George Floyd

Protesta pola morte de George Floyd ©

A vida, ese sarillo… Ese animal irracional interesado que é o home (neste caso a linguaxe machista funciona a favor da muller) segue a escribir páxinas dese noxento libro, sen final coñecido, titulado Odio. A historia da humanidade foi medrando no medio da tensión que xeran esas dúas forzas humanas contrarias: o amor e o odio. Tan marabillosa pode ser a vida. E tan triste… Dende o principio dos tempos, quen tivo o poder exerceuno ó seu favor, como norma. Naquelas primeiras hordas humanas, o poder daríano a forza e a intelixencia. Correron os anos, os séculos, os milenios… Que dá hoxe o poder? Nos tempos da aldea global e da Pandemia 2020 as cousas son moito máis complexas. A forza perdeu bastante forza; a intelixencia, non. Quizais o poder estea máis ligado ó egoísmo ca ó odio, seguramente; o peor é cando egoísmo e odio se xuntan na mesma dirección. E isto pasou e pasa con demasiada frecuencia. 

Dentro desa enorme complexidade que caracteriza a humanidade actual, neste chanzo chamado presente hai diversos tipos de poder: o económico, o político, o cultural, o mediático, o profesional, o físico… Ocorre que, normalmente, conforman un sarillo difícil de desensarillar. Se por circunstancias conxunturais entran en conflito, daquela, sempre, ou case sempre, é o económico o que impón a súa lei. Porque ten o “poder” de comprar os demais e , desta maneira, facelos seus.

Pero… é bo ou malo o poder? Ou, peor aínda: é necesario o poder? O poder é consubstancial á persoa, ás persoas? Eu non o sei. Vostedes dirán. Vós diredes. O que si sei é que o poder se alimenta de egoísmo e, entón, a ecuación comeza a complicarse. En maior ou menor medida, todas as persoas padecemos o mal do egoísmo. Supoño que, tamén, dende o principio dos tempos. Eu crieime na aldea, un mundo ben reducido; non obstante, o egoísmo era patente: a mellor casa, o mellor prado, a mellor leira, a mellor besta, as mellores vacas, a mellor meda… o mellor tractor, a mellor empacadora, o mellor todoterreo… Despois transplantáronme á cidade. E dálle: o mellor piso, o mellor coche, o mellor chalé, o mellor móbil… Ai…

Non son filósofo, nin historiador, nin psicólogo, nin sociólogo… Son un pobre home que observa dende a ventá, desorientado, como pasa a vida. Un pobre home interesado, egoísta ás veces… Eu, pecador, confeso. Mais, ata onde a miña cativa intelixencia me aluma, procuro fuxir do odio. Procuro. Si, porque esa efémera película titulada Vida é moito máis agradable de protagonizar se limpamos o camiño de odio. Ás veces, custa… Como non odiar ás persoas que odian? Espremendo ó máximo a intelixencia, supoño. Para que serve odiar? 

Polo tanto, a intelixencia foi e é imprescindible. O gran problema aparece cando nos decatamos de que a intelixencia, ademais de imprescindible, é ambivalente e fulera… déixase levar… De novo pensaba que coa intelixencia, coa formacións, a sociedade había mellorar; de vello penso que a intelixencia e a formación axudan, pero non son garantía de nada. Porque a intelixencia e a formación, cando se poñen ó servizo dunha persoa nobre, poden ter consecuencias marabillosas; mais, cando son posuídas por unha mente e un corazón sucios, daquela, intelixencia e formación vólvense perversas. E, por que hai mentes e corazóns sucios? Recoiro! Alguén o sabe? A persoa, nace ou faise? Malia o que se leva discutido e escrito ó respecto, esta é outra ecuación que aínda non souben resolver… Axuda!

Pero, volvamos ó rego: de onde nace o odio?, para que serve odiar? Di unha máxima cristiá que “Deus fixo o home á súa imaxe e semellanza” …? Suponse que, pola mesma fórmula, fixo tamén a muller… Vaiche boa, agora si que a liei! Xa que logo, Deus tamén odia? Ai… Axuda!

Cando ía ás aulas, o día da presentación recibía a rapazada con esta máxima no encerado: “Non lle fagas a ninguén o que non desexes para ti”. E teorizaba un cacho sobre o diferente que sería o mundo se fósemos capaces de cumprir tan elemental idea. Algo moi propio das aulas: a teoría e a práctica… Na teoría suponse que non se necesitarían policías, nin gardas civís, nin cárceres, nin xuíces, nin avogados, nin… Que pasa na práctica? Que é enormemente difícil ser coherentes, predicar e dar trigo. Por que? Eu que sei! Igual ten algo que ver esa condición á que aludía ó principio: “ser irracional interesado”. O interese. O egoísmo… Como desterrar o interese e o egoísmo da persoa, das persoas, das comunidades? As sociedades máis intelixentes, máis cultas, son menos egoístas e interesadas? Teño as miñas dúbidas… Son un mar de dúbidas.

E, por se interese e egoísmo non chegasen para lixar o pano branco da existencia, aínda temos o odio… Ademais de querer o mellor para min, non quero os que non son coma min… “…Á súa imaxe e semellanza…” Odiar por interese económico, por amor (desamor), por orgullo, por honor (que será iso do honor?), por envexa, por raza… Odiar ata o punto de humillar, de facer sufrir ata límites insospeitados, ata o punto de matar… 

A persoa que matou a George Floyd acumula moito egoísmo e moito odio dentro de si. Pero, ollo ó parche, isto non é nada novo; pasa, e pasou, cada día da existencia ó longo e ancho do planeta Terra; planeta que, por certo, sofre as consecuencias de moito egoísmo e de moito odio cada día. O sarillo vai medrando… Moitos asasinos coma o asasino de George Floyd andan soltos polo mundo adiante. E andaron sempre. O racismo é moi vello; o triste é que a estas alturas de peli siga existindo. Mais, que é o racismo? Moi preguntón saín… Sempre me cuestionei se, realmente, segue tendo vixencia o termo racismo. Ódianse as persoas de pel negra pola cor da súa pel?...? Seguro? Canto pagarían os racistas máis noxentos por teren sexo con Naomi Campbell? Canto pagarían os racistas máis noxentos por seren coma Michael Jordan? Que é o que se odia, en realidade? 

Como ven, como vedes, só sei que sei moi pouco… Detrás de cada violación, de cada asasinato machista… de cada materia prima que se lle rouba a un país pobre… de cada soldado morto, de cada neno ou nena que morre de fame no mundo… de cada abuso que sofren os máis débiles… aniñan moito egoísmo e moito odio. 

Conclúo, xa, este tótum revolútum: A verdadeira revolución só chegará cando as persoas consigamos desterrar dos nosos corazóns e das nosas mentes o interese, o egoísmo e o odio. Chegará isto algún día? 

Desculpen a ignorancia. E perdoen as molestias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.