O fútbol. Ese deporte que move miles, millóns de ilusións todas as fins de semana. Miles de crianzas erguéndose cedo para poñerse unha botas e ir xogar. Ese deporte que crea modelos de vida e conduta a cotío. Ese deporte que move máis euros en publicidade e merchandise que voltas dá un balón durante un partido. Ese deporte que hai tempo deixou de ser tal para transitar entre o culto relixioso e os beneficios das multinacionais.
O fútbol. Ese deporte que ten na FIFA, ese grupo selecto de varóns, o seu organismo supremo. Quen non escoitou algunha vez falar desta asociación privada de federacións futbolísticas de todo o mundo. Sobre os seus líos e corrupcións sería necesario dedicarlle un monográfico que deixo para persoas expertas. Este artigo só pretende manifestar a sorpresa e a indignación que causa coñecer a discriminación a que somete a Federación Galega de Fútbol a nenos e nenas por orde expresa da tal entidade. A circular elaborada pola FIFA sobre o traspaso internacional de menores estranxeiros é unha broma de mal gusto para os menores que só queren xogar cos seus amigos, ás veces algunha amiga, no club do seu barrio. Esta circular discrimina todos os menores que teñan nacido no estranxeiro, sexan adoptados, tutelados ou convivan coas súas familias emigrantes.
A circular elaborada pola FIFA sobre o traspaso internacional de menores estranxeiros é unha broma de mal gusto para os menores que só queren xogar cos seus amigos
A normativa sobre as adopcións internacionais é moi clara e contundente tanto no Código Civil como na Constitución. Son nenos e nenas con nacionalidade recoñecida de pleno dereito. Coa mesma claridade exprésase a Declaración Universal dos Dereitos da Infancia ou a Lei de Protección Xurídica do Menor que recoñece a necesidade de garantir a súa igualdade e non discriminación por ningunha circunstancia. Mais o certo é que a FIFA e, polo tanto, a Federación Galega de Fútbol vulnera todos os dereitos dos menores e desoe todos os tratados internacionais que ratifican a non discriminación dos e das nenos e nenas por motivo de nacionalidade. A lei galega tamén é moi clara a respecto de garantir os dereitos da infancia no referido a participación en actividades deportivas e de ocio sen ningunha traba.
Por iso, é totalmente sorprendente e indignante que cada vez teñamos coñecemento de máis casos de nenos aos que a Federación lles puxo todo tipo de obstáculos para poder facer a súa ficha. Sen tardar un só minuto máis a Federación Galega debería subsanar o problema, pedir desculpas as familias e non volver a reiterarse nesta práctica en próximos anos.
Sen tardar un só minuto máis a Federación Galega debería subsanar o problema, pedir desculpas as familias e non volver a reiterarse nesta práctica en próximos anos
Os grandes clubs e a FIFA gañan millóns de euros vendendo camisetas, sudadeiras, bufandas, cromos, vídeoxogos e un longo etcétera para despois practicar a máis despiadada das discriminacións á infancia. Teñen o descaro de cobrar sesenta euros polo xogo FIFA16 para a Play ao tempo que impiden que moitos cativos poidan xogar nos seus clubes. Unha vergoña. Será que a lóxica do deporte-negocio está moi lonxe da vida.
O fútbol deixou de ser un deporte para ser un negocio. Deixou de ser un deporte para enxalzar a cultura do ego e o individualismo, antítese do xogo colectivo
Coches de luxo coas súas correspondentes fotos en Instagram, traxes imposíbeis e noivas modelos agochan o deporte de base, o que se practica todos os días. O fútbol deixou de ser un deporte para ser un negocio. Deixou de ser un deporte para enxalzar a cultura do ego e o individualismo, antítese do xogo colectivo. Demasiado glamour rodeando uns poucos elixidos, e digo ben “elixidos” porque ás mulleres xa sabemos que se lles reserva outro rol ben diferente, demasiada presión de pais e nais que proxectan nos campos de fútbol moito máis que o gusto polo deporte, demasiada idolatría cando o que realmente queren os nenos e as nenas é xogar. Tan difícil é que o fagan en igualdade?