Grazas por tanto, Luís Villares

Luís Villares, en declaracións aos medios © En Marea

Onte a política galega sufriu unha gran baixa, mentres a xudicatura recuperaba a un gran maxistrado.

A ética na política págase cara, este é bo exemplo delo, quen estivemos contigo sabemos todo o que tes dado neste tempo

Dende 2016 Luís Villares amosou unha coherencia, unha nobleza e un saber estar do que moitas deberan aprender. Dende que deu o paso de deixar a toga, todo lle foron paos nas rodas, dende moitas frontes, e sempre seguiu aí, co seu sorriso eterno, aturando o indecible por defender os intereses das maiorías sociais. 

Deixou a súa profesión, o traballo que tanto lle gusta e tanto lle custou conseguir para expoñerse ante un país, para traballar por e para a xente, percorrendo o país enteiro a dúas e tres veces mesmo por día, perdendo no persoal para que gañasemos no colectivo. Iso non hai palabras de agarimo que consigan explicalo. 

Neste periplo foron moitas as veces que nos atopamos en tesituras de “tragar ou romper”, sendo a consecuencia sempre que En Marea quedase danada na súa credibilidade ou composición, e nesas ocasións, a resposta de Villares sempre era “se temos que romper, que sexa por defender a ética”, porque a ética sempre foi a nosa guía, nin o poder, nin os intereses persoais. 

Grazas por ensinarnos a moitas que a política honesta paga a pena. Grazas por facer esa política con maiúsculas que os minúsculos non te permitiron exercer

A ética na política págase cara, este é bo exemplo delo, quen estivemos contigo sabemos todo o que tes dado neste tempo. Agardemos que esta lección que deches onte sirva para que nos deamos conta dunha vez de todo o que queda por facer, e que se mire dunha vez polo país e polas emerxencias sociais, feminista e climática que padecemos.. Grazas Villares, por deixar semente de vencer.

Tiven a sorte de compartir moitos momento con Luís Villares nestes anos, de aprender ao seu carón o que é a grandeza política de quen ven a facer política, non a ser político, de compartir horas e horas de traballo incansable e optimismo impenitente, de sacrificar horas e facer kilómetros para escoitar ás que normalmente non teñen voz. 

Case nunca lle vin a ningún político esa honestidade que Luís desprende, nunca vin a ningún soportar tantas afrentas inxustas e indiscriminadas cun sorriso, sen desfalecer nunca.

Grazas por ensinarnos a moitas que a política honesta paga a pena. Grazas por facer esa política con maiúsculas que os minúsculos non te permitiron exercer. 

Grazas por ensinarnos a non resignarnos, grazas por representarnos tan ben todo este tempo. 

Que bonito ter aprendido tanto ao seu carón. 

Podes estar ben orgulloso de todos estes anos, deixaches o listón moi alto. 

Para ti o sol e a lúa amigo!! 

Grazas por tanto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.