Guerra á biodiversidade

Resulta sorprendente ter que escribir este tipo de cousas a principios do século XXI, pero así está a realidade. Un grupo de extremistas tomou os gobernos de España, Galicia e outros lugares e veñen de declarar unha especie de guerra soterrada unilateral á biodiversidade, á vida, á natureza. Explícome.

O ominoso ministro de Educación, o Sr. Wert, coa súa reforma do sistema educativo ven de eliminar os contidos de biodiversidade do programa do bacharelato. Tal falla de respecto pola cultura científica, ou cultura a secas, non pode máis que reflectir unha ideoloxía profundamente reaccionaria e/ou un pensamento extraordinariamente cateto que sitúa a este ministro, e a aqueles que o aplauden, nunha posición intermedia entre un aiatolá e unha personaxe de Paco Martínez Soria (con todos os respectos para o falecido actor). Entendo que paralelamente se lle da pulo á materia de relixión, por exemplo. Todo isto, ademais do disparate que supón, é inútil. Simplemente van a tratar de que os rapaces sexan máis ignorantes pero dificilmente o van conseguir: o interese pola biodiversidade medra como indica a produción científica xeral, a produción de documentais, libros, revistas, empresas de bioturismo, etc.

É certo que os nenos e mozos hoxe en día están cada vez máis desconectados da natureza/ do campo / da aldea pero non é menos certo que a curiosidade infantil non pode ser destruída por un grupúsculo de talibanciños

É certo que os nenos e mozos hoxe en día están cada vez máis desconectados da natureza/ do campo / da aldea pero non é menos certo que a curiosidade infantil non pode ser destruída por un grupúsculo de talibanciños. O caso chama mais a atención, se cabe, xa que a parella actual do sr. Wert, e secretaria de Estado de Educación, é unha científica de alto nivel. Valería a pena que lle explicara algunha cousa sobre a biodiversidade, se cadra aprende algo e recúa pero como é unha cuestión ideolóxica, non só mera ignorancia, dubido que o faga. Ou se cadra é unha manobra a longo prazo para que a sociedade, ignorante nas cousas que atinxen ás ciencias da vida, non poda participar da xestión dos recursos naturais, tendo que ceder, deste xeito, ás decisións a unha elite, a eles.

A petición dos cazadores cando se estea a cazar nun lugar, o resto de usos quedarían excluídos, usos como pasear, observar aves, recoller cogomelos, andar en bici de montaña, etc serían desterrados

Por outra banda o Ministro Arias Cañete (do que din que é ministro de Medio Ambiente) está a estudar dar prioridade á caza no monte fronte a outros usos. Vaia por diante, e para que nin uns nin outros se leven a engano, que non me posiciono contra a caza. O caso é que a petición dos cazadores cando se estea a cazar nun lugar, o resto de usos quedarían excluídos, usos como pasear, observar aves, recoller cogomelos, andar en bici de montaña, etc serían desterrados. Está por ver se tamén afecta a usos profesionais: agricultores, gandeiros, traballadores forestais, biólogos, etc. O argumento esgrimido é que así se mellora a seguridade. Ben, normalmente os que se matan entre eles son os cazadores, porque a xente cabal en canto cheira un evento destes dá a volta. Se o que queren é mellorar a seguridade creo que sería considerablemente máis útil facer controis de alcoholemia antes e durante a actividade cinexética. Máis ben, esta medida ule a que os cazadores non queren testemuñas das súas fazañas, non queren que lles vaian protestar e quizais aforrar cartos en seguros: se ninguén pode pasar a responsabilidade dun tiro sería de quen o recibe, non?. Da que pensar.

Para completar a o festival do humor cinexético a Junta de Castilla y de León leva destinando xa anos inxentes cantidades de euros a dar clase de caza e pesca nas escolas. Vese que como o colectivo está en declive precisan captar adeptos entre a infancia. Así que haberá nenos que nunca tiveron escoitado falar de que é o ADN pero si saberán os rudimentos de pegarlle un tiro a un corzo. Iso si, para a conservación da natureza, a ciencia e educación non hai cartos.

Non contentos con levar anos de despropósitos en materia de biodiversidade agora resulta que esta vai depender da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas!

E deixo para o final a guinda do pastel, a filigrana conceptual que, como non podía ser doutro xeito, pertence á Xunta de Galicia. Non contentos con levar anos de despropósitos en materia de biodiversidade agora resulta que esta vai depender da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas!. Non creo que as cousas cambien moito, non se pode facer peor, pero a intención de supeditar a vida á caza, a natureza á actividade cinexética, a conservación dos recursos aos tiros é incualificable. Quizais non se deron conta de que as especies obxecto de caza e pesca están dentro da biodiversidade, non ao revés, como o churrasco entra dentro da categoría “alimento” e non á contra. Será o próximo paso supeditar a Consellería de Sanidade a Dirección Xeral de Ambulancias? En fin. Non se entenden moi ben o por que desta guerra a non ser que extremistas radicais tomaran as institucións, doutro xeito non se explica.

As licencias de caza, como ben saben, están en continuo declive ano a ano, pero no PP aínda pensan que poden ser un lobby digno da seu consideración

As licencias de caza, como ben saben, están en continuo declive ano a ano, pero no PP aínda pensan que poden ser un lobby digno da seu consideración. Non se decatan de que pasará a ser unha actividade marxinal por moita manobra que fagan. Ir en contra da historia é, ademais de todo, inútil.  Dicía que non tiña nada contra a caza en si pero, desafortunadamente, non podo dicir o mesmo dos extremistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.