Galicia Potosí

De entre os moitos seriais sobre a crise que nos secuestran a diario a conciencia, reservamos un lugar moi especial nos nosos corazóns para o embuste mineiro.

Nunca nos chegarán a dicir que o pesadelo mineiro galaico xurdiu nunha ducha un día calquera dunha anodina semana cinsenta do hemisferio norte. Posibelmente do outro lado do océano. Ou non. Este punto non está aínda de todo claro.

O caso é que todo debeu comezar cando un John Thomas calquera dedicou un minuto da súa ducha diaria a pensar en nós sen saber que estaba a pensar en nós

O caso é que todo debeu comezar cando un John Thomas calquera dedicou un minuto da súa ducha diaria a pensar en nós sen saber que estaba a pensar en nós. Posibelmente siga sen sabelo aínda a estas horas porque o que el estaba a observar, o que segue a observar con cobiza, era e é o seu embigo. Incríbeis as posibilidades especulativas que podería tirar daquelas pequenas bólas de sebo xeradas naquel buratiño a ceo aberto aparentemente inoperante do seu corpo. Toda unha trama especulativa que contaría coa participación triunfal dun goberno autonómico con aparato propagandístico como única razón de ser e a posta en escena dunha armazón capitalista de prestixio: a Credit Suisse AG e a Barclays Bank PLC servirían de engado.

O noso John Thomas calquera, o prestixitador da Edgewater de turno, conseguiu que a súa empresa contase coa colaboración inicialmente desinteresada da filial Núñez Feijóo & Xunta © nunha interpretación maxistral do boneco de palla á hora de dar o visto e prace. Que máis ten que até a estética sexa a dun estado neocolonial no terceiro mundo? Xerando confianza porque unha marca é unha marca. Nada por aquí, nada por alá. Nova Galicia Banco, Pemex, dique flotante de Ferrol, Cidade da Cultura. Minas.

Maxia.

Limita tanto quedarse só no galego que xa non abonda con cantar aquilo de Galicia, gran carallo de sal. En realidade Galicia vai camiño de converterse nun sinistro total por esfarelamento en fundido do queixo furado. A este paso conseguiremos comunicar subterraneamente con Yanacocha en Perú (ouro) ou coas antípodas neocelandesas en Waihi (ouro) amigándonos co pobo mongol de Baotou en China (terras raras) e mandándolle un Hei carballeira! fraternal á parroquia de Barberton en Sudáfrica (ouro) pola festa do patrón.

Sacha que sacha, fura que fura, a vosa consellaría de industria opina que por valer non valemos un pataco e de ser algo, Galicia é unha mina

Sacha que sacha, fura que fura, a vosa consellaría de industria opina que por valer non valemos un pataco e de ser algo, Galicia é unha mina. Un neo-Potosí galaico onde conflúen múltiples intereses bancarios, financeiros, especulativos e xeopolíticos de primeira orde. Un engano maiúsculo. Tanto como o estrito coidado ambiental ao que estas empresas se someten ou as espléndidas obras sociais espalladas por medio mundo. Un embuste continuo que deixa en vulgar aprendiz de mentirán ao Yes Man Jude Finisterra.

Non hai recuncho que non se conmensure xa en cuadrícula mineira tras a exposición indiscriminada de solo galego a concurso público

Non hai recuncho que non se conmensure xa en cuadrícula mineira tras a exposición indiscriminada de solo galego a concurso público. Dende Corcoesto - Cabana de Bergantiños (ouro), pasando pola Limia (feldespato), a Terra Chá (seixo), a Fonsagrada e arredores (ouro, prata e chumbo), Ordes e Compostela (cuarzo), a serra da Groba (ouro) ou até a propia serra do Galiñeiro (terras raras), os nomes oficiais dos protagonistas varían segundo a ocasión: Edgewater Corporation (Canadá), Minicer S.L., Erimsa (Noruega), Goldquest (Canadá), Erimsa (Noruega), Medgold (consorcio anglo-canadiano) ou Umbono (Sudáfrica). Capaces de mutar e transformarse en entidades máis manexábeis segundo as necesidades de cada zona, semellan a expresión mineira de conglomerados bancarios capaces de ditar a folla de ruta a gobernos e con presenza activa nos medios de comunicación

Semella tamén que detrás do moito fume xerado subxace como obxectivo predominante o ben público, a procura de substanciosas subvencións que convertan en rendíbel modelos que non o son de todo

Semella tamén que detrás do moito fume xerado subxace como obxectivo predominante o ben público, a procura de substanciosas subvencións que convertan en rendíbel modelos que non o son de todo, punto que recoñece mesmo a xente que non se opón frontalmente ao proxecto estrela de Corcoesto e que parece que actuará de índice de tolerancia á incidencia mineira para o resto de Galicia. De que outro xeito se pode entender que poder oficial e poder oculto, o ouro e o mouro, se dean abertamente a man chegando a sacrificar máis de mil explotacións gandeiras, dúas zonas agrícolas produtoras de pataca con denominación de orixe, dúas reservas da biosfera, zonas arqueolóxicas cercanas a núcelos de poboación, modelos de economía sustentábel xerados ao longo de séculos? Galicia é máis bonita que os ouros do Perú!

Existe ampla documentación de como a actividade mineira estraga os recursos acuíferos nas zonas afectadas, orixina danos irreparábeis no subsolo que invalidan os modelos produtivos tradicionais xerando enfermidades, conflitividade social e viciando aínda máis o mercado laboral con prácticas próximas á escravitude.

Resulta imprescindíbel unha presenza cidadá crítica que se articule activamente contra a instauración do abuso trilero ensarillado a dúas bandas, o transnacional privado e os gobernos teoricamente públicos e territoriais

Resulta xa que logo imprescindíbel unha presenza cidadá crítica que se articule activamente contra a instauración do abuso trilero ensarillado a dúas bandas, o transnacional privado e os gobernos teoricamente públicos e territoriais, esixindo un posicionamento científico pluridisciplinar de rigor á hora de avaliar os prexuízos que del se derivan e demandando un comportamento ético e político á altura das circunstancias.

O único ouro aquí son as nosas vidas tal e como as coñecemos.

Que a terra siga sendo terra non debería ser o raro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.