Gandería e cambio climático

Vacas nos Ancares © osabordosancares.com

O modelo tradicional de produción de carne en Galicia, con vacas do país que pacen e becerros cebados co leite materno, amais de con outras colleitas da casa, como patacas, remolacha ou herba seca, é beneficioso para o entorno; o balance entre os gases de efecto invernadoiro emitidos, fundamentalmente metano, e o CO2 secuestrado polos prados, que se acumula no solo, é favorable para a atmosfera. Por tanto, o consumo desta tenreira dentro dos límites recomendables para a saúde é bo, contribúe a soster social e laboralmente o rural e axuda á prevención dos incendios. Ben distinto é o caso dos cebadeiros industriais, nos que a base da alimentación animal é un penso elaborado con soia e cereais, producidos en terras que antes ocupaban inmensas masas boscosas, auténticos pulmóns do planeta, como en Brasil; xerando este sistema emisións de CO2 e de N2O, sen a contrapartida do secuestro de carbono que se dá nas praderías, por tanto impulsando o cambio climático.

 Este matiz diferencial entre ámbolos dous modelos lévanos a unha encrucillada, obríganos a escoller cal destes camiños andar, un que empeora e condiciona gravemente a calidade de vida no planeta, pero que ten gran peso na economía, e outro que a mellora. Deduzo que o ministro Garzón aconsella reducir o consumo de carne para non exceder as cantidades saudables, de xeito que tamén diminúan progresivamente as explotacións intensivas; algo que comparto plenamente, asemade se potencian e impulsan os modelos sostibles, matización que debera facer explicitamente a súa campaña. Xaora, esa baixada de consumo debe ir acompañada de outras medidas para que non repercuta nos produtores ambientalmente beneficiosos. 

Os gandeiros galegos tradicionais non son responsables do quecemento global, cando menos non pola súa actividade profesional; pola contra, son imprescindibles para o medio ambiente, nun rural que xa padece a calamitosa planificación dos sectores eólico e forestal

Os gandeiros galegos tradicionais non son responsables do quecemento global, alomenos non pola súa actividade profesional; pola contra, son imprescindibles para o medio ambiente, nun rural que xa padece a calamitosa planificación dos sectores eólico e forestal, con omnipresentes eucaliptais e aeroxeradores, de gran e negativo impacto, como no caso da casa grande de Xanceda , maior produtor ecolóxico de leite en Galicia, moi afectado por estes muíños distópicos, tal como informou este xornal. 

En avaliando a información que teño ao meu dispor, velaí unha certeza, a carne que producen é tan boa como mal pagada; a súa presenza de agradecer, e inda que esta campaña non se refería a eles, pode danalos; constitúen esa parte do país que Helena Villar Janeiro definiu como a Galicia marxinal e marxinada. O porqué disto encontra resposta no feito de que a sociedade vive de costas ó rural, non o valora como debera, en sintonía cos diferentes gobernos; así, cando Feijóo anuncia unha lexislatura do rural, vai contra deles, cando goberna a esquerda en Madrid, esquéceos. Son poucos, moi espallados, inda menos os balbinos e as balbinas, que na súa maioría buscarán refuxio no asfalto, namentres uns poucos vellos asisten á vertixe da fin dunha cultura, entre o desconcerto e o autoodio. Só lles faltaba cargar con outra culpa, outro estigma máis, o do cambio climático, a eles, que foron criticados por atrasados, por non emular un modelo industrial cada vez máis intensivo e máis depredador. 

Non quixera terminar así, por iso vou recorrer a unha frase de Neira Vilas, da que me vallo para expresar a capacidade de resistencia destes últimos mohicanos, collida da súa obra Querido Tomás e coa que pretendo non renunciar á esperanza. Todo está en querer, a vontade e a forza de moitos pode arrincarlle zume ás pedras, malia que, neste caso, sexan poucos!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.