Galicia wertlanguiana

Cando vou a Madrid por cuestións de lecer, acostumo a comprar violetas en La Mallorquina, unha pastelería con solera que resiste na Porta do Sol. Son caramelos insuficientes, como todo o aquilo que alguén decide que ten que ser típico para o turisteo. Mais de volta, como fuxindo dunha especie de Operación Nécora para diabéticos, traio de contrabando –con medo a ser cazado na fronteira por un independentista radical- caixas de violetas para a familia, amigos, clientes, ou sexa, afumo o meu territorio coa halitose castiza de Sarita Montiel. Deste xeito contribúo ao proceso de españolización da comarca. Eficaz coma un hobbit.

Tórnase todo moi wertlanguiano: os señoritos saen de caza, o boticario négase a vender condóns e as señoras de peles caras, con desgana pero por status, convidan a mendigos a cear nas súas mesas polo Nadal

Durante días, infecto o Val do Louro co arrecendo a violetas imperiales e as gaivotas carroñeiras que acostuman a sobrevoar o matadoiro convértense en aves precursoras de primavera. Tórnase todo moi wertlanguiano: os señoritos saen de caza, o boticario négase a vender condóns e as señoras de peles caras, con desgana pero por status, convidan a mendigos a cear nas súas mesas polo Nadal.

Españolizar, dende a perspectiva histórica de Wert, é retroceder cincuenta anos. Nunca pode ser positivo

Españolizar, dende a perspectiva histórica de Wert, é retroceder cincuenta anos. Nunca pode ser positivo. E o proceso –planificado por ideoloxía- non se fai dun día para outro, realízase con xestos máis ou menos perceptibles que motivan a sensación na cidadanía de que o retroceso é algo natural. Ademais, non é que advirtan que queren españolizar, é que xa temos dende hai un par de anos ministras con mantilla. A reconversión xa comezou e pillounos cautivos y desarmados. Noqueados, máis ben. Normal: a crise está sendo utilizada interesadamente coma unha escusa para segar o ánimo. É sabido.

E aquí deixámonos facer. Grazas á prepotencia que outorgan as maiorías absolutas, non só se permite que se atente contra unha cultura e unha lingua propias, senón que se aplauden e aplican sen miramentos as medidas que propician que este país comece a parecerse máis a Don Hilarión que a Celso Emilio. Nin a cultura galega merece a escusa rastreira da austeridade, nin a lingua merece a consigna mastigada e falsa de que o galego só é falado por independentistas e catro paletos nacionalistas. Feijóo sabe que a meirande parte dos seus votantes falan galego pero tamén que falan castelán cando teñen unha cámara da TVG diante. Entón respira.

Feijóo sabe que a meirande parte dos seus votantes falan galego pero tamén que falan castelán cando teñen unha cámara da TVG diante. Entón respira

En fin: antes, das reunións dos colegas no bar saían correntes artísticas, manifestos históricos; hoxe, das resacas, gobernos inmerecidos. E como hay un gallego en la luna e Díaz Ferrán gasta parcelas en Baralla, estamos condenados a envexar con resignación a iniciativa de Cataluña e Euskadi de automasturbarse mentres nós brindamos con Ponche Cuesta e vemos como Galicia cada vez se pareza menos ao que debería ser.

Hai unhas semanas os fillos decidiron levar a mamá a facer un chequeo médico a Madrid. Días despois, cando a trouxeron de volta a Mos, deixouse caer no sofá e, mentres se daba aire co típico abano que leva ilustrado un canastro, unha vaca e unha moza co traxe rexional, suspirou: “Ai, que ganas tiña de volver a España”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.