Gañando a partida ao réxime dende os barrios

Guayem e as Trobades Populars Municipalistes en Barcelona, a Marea Atlántica da Coruña, Ganemos Málaga, Municipalia Madrid ou Ganemos Valladolid, entre outras, son algunhas das propostas políticas de base cidadá que nacen coa vontade de construír candidaturas de ruptura de cara as eleccións municipais de maio do 2015. Todas elas teñen un denominador común: poñen en cuestión o modelo de xestión pública da súa vila ou cidade, fonte de desigualdade e precarización, e denuncian a incapacidade da “vella política” para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.

A emerxencia destas iniciativas é o enésimo síntoma de esgotamento irreversíbel do réxime xurdido do que coñecemos como Transición e unha evidencia máis de que estamos diante do que Óscar Mateos e Jesús Sanz anticipaban no caderno Cambio de época, ¿cambio de rumbo?: “El mundo que hemos tenido bajo nuestros pies en las últimas décadas parece estar desmoronándose a marchas forzadas”. O berce destas propostas atopámolo no 15M, herdeiro de moitas e variadas loitas previas, e en todo canto veu detrás del (as múltiples Mareas, as Marchas da Dignidade, as protestas das afectadas polas preferentes, as loitas da PAH...) precipitando a entrada en urxencias do modelo de Estado post-1978. “Agora xa sabemos que aquel día arrancamos o maior exercicio colectivo de desafío ao sentido común dende o inicio da democracia. E fixémolo entre todos e todas, porque ningún sabía moi ben que estaba facendo. E o cambio é profundo porque é cultural. De paradigma. De narrativa. Non só cambiou o xeito de ler o pasado, senón de escribir o futuro”, sinalaba Montse Santolino nun artigo publicado no Setmanari La Directa baixo o título “15M sense marxa enrere”.

Os berros de “democracia real xa” non se escoitan só nas prazas senón que o seu eco resoa ás portas de concellos e parlamentos. A cidadanía, cada vez máis politizada, máis disposta á mobilización e consciente da existencia de alternativas aos dogmas estabelecidos, reclama un papel activo na definición e construcción dun novo réxime político e dunhas institucións que sexan quen de dar resposta ás necesidades da maioría social.

No medio da “crónica dunha morte anunciada” do sistema político tal e como hoxe o coñecemos, cobra forza a aposta polo municipalismo como eixe vertebrador do cambio, tal e como sinala o activista e profesor Raimundo Viejo nun post publicado no seu blogue baixo o título Ganarse el derecho a la ciudad: “Si de una convocatoria en el nivel europeo apenas se podía plantear otra cosa que el gesto de ruptura y la apertura subsiguiente de la estructura de oportunidades, en el nivel de gobierno local se ofrece, por el contrario, una próximidad máxima a la ciudadanía de la que se deriva la posibilidad de llevar a cabo las prácticas instituyentes que requiere una mayor democratización”.

O obxectivo é unha ruptura radical co modelo político actual que permita instaurar novas formas de facer política: máis abertas, máis participativas e máis transparentes

Á vista dos manifestos de boa parte destas iniciativas e das declaracións públicas das persoas que as integran, o obxectivo é unha ruptura radical co modelo político actual que permita instaurar novas formas de facer política: máis abertas, máis participativas e máis transparentes. Este obxectivo supera as dinámicas políticas clásicas ás que estabamos acostumados até o de agora e pon en marcha un proceso de empoderamento colectivo e “conquista” das institucións con evidente vocación transformadora.

Os retos que se presentan para conseguilo non son poucos nin tampouco doados. A aposta pola articulación de espazos de confluencia que aglutinen movementos sociais, plataformas, colectivos e entidades con presenza nos barrios, persoas a título individual ou incluso formacións políticas de partido prantexa un complexo debate sobre como chegar a esa “confluencia”, quen debe estar presente nela ou a quen deixar fóra (Martiño Noriega aborda o tema nun artigo no Praza Pública baixo o título Entender o proceso, mudar a realidade e Raimundo Viejo faino en Confluencia y subsunción).

O gran desafío destas iniciativas é desbordar os límites da cidadanía plenamente politizada para alcanzar á unha ampla maioría social que se sitúa naquelas áreas onde o sistema político actual amosa un esgotamento evidente

Pero máis aló disto, o gran desafío destas iniciativas é desbordar os límites da cidadanía plenamente politizada para alcanzar á unha ampla maioría social que se sitúa naquelas áreas onde o sistema político actual amosa un esgotamento evidente e onde xa non ten capacidade ningunha de xerar ilusión. Todo elo co obxectivo de transformar un potencial voto de protesta ou castigo aos partidos sistémicos (preferentemente ao bipartidismo que representan PSOE e PP pero tamén a aquelas formacións da esquerda institucionalizada responsábeis do deterioro do sistema) nun voto de adhesión á proposta de ruptura e de confianza no proceso de constitución das novas institucións do común que serán a base do novo modelo político.

E no medio de todo elo as eleccións de maio de 2015 que deben ser vistas coma unha etapa máis nun proceso de longo percorrido. Porque isto que se está movendo é, ou debera ser, algo máis cá unha posíbel victoria electoral nunha vila ou nunha cidade. Porque, parafraseando a John Holloway, o mundo tamén pode cambiarse sen necesidade de tomar o poder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.