Quedan unhas horas para que o proceso de primarias pola cal a Marea Galega escolle o seu candidato a presidente da Xunta de Galicia, e aos que conformarán as súas candidaturas, remate. Veño de emitir o meu voto, non sen dificultade, e veño de enviar unhas achegas, modestas, ao programa electoral. Seguramente poderíanse facer moitas críticas ao proceso no que estamos mergullados, con distinto grao de responsabilidade, con distinto grao de implicación, moitos centos de persoas. No meu caso teño que aclarar que esta implicación é mínima, non podería dicir nada si se me acusa de ver os touros por detrás da barreira. Participo pouco, escribo de vez en cando, falo con uns e con outros, escoito moito… Pero esta falta de implicación activa reseñable non a utilizo para eludir a miña responsabilidade como cidadán.
Hoxe é 18 de agosto. Faltan 37 días para a cita electoral do 25 de setembro.
Agás nas páxinas de publicidade institucional, pagadas a prezo de ouro cos cartos de todos e todas, é difícil atopar unha nova de esperanza
Estamos ante un momento crítico para o noso país. Os sete anos de goberno de Nuñez Feijóo (e debemos aclarar que non dar pau á auga é tamén unha forma de gobernar) teñen, a pesares da autobombo no que se prodiga o aínda presidente, sido sete anos nefastos, sete anos perdidos na construción dun futuro para Galicia. Agás nas páxinas de publicidade institucional, pagadas a prezo de ouro cos cartos de todos e todas, é difícil atopar unha nova de esperanza, de certa entidade, que teña xermolado polas políticas que este goberno ten desenvolto ao longo de dúas lexislaturas.
O 25 de setembro xogámonos o País. Nin mis nin menos. Dentro de 37 días.
Podería facer críticas ao proceso. Pero non é o momento. Non é este o momento. Porque faltan apenas 37 días para o 25 se setembro. Porque nos xogamos o País.
Non sei cales serán os resultados das primarias. Si sei que teremos un candidato a presidente da Xunta de Galicia que conxuga unha boa parte do que eu lle pediría a un bo candidato, a unha boa candidata: ser unha persoa comprometida co País. Con ese País que nos xogamos o 25 de setembro. Comprometida con este País que nos queren furtar. Comprometida coa súa cultura, coa súa lingua… Comprometida coas súas persoas. Con todas as persoas. Comprometida coa xustiza social, coas políticas de igualdade. Comprometida coa solidariedade cos que non teñen nada, aqueles que están cerca de nos, tamén cos moitos que non coñecemos a moitos milleiros de quilómetros. Comprometida con políticas de innovación que convertan as ideas, a nosa creatividade como individuos, como sociedade, en riqueza, distribuída con xustiza.
Non sei cales serán os candidatos e candidatas que comporán as lista electorais das catro provincias. Eu votei por sete mulleres e sete homes que me inspiran confianza. Non mirei o nome das listas, non mirei si unha ou outra forza política estaba detrás deles e delas. Mireinos a eles e a elas, mirei o que teñen feito nestes anos, escoitei moitas veces, non hoxe, non onte, o que teñen dito, o que teñen defendido, recordei o que temos moitas veces compartido, de cerca, de lonxe, ás veces desde as mesmas organizacións, as veces en distintas, pero sempre defendendo este País que nos queren roubar, sempre defendendo a quenes non teñen voz.
Seguramente desas sete mulleres e sete homes que eu escollín, por afinidade, por coñecemento, convencido da súa valía e da súa bondade persoal, algúns, poucos ou moitos, non conformen a candidatura que a Marea presentará na miña circunscrición. Non importa. Aqueles que a xente decida, democraticamente, en liberdade, quenes ao final conformen a candidatura serán os meus candidatos, serán as miñas candidatas. Sen ningunha dúbida.
Podería facer criticas ao proceso. Pero non é o momento. Non é o momento porque milleiros de persoas, que non votan nestas primarias, que non saben nada de metodoloxía política, de primarias, de procesos, o que queren agora, o que queren a partir do 25 de setembro é un goberno que este ao seu carón. E ese goberno non é o de Núñez Feijóo. Ese goberno, ese goberno que nos vai devolver o país será presidido por Luis Villares, estará composto por homes e mulleres que van antepoñer os intereses do País, os intereses dos que nunca son escoitados e escoitadas ao calquera outro interese.
Podería face criticas, pero non as farei. Non é o momento. Agora é o momento de comezar a gañar o Ceo. Agora é momento de ultimar ese programa de ideas, de solucións, de proxectos, e é o momento de pelexar cada voto, en cada cidade e vila, en cada oficina, en cada mercado…
Podería facer criticas ao proceso. Pero non, porque agora mesmo o que creo que é preciso é ganar unhas eleccións. Ganar o Goberno para o País, para a xente deste País.