Galeras fai cidade

A Plataforma de Galeras naceu para defender o público e facer cidade desde un barrio que combina o novo e o vello. Desde aquel inicio, a Plataforma leva traballando en actuacións que permitan a mellora deste espazo, tales son as propostas de “Galeras. Barrio 30” para priorizar o uso peonil e garantir a seguridade das persoas; a demanda de rehabilitación e apertura da “Casa da luz”; a mellora do parque infantil e do paseo do río Sarela e un longo etcétera no que ten prioridade a dotación dun centro público para persoas maiores no espazo do antigo hospital.

A demanda dunha dotación tan importante para Compostela como é un centro para persoas maiores, con prazas residenciais e centro de día, é de xustiza xa que na rúa de Carretas se perdeu este uso no antigo Asilo e, asemade, con diñeiro público (cómpre lembrar que a Xunta de Galiza achegou 2 millóns de euros) privatizouse este edificio até tal punto que nin sequera a veciñanza pode entrar no xardín, pechado ou vixiado por gardas de seguridade. Non é así como se constrúe unha cidade de convivencia e de lecer, de sosego e de saúde. As persoas de idade, tras unha súa vida de traballo, teñen dereito a ser coidadas con agarimo e disfrutar de calidade de vida. E, desde a Plataforma de Galera, farase todo o posíbel para que así sexa, xa que no seu día, os terreos do vello hospital foron expropiados e a construción do edificio, fíxose con diñeiro público, é de dereito que este espazo, unha vez rehabilitado e recuperado, garde -polo menos unha parte- de uso público, dotacional e sociocomunitario.

O barrio de Galeras, desde as Hortas até o Pombal pasando polo Carme, está mudando a súa veciñanza a unha velocidade incríbel. En cinco anos os apartamentos turísticos e albergues inzaron como cogomelos, facendo que corra o risco de se converter nun “parque temático”, perdendo así a súa identidade de barrio de veciñanza diversa e plural. Cómpre, pois, que esta nova actuación urbanística no espazo do hospital, ademais de servir para conservar a memoria na arquitectura sanitaria, sirva tamén para facer cidade para as persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.