Evo Morales comezou a gobernar en 2006. Bolivia posúe as maiores reservas mundiais de litio, un recurso escaso e moi pouco estendido. Daquela xa se sabía. Por iso o MAS de Evo decide impulsar un plan nacional de industrialización, baseado nos evaporíticos. O evaporítico principal de Bolivia é o litio.
Un teléfono necesita un par de gramos e a batería dun auto eléctrico, vinte quilos. A demanda actual é de 300.000 toneladas. En 2040 acadará un millón, porque circularán polo mundo douscentos sesenta millóns de coches eléctricos. Só o Salar de Ayuni ao sur de La Paz ten unha reserva de vinte millóns de toneladas.
O goberno de esquerdas, moi ambicioso, planificou unha cadea de produción propia, nacional e completa: primeiro a extracción, despois a elaboración dos compostos de base, continúa a fabricación de bens intermedios e finalmente prodúcense as baterías de litio, que é o ben de consumo final. Todo no país. Queren converter Bolivia nun dos raros propietarios dunha cadea industrial completa no Sur económico.
Tratábase de non deixarse espoliar como sempre; como aconteceu co ouro, a prata e o wollframio no pasado. Tratábase de ser a Arabia Saudita do litio, en palabras do vicepresidente, García Linera, unindo explotación e industrialización. Trtábase de xerar eles mesmos a totalidade do valor engadido.
Para iso desenvolveron tecnoloxía a partir de cero, sen someterse ás multinacionais. O estado aportou mil millóns de dólares, unha cantidade enorme para Bolivia,un dos países máis pobres de América Latina. As universidades habilitaron laboratorios, os profesores pasaron a ser investigadores do ramo.
Naceu así a única fábrica de baterías de América Latina. Buscaron director no Brasil, persoal por todo o continente, formaron traballadores. Compráronlle tecnoloxía a aquelas multinacionais que non devecían por dominar os recursos, que admitían a negociación e o acordo. O estado boliviano posuiría o 51% ; acceso ao mercado estranxeiro; transferencia de tecnoloxías e de coñecemento e conformación de persoal boliviano.
En 2019 a empresa china Xinjian TBEA Group e o estado de Bolivia fundaron un consorcio de explotación, cunha fábrica de baterías de litio na China, participada pola estatal Yacimientos de Litio Boliviano. Ten sentido, porque en 2025 todos os autos chineses serán eléctricos, e consumirán o 60% das baterías do mundo.
Apareceron dificultades, pois o transporte e a falta de saída ao mar encarecen as mercadorías; ademais un país tan atrasado ten dificultades consubstanciais para poñer en marcha un proceso de semellante dimensión.
Os asesores do comité cívico de Potosí, onde se atopa a parte principal dos recursos, insisten na imposibilidade de explotar o litio. Defenden que só os EEUU ten a tecnoloxía necesaria para facelo, iso din. É manifestamente falso, miserabelmente falso, lacaiamente falso. O comité de Potosí foi un dos máis activos no golpe de estado de outubro contra Evo Morales.
Maëlle Mariette informa disto no número de xaneiro de 2020 de Le Monde Diplomatique.
Bolivia é unha dualidade xeográfica. El Cohete a la Luna, un medio de alta calidade, dirixido polo xornalista arxentino Horacio Verbitsky, explica que a xente dos Llanos, a parte baixa de Bolivia, selvática, distinta da andina, forxouse coa chegada de conquistadores brancos que buscaban a fabulosa cidade de Paititi, empedrada de ouro. Viñan de Asunción, Paraguai. No século XX cazaron nativos, expulsaron e exterminaron, para explotar o caucho.
A épica do Llano contén unha aura de valentía. Ninguén cartografou ese territorio selvático até a febre do caucho. Un territorio verde e terríbel que non existía para ninguén. As tribos orixinarias non figuraban en ningures.
Cando remata a Segunda Guerra Mundial chegan novos migrantes que foxen da derrota nazi e da croata, súmanse á burguesía de Santa Cruz. Como Branko Marinkovic. O seu discípulo Luís Fernando Camacho, el Macho Camacho, entrou no palacio presidencial para axeonllarse e expulsar do poder a diabólica Pachamama, segundo confesión propia. Co rosario e a biblia na man, primario, parafascista, racista. Fillo de antigos propietarios do petróleo e o gas, que o presidente Morales nacionalizou.
- Las historias paralelas de Werner Guttentag, Moritz Hochschild, Luís Fernando Camacho y Evo. https://www.elcohetealaluna.com/bolivia-3/