Gaza: a praia

A praia de Iafa © Moncho Iglesias Míguez

A comezos do século XX, a costa de Palestina comezou a crecer cidades portuarias que axiña a conectou a Europa. Gaza, Iafa e Haifa convertéronse así en importantes centros culturais e de negocios nos que agromou unha intensa vida cultural

A comezos do século XX, a costa de Palestina comezou a crecer cidades portuarias que axiña a conectou a Europa. Gaza, Iafa e Haifa convertéronse así en importantes centros culturais e de negocios nos que agromou unha intensa vida cultural. Esta foi quen de satisfacer a toda unha incipiente poboación nova e liberal, afastada do conservadorismo das vilas do interior, onde devagar se estableceron os primeiros grupos de inmigrantes xudeus.

En 1948, a Palestina rural foi arrincada da súa raíz e obrigada a dispersarse e redistribuírse, como refuxiada, por diferentes rexións e países. Un terzo da poboación quedou no que hoxe son Gaza e Cisxordania e adaptouse a un novo ritmo de vida que semellaba temporal, mais non foi tal.

Iafa, en Palestina © Moncho Iglesias Míguez

As praias idílicas de Gaza deixaron de ser o balneario a ceo aberto que foran durante séculos, pois xa gregos e romanos investiran neses ximnasios naturais. Mais o cambio xa chegara co puritanismo cristián, que buscara acubillo cara ao interior das urbes e que logrou pechar saunas e baños de vapor por todo o Mediterráneo.

A relación coa auga foi dende sempre de vital importancia

Palestina, xénese dunhas civilizacións e imán doutras, construíuse con tradicións que souberon adaptarse e respectarse unhas a outras neste territorio desértico rodeado de auga, que mesmo sae dela: en oasis e fervenzas. Por iso, a relación coa auga foi dende sempre de vital importancia. Proba disto é o actual afogamento de Gaza, porto de entrada dunha posible canle, o canal de Ben Gurion, que permitiría que barcos de gran calado atravesasen Israel e garantisen a seguridade do país con alianzas políticas e económicas.

O muro, en Belén © Moncho Iglesias Míguez

Nunha sociedade agropecuaria como a Palestina, a relación coa terra e o mar é evidente. Comprensibles, xa que logo, os festexos relacionados coa auga, como o Arbaat Aiub

Nunha sociedade agropecuaria como a Palestina, a relación coa terra e o mar é evidente. Comprensibles, xa que logo, os festexos relacionados coa auga, como o Arbaat Aiub, no que se celebraba o poder terapéutico das augas, menciñeiras e purificadoras. Nese sinalado mércores, arbaat, dedicado a Xob, Aiub, espantábanse os malos espíritos e as mulleres pedían marido ou quedar embarazadas: «Oh mar, veño suplicarche/ pois non hai quen me queira/ todas as mozas pillaron algo/ e eu sigo ás túas beiras» e «espalla as túas sementes, Xob» eran cánticos cotiás. 

A música das ondas está silenciada, dende hai tempo, na costa palestina. O mar prega que cese o bruído que ecoa nel e que as raíces que nutren as praias sigan a crecer. Devece, como a súa veciñanza, a xente, por vivir e bañar os seus corpos de liberdade e versos como os de Darwix, que berran e choran por unha nena, nunha praia; unha nena que ten familia e casa e que grita coas novas de última hora «que xa non son novas de última hora/ cando/ volvan os avións bombardear unha casa con dúas fiestras e unha porta!»

O muro, en Belén © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.