Galicia: unha mobilidade insustentable

Que integración queremos para as nosas áreas metropolitanas? A pregunta é pertinente porque os únicos movementos que vemos son desmontes e terrapléns para aumentar a capacidade das autoestradas e autovías. Máis carrís de tráfico, máis coches, máis accesibilidade viaria. A última destas grandes obras é o acceso directo á autovía de Lavacolla para os vehículos que proceden do sur de Galicia, a través da AP-9. A finalidade da obra é evitar perder algo menos de dous minutos. Como ven vostedes, algo transcendental, que xustifica expropiacións, remover terras e cortar non sei cantas árbores autóctonas. E así andamos. Ademais, a peaxe da AP-9 vai subir case un 4% o próximo ano 2018. Moverse vai camiño de ser un privilexio, e non me estraña, tendo en conta o abandono no que se atopa o transporte colectivo.

Os únicos movementos que vemos son desmontes e terrapléns para aumentar a capacidade das autoestradas e autovías. Máis carrís de tráfico, máis coches, máis accesibilidade viaria

Do único do que podemos presumir é dun tren rápido entre A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo. Pero nada máis. Fóra deste corredor privilexiado, o abismo. Non tenten vostedes conectar con ningún municipio das áreas metropolitanas anteriores. Non pretendan realizar ningunha cadea intermodal, porque todo será moi complicado. Imaxinen por un momento o que ten que facer unha persoa que aterre no aeroporto de Alvedro e queira ir a Sanxenxo, utilizando só o transporte público colectivo. Mellor non pensalo. Seguimos sen ter un portal web actualizado con toda a información en tempo real do transporte público colectivo. Seguimos sen tren de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas de Galicia. Alfonso Molina e a Avenida de Madrid non dan xa máis de si, pero ás cercanías ferroviarias non se lles espera. Só existe o asfalto e o vicio de construír máis carrís. E facer pagar aos automobilistas peaxes cada vez máis abusivas.

Do único do que podemos presumir é dun tren rápido entre A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo. Fóra deste corredor privilexiado, o abismo. Non tenten vostedes conectar con ningún municipio das áreas metropolitanas anteriores

Non, non é este o modelo de mobilidade que queremos. Constrúense quilómetros de carrís-bici para aumentar as estatísticas e engrosar os indicadores de sustentabilidade, cando todos sabemos que os carrís-bici só teñen sentido en zonas nas que non é posible a coexistencia. Ademais, os carrís-bici teñen que garantir a permeabilidade co sistema de transporte público colectivo, e deben formar itinerarios coherentes. No canto disto, temos tramos desconectados entre si, de dubidosa utilidade. No Polígono de Fontiñas, de Santiago de Compostela, hai carrís-bici que non utiliza ninguén, en rúas limitadas a 30 quilómetros por hora. Nestas condicións, os manuais de deseño urbano ensínannos que poden coexistir coches e bicicletas.

Constrúense quilómetros de carrís-bici para aumentar as estatísticas e engrosar os indicadores de sustentabilidade, cando todos sabemos que os carrís-bici só teñen sentido en zonas nas que non é posible a coexistencia

Na ditadura do coche, o espazo público é un ben escaso. Amplíanse algunhas beirarrúas, e a estas actuacións denomínaselles pomposamente "calmado de tráfico". En realidade, son pequenos parches que están moi lonxe de supor unha alternativa a un modelo insustentable. E non serven máis escusas. Temos moitos modelos en países e territorios da nosa contorna que podemos aproveitar. Non copiar e pegar, senón adaptar. A alarma está acesa. O cambio climático é unha realidade xa. Non podemos continuar indo en coche a todas partes, perdendo horas e horas buscando prazas de aparcadoiro, conxestionando máis o espazo público. Urxe cambiar a forma de afrontar a realidade.

A única solución posible é limitar o espazo dos automóbiles na cidade. Sempre haberá quen proteste. Enfadarase moita xente, desde logo. Estamos afeitos a que os mesmos que protestan, ao cabo duns anos alegraranse e amosaranse felices (o caso de Pontevedra é de libro). Asumamos que hai que mudar algo. Fagamos campañas por unha mobilidade sustentable. Empecemos a deconstruir o mito do automóbil, como un espazo persoal, oficina móbil, refuxio para escoitar a música que nos gusta a todo trapo e non mollarnos. Aprendamos de países nos que culturalmente quen emprega o coche para todo está mal visto, e é penalizado socialmente.

Empecemos a deconstruir o mito do automóbil. Aprendamos de países nos que culturalmente quen emprega o coche para todo está mal visto, e é penalizado socialmente

Levo anos investigando en mobilidade e transporte e, sinceramente, non vexo unha vontade de cambio. Seguimos necesitando o coche para desprazarnos. Seguimos sen un bo transporte colectivo. Non hai tren de proximidade. Elimínanse paradas dos escasos trens rexionais. Seguimos con beirarrúas estreitísimas nas cidades. O ciclista segue sendo considerado case un "freak". Non hai case campañas de educación viaria nos medios nin nas escolas. Pensemos en todo isto. É máis urxente que nunca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.