'Gamificar' a educación ou os xogos da fame

Gamificación do ensino Dominio Público Giulia Forsythe

Nas tendencias pedagóxicas hexemónicas recomendadas pola Administración insístese na gamificación como método de ensinanza: os ritmos rápidos e as gratificacións inmediatas aseguran, neuroloxicamente, descargas de dopamina, estrutura bioquímica das adiccións

Os responsables de Recursos Humanos recoñecen como un parámetro relevante as habilidades brandas desenvolvidas polo uso de videoxogos: axudan a traballar en equipo, a comunicarse e a desenvolver a razón estratéxica. Toman nota de Aristóteles, que insistía en que os xogos da clase produtora debían adestrala para as súas funcións sociais.

Nas tendencias pedagóxicas hexemónicas recomendadas pola Administración insístese na gamificación como método de ensinanza: os ritmos rápidos e as gratificacións inmediatas aseguran, neuroloxicamente, descargas de dopamina, estrutura bioquímica das adiccións. Igual pensan que así se van facer adictos a aprender, eu penso que non exactamente, e @s neurólogos, que se inhibe o desenvolvemento da frontalidade, algo esencial para poder vivir e convivir. En calquera caso, non nos falan de aprender a manter unha relación lúdica coa vida e tampouco dun cambio social que suavice as condicións materiais e psicolóxicas da existencia.

Mumford lembraba que na antiga Grecia os xogadores, os deportistas, competían consigo mesmos, mentres que na Modernidade a lóxica é competir co/as demais: co Novo Réxime aséntanse as sociedades comerciais e a razón instrumental no coñecemento aséntase tamén no eido ético, no eido do comportamento. A razón instrumental ou a razón estratéxica é dirixirse cara os fins empregando os medios que haxa a disposición, e o mero feito de que estean a disposición xustifica que podan ser empregados. Débese facer todo o que se poda, e iso é establecer o estado de natureza como pacto social: o límite que regula as accións é o propio límite do poder. Isto é un xogo grave, os xogos da fame. Ou o lúdico campo de concentración de Dead End Drive-In.

Aprender a pensar que cada acción debe ter unha finalidade estratéxica e debe ser realizada coa mellor optimización da enerxía propia e d@s demais é o oposto a comprender que si é un esforzo saber coidar a vida e as relacións c@s outr@s

No ámbito da educación retira do proceso de ensinanza-aprendizaxe a concepción dun camiño inmanente, sen estalidos de compensación, que ten, nas concepcións emancipadoras que xa non están de moda, unha finalidade en si mesmo. Aprender a pensar que cada acción debe ter unha finalidade estratéxica e debe ser realizada coa mellor optimización da enerxía propia e d@s demais é o oposto a comprender que si é un esforzo saber coidar a vida e as relacións c@s outr@s. Este percorrido iniciouse ao intentar sinalar a finalidade das materias nun efecto visible, produtivo: foi o tránsito dende o ordinario para que me vai servir isto? cara a glorificación exclusiva da educación aplicada no eido técnico. Mais isto, en realidade, nin é para tod@s.

En xeral, obsérvanse con facilidade procesos de autosegregación a nivel de xénero e tamén a nivel de clase, por cuestións estruturais e psicolóxicas: hai centros de clases traballadoras, centros de clases medias aspiracionais ou centros case asistenciais, moitas veces por cuestións xeo-económicas (pero non só). Esa é a realidade que determina en grande medida o rendemento do alumnado

En xeral, obsérvanse con facilidade procesos de autosegregación a nivel de xénero e tamén a nivel de clase, por cuestións estruturais e psicolóxicas: hai centros de clases traballadoras, centros de clases medias aspiracionais ou centros case asistenciais, moitas veces por cuestións xeo-económicas (pero non só). Esa é a realidade que determina en grande medida o rendemento do alumnado. O rendemento, logo, depende de dinámicas sociolóxicas, da autoestima ou das expectativas económico-profesionais. 

Antigamente, o coñecemento teórico (theoria, contemplación) era reservado a aqueles que dispuñan dos recursos materiais e, por derivación, intelectuais para gozalo. Que nalgún momento da historia @s fillos da clase obreira puidésemos acceder a el, aínda que non asegurase unha igualdade plena na mobilidade social, si permitiu o empoderamento desa clase, é dicir, certas potencias para poder pensarse e tamén quererse: poderanvos quitar todo, pero non a cultura, dicíanos unha profesora de Literatura no instituto. 

Contáronme unha historia que non se sabe se foi así, pero non importa: había unha vez un obreiro que era o único que sabía ler de toda a fábrica, entón el lía e entre tod@s interpretaban o texto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.