Gandhi sorrí

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

O Día Escolar da Nonviolencia e a Paz comezou a celebrarse en Galicia de maneira certamente minoritaria sobre 1980

O 30 de Xaneiro de 1.948 asasiñaron a Gandhi na India. Ese mesmo ano, as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un ideal para facer realidade, aínda hoxe, en tantos lugares do mundo, aquí mesmo. Dous acontecementos históricos para lembrar e traballar no currículum escolar e que en Galicia vimos promovendo desde principios dos años '80 do século pasado seguindo unha iniciativa dun poeta e inspector de educación maiorquín, Llorenc Vidal. 

O DENIP, siglas do Día Escolar da Nonviolencia e a Paz, comezou a celebrarse en Galicia de maneira certamente minoritaria sobre 1980, uns profes aquí e alá, nalgúns coles, nalgunha escola unitaria. Co paso do tempo, particularmente logo de 1985, o Seminario Permanente de Educación para a Paz decidíu promover a súa celebración con diferentes propostas de actividades de aula e de centro, con cartazes e publicacións diversas, unidades didácticas, xogos cooperativos, libros e documentales. 

Cando unha mestra, un mestre, en calquera lugar, deciden dedicar tempo e esforzo a esta tarefa, involucrando activamente ó seu alumnado, quero crer que Gandhi sorrí e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos faise un pouco máis realidade

Debemos recoñecer que foi un éxito, cada ano máis escolas, colexios e institutos organizaban actos axeitados á idade do alumnado. Daquela había moi poucos materiais publicados, moito menos en galego, pero co paso do tempo a oferta foise ampliando e mellorando. O Seminario Permanente transformouse en Seminario Galego de Educación para a Paz e a iniciativa foi asumida polas administracións educativas, fíxose eixe transversal e logo materia. O profesor Suso Jares, tristemente desaparecido, coas famosas caixas bermellas da LOGSE, tivo moito que ver tamén nisto. 

Unha historia de éxito. Sen embargo, os contidos, obxectivos, metodoloxías, fins da Educación para a Paz están lonxe de ser práctica habitual e maioritaria no ensino actual. Avanzouse moito pero queda máis por acadar. Por iso, cando unha mestra, un mestre, en calquera lugar, deciden dedicar tempo e esforzo a esta tarefa, involucrando activamente ó seu alumnado, quero crer que Gandhi sorrí e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos faise un pouco máis realidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.