias co paso do tempo e nunca interiorizou a realidade autonómica do novo Estado

Fronte a esta evidencia, a resposta do servizo exterior central tense caracterizado pola impotencia e a incapacidade para instrumentar unha reforma capaz de integrar  innovacións tan profundas poñendo coto aos corporativismos mais rancios e a unha diplomacia maiormente desacompasada en relación aos requirimentos do seu entorno. A defensa ou o poder xudicial, poñamos por caso, segmentos igualmente substanciais do Estado, con maior ou menor fortuna, acometeron cambios apreciables. Non obstante, e pese a intentalo varios ministros en diferentes ocasións, ninguén foi quen de levar un sopro de aire fresco a este servizo, só afectado colateralmente polo impulso autonómico, en certo sentido, renovador, que sen ánimo de aproveitar baleiro algún procuraba respostas á necesidade de estar presente no exterior sendo observado con desconfianza polo corpo xestor tradicional. En consecuencia, estruturalmente, o servizo exterior agravou as súas carencias co paso do tempo e nunca interiorizou a realidade autonómica do novo Estado (desenvolvendo mesmo unha actitude descualificadora respecto ao impulso exterior autonómico) nin a súa dimensión exterior asimilou de xeito suficiente, especialmente na estrutura, os cambios producidos na situación internacional ata nun ámbito tan próximo como a Unión Europea.

Coa principal escusa da crise e a necesidade de establecer criterios racionalizadores, o goberno central ansía impor un corpiño á acción exterior das Comunidades Autónomas

Chegou o momento de superar tal eiva? Un anteproxecto de lei de acción exterior circula dende hai meses polos ministerios centrais (semella que non así polos departamentos de acción exterior das comunidades autónomas, que tamén debería). Do que transcende, o leit motiv que parece inspirar a citada iniciativa é o seguinte: coa principal escusa da crise e a necesidade de establecer criterios racionalizadores, o goberno central ansía impor un corpiño á acción exterior das Comunidades Autónomas. Estas deberan limitarse a ser comunidades cara dentro, pero non cara fóra. Pero, ata que punto esta política obedece a unha estratexia anticrise ou responde a imperativos doutra naturaleza? Con independencia da deriva soberanista catalá, esta é unha vella teima que non se explica unicamente polo afán de poñer trabas á internacionalización deste conflito.

O que “suxire” para as CCAA non se aplica ao sobredimensionamento e hipertrofia que padece o servizo exterior do Estado en numerosos países

O primeiro que cómpre dicir é que a obsesión pola redución de custes debería ser aplicada en primeiro lugar pola propia Administración central, racionalizando a estrutura das súas propias legacións físicas e do seu persoal. O que suxire para as CCAA non se aplica ao sobredimensionamento e hipertrofia que padece o servizo exterior do Estado en numerosos países, produto dunha realidade marcada pola inercia sumada á necesidade de atopar destinos preferentes e ben retribuídos a altos funcionarios ou autoridades en vía de retiro da vida política mais activa. Antes de atreverse, ou cando menos en paralelo, a criticar o presunto desbalde das CCAA –que pode habelo en casos puntuais e non só neste ámbito-, o goberno central debera presentar un plan de racionalización das súas propias legacións no exterior e dos seus organigramas de persoal, agregadurías incluídas. Polo momento, predicar co exemplo non é unha das fortalezas do servizo diplomático central.

É importante admitir e recoñecer o dereito das CCAA a desenvolver unha acción exterior acorde ás súas necesidades. É unha cuestión de responsabilidade, non de xogar a ser un mini-Estado

En segundo lugar, é importante admitir e recoñecer o dereito das CCAA a desenvolver unha acción exterior acorde ás súas necesidades. É unha cuestión de responsabilidade, non de xogar a ser un mini-Estado. Se unha empresa, unha universidade, un partido político ou un club de fútbol debe contar con relacións exteriores e unha estratexia nesta materia, unha CCAA tamén debe contar con instrumentos para xestionar os intereses exteriores da sociedade que representa e que tamén precisa estar no mundo. Debe contar para iso con mecanismos propios e tamén con posibilidades de desenvolvelos a través da acción exterior do propio Estado. Así mesmo, o Estado debe contar con instrumentos para xestionar certas políticas exteriores a través das CCAA. Esa retroalimentación e sinerxía reflicte unha autentica vontade integradora, constrúe a complementariedade e senta bases reais para o exercicio da lealdade.

Non se debera temer que redunde na potenciación dos nacionalismos, menos por parte daqueles que sempre se manifestaron tan entusiastas da idea de que “o nacionalismo cúrase viaxando”

Non se debera temer que redunde na potenciación dos nacionalismos, menos por parte daqueles que sempre se manifestaron tan entusiastas da idea de que “o nacionalismo cúrase viaxando”… Calquera outra percepción baseada no axioma de que o que se fai desde o centro é bo e correcto e o que se fai desde a periferia é contraproducente e incorrecto, equivale a unha exacerbación maniquea do centralismo.

En terceiro lugar, carece de sentido reducir a acción exterior a unha política subsectorial ou diplomacia económica, especialmente no caso das nacionalidades históricas. Mesmo resulta totalmente insatisfactorio cando esta ponse, na práctica, ao servizo practicamente exclusivo das grandes empresas, o que supón unha interpretación reducionista da diplomacia económica (as pequenas empresas representan máis do oitenta por cento) e unha concesión explicable pola acción de quen mais capacidade ten para facer lobby ante os poderes públicos. Indubidablemente, a dimensión empresarial é esencial para favorecer a internacionalización do tecido produtivo e cómprelle apoio político. Non obstante, a cultura, a diáspora, etcétera., son variables a incorporar nesta dimensión evidenciando a transversabilidade dunha política que perde consistencia se non é integral nin arbitra recoñecementos específicos ás potencialidades dun determinado territorio.

A cultura, a diáspora, etcétera., son variables a incorporar nesta dimensión evidenciando a transversabilidade dunha política que perde consistencia se non é integral

Se a articulación e coordinación da acción exterior goberno central-CCAA redúcese a convidar as oficinas de representación exterior a integrarse nas legacións diplomáticas do Estado e catro xestos consultivos adicionais, todos perderemos unha excelente oportunidade para transformar a diversidade interna nun activo que potencie a diplomacia do Estado no seu conxunto. Mesmo o traslado das citadas oficinas, tan publicitado por convenios asinados aquí e acolá, vai ser de difícil realización á vista da crónica precariedade e insuficiencia das representacións españolas no exterior. Todo pode quedar nun mero anuncio propagandístico sen efecto real algún, por moita anuencia e aplauso que reciba en virtude dunha estratexia de comunicación que contou co entusiasmo cego e ata censor dalgúns medios, empeñados en sinalar desbaldes descualificadores das políticas autonómicas.

Sería esta unha excelente oportunidade para evidenciar nacionalismos abertos ao mundo en contraposición a centralismos que erguen valados

Claro que todo este é un terreo ben doado para abrir camiño ás teses do goberno central, non soamente pola complicidade renunciadora das representacións partidarias maioritarias nas autonomías, senón mesmamente pola ausencia de visión no resto das forzas parlamentarias, nacionalistas ou non. Sería esta unha excelente oportunidade para evidenciar nacionalismos abertos ao mundo en contraposición a centralismos que erguen valados. Non era ao revés? Pero a paradiplomacia non está na axenda das oposicións: alguén propiciou ou pensa en propiciar un serio debate no parlamento galego sobre esta cuestión?...

Que o servizo exterior de España require unha reforma profunda é cousa sabida dende hai tempo en razón da complexidade desta acción e a diversificación actual dos intereses exteriores. Agora ben, esa redefinición errará se asenta na imposición de fronteiras ás autonomías. Procede un esforzo por lograr a acomodación dos intereses de todos arbitrando complementariedades e lealdades, acordando estratexias e liñas de acción, equilibrando protagonismos en función das singularidades, ampliando os horizontes de formación e habilitando fórmulas de recoñecemento que enriquezan o servizo exterior no seu conxunto. Precisase máis coordinación, non negación; definición consensuada das prioridades e non imposicións, tutelas ou controis previos que emanen da desconfianza. A reclamada unidade da acción exterior é unha responsabilidade a construír entre todos, non un plan que transpira verticalidade e neocentralismo. O MAEC faría ben en manifestar mais sensibilidade coas autonomías e menos indulxencia cos intereses creados dos diferentes departamentos e corporativos que puxan por manter as súas teimas extemporáneas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.