Galicia, fóra do mapa

Ben que tamén tardiamente, o Ministerio de Fomento tense mobilizado para situar os portos españois no mapa da Ruta Marítima da seda que impulsa China. A Iniciativa da Franxa e a Ruta (IFR), lanzada en 2013, é a principal estratexia exterior promovida desde Beijing para consumar a súa longa carreira para volver situarse no epicentro do sistema internacional.

Institucións, empresas e consultoras do leste da península teñen multiplicado os seus esforzos para avanzar unha estratexia de conexión do corredor mediterráneo con esta ruta marítima da seda, habida conta do interese da China pola acupuntura portuaria que ven promovendo arredor de todo o mundo. As autoridades de Alxeciras, Barcelona ou Valencia, poñamos por caso, articuladas como unha comunidade loxístico-portuaria que tanto compite como coopera, tratan de tirar partido das novas opcións tendo en conta que a China é un dos principais mercados do tráfico a este nivel.

O traxecto marítimo chinés pasa polo Mediterráneo e o reto radica en captar boa parte das mercadorías que circulan entre ambos os dous continentes. Perto de 20 millóns de toneladas con orixe/destino China pasan polos portos españois, sendo os mediterráneos os máis beneficiados, utilizados nun 40 por cento como tránsito, é dicir, como mellor conexión para chegar ao seu destino final.

O porto de Bilbao, no mar Cantábrico, lidera a conexión entre o Mediterráneo e o eixe Atlántico. Onde están os portos galegos? Que estratexia ten a Xunta de Galicia para facer valer as nosas oportunidades e ambicións? O presidente Feijóo secunda as patronais de Galicia, Asturias e Castela-León que se mobilizan, non sen razón, para reivindicar as infraestruturas do corredor atlántico, pero ningunha alternativa de peso se propón para responder ao desafío que supoñen as opcións de Bilbao e Sines, perto de Lisboa, hoxe as máis destacadas para se conectar coa ruta marítima da seda.

Portos e cidades portuarias chinesas téñense interesado nos últimos anos polos portos galegos. Houbo visitas recíprocas das que pouco saíu, que se saiba. Entrampados nas nosas cousiñas e tirándose os trastos entre portos e autoridades territoriais, seguimos sen contar cunha proposta de país que nos engarce ao corredor Asia-Europa, o segundo do mundo en importancia. As nosas infraestruturas portuarias non contemplan esta opción como unha esixencia de cara ao futuro. E o tempo corre.

A IFR involucra a máis de 60 estados e encara agora a súa expansión cara América Latina e o Caribe. O investimento chinés na península ibérica ven medrando de forma sostida. A ubicación idónea dos portos galegos para conectar cos mercados do outro lado do Atlántico ou as nacións africanas que abeiran o mesmo océano ou para dispor dunha boa entrada en Europa desde o sur, non ofrece dúbidas. Pero hai que adaptala e facela valer.

A pasividade das autoridades autonómicas, distraídas coa celosa cuadratura das contas que tanto gusta de exhibir o noso grande xestor mentres os grandes temas da axenda pasan de largo, constitúe unha neglixencia que acentuará a marxinalidade da nosa Terra, un país de recoñecida vocación marítima. Pero igualmente pasará factura a ausencia nestes debates da oposición e poderes locais alternativos que seguen sen contar cunha visión de maior vangarda a este nivel. Nin nos enteramos nin lle damos a importancia que ten. E así nos vai e nos irá.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.