Gaza non se vende

Nenas e nenos nunha escola en Gaza © ONU

A inmobiliaria Harei Zahav, que se vangloria de ser unha das maiores construtoras de asentamentos en Cisxordania, que dan en chamar Xudea e Samaria, publicou nestes días imaxes que convidaban á expansión das colonias a Gaza

Purim é unha festividade xudía que se celebra un mes antes de Pascua e que se festexa con humor. Amais de recitados do libro de Esther, de doazóns e de xoldas con disfraces, adoitan camuflarse brincadeiras entre as novas. Mais iso sucede en datas próximas ao noso Entroido, antes e despois do 1 de abril e do 28 de decembro. É daquela cando se permiten certas licenzas graciosas que, por estrafalarias, enseguida captan os menos inocentes.

Sen ningún tipo de conexión coa festividade relixiosa nin nun contexto humorístico, un grupo de colonos xudeus mofouse da situación en Gaza, cunha mensaxe futurista sobre o renacer desa terra hoxe case desocupada por mor da guerra. A inmobiliaria Harei Zahav, que se vangloria de ser unha das maiores construtoras de asentamentos en Cisxordania, que dan en chamar Xudea e Samaria, publicou nestes días imaxes que convidaban á expansión das colonias a Gaza.

Imaxe promocional dunha urbanización de nova construción na Gaza ocupada e invadida por Israel ©

Dende 2005 non hai asentamentos na Faixa de Gaza, aínda que diferentes grupos piden o seu restablecemento. Na outra beira, en Cisxordania, os acordos de Oslo de 1993 lograron que o goberno israelí parase as novas construcións; con todo, os xa existentes nunca deixaron de medrar e en 2017 legalizáronse novas colonias. Isto fixo que o cuarto de millón de habitantes que tiñan os asentamentos de Cisxordania e Xerusalén Oriental en 1993 aumentase a 700.000 en 2023. É dicir, o 10% da poboación de Israel vive entre 150 asentamentos legalizados por mandato propio e mais 128 postos ilegais que varían en tamaño e ás veces logran lexitimarse, e que ocupan o 40% do territorio de Cisxordania. 

As ansias de expansión destes defensores da total ocupación de Palestina fixeron que as publicacións nas redes sociais de Harei Zahav semellasen ameazas reais e non unha broma artellada para facerlle cóxegas aos seus seguidores, que enseguida animaron con mensaxes de apoio a idea: «Unha casa na praia non é un soño!». Unha proposta que os empresarios alentaron coa idea de que «Nós, da empresa Harei Zahav, estamos a preparar os cimentos para o regreso a Gux Katif. Varios dos nosos empregados comezaron a traballar na recuperación de terras, limpeza de lixo e expulsión de intrusos. Esperamos que en breve todos os reféns regresen sans e salvos, os nosos soldados volvan á casa e, se Deus quere, comece a construción de toda Gux Katif».

Imaxe promocional dunha urbanización de nova construción na Gaza ocupada e invadida por Israel ©

Amais, noutra publicación anunciouse a posibilidade de mercar lotes de casas, nunha Gaza rebautizada, como xa ocorre en Cisxordania, onde antes do 7 de outubro xa había actos vandálicos, agora lexitimados: preto de 300 ataques de colonos a palestinos no último trimestre do ano. Habituais durante a colleita anual da oliva, este ano morreu asasinado un campesiño, portador de aveños de labranza e terras de cultivo.

Gaza non só é un mapa debuxado ao entoxo de calquera empresa. É un oasis de cascallos entre campos de granadas, cítricos, mangas e goiabas; un mar de xentes dispostas a reconstruír esperanzas e deixar de fuxir

Gaza non só é un mapa debuxado ao entoxo de calquera empresa. É un oasis de cascallos entre campos de granadas, cítricos, mangas e goiabas; un mar de xentes dispostas a reconstruír esperanzas e deixar de fuxir. Gaza é a súa xente, a que chegou tras a catástrofe de 1948 e se asentou, e a que enraizou dende hai séculos vínculos coa súa terra. Gaza é, tamén, Palestina, inocente e non á venda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.