Hai moitas maneiras de achegarse á guerra, a calquera delas, particularmente, á II Guerra Mundial, da que estamos a lembrar o 70 aniversario do seu remate. Podemos facelo como Gervasio Sánchez, o fotoxornalista que é capaz de amosar os rostros das vítimas de tódalas guerras, o espanto; ou como Francis Ford Coppola, o horror, o horror, que di o Coronel Walt Kurtz no final da película Apocalypse Now e toda a produción cinematográfica antibelicista ou a mesma tradición na pintura, por exemplo.
Existen outras maneiras de mirar a guerra e a violencia, máis ou menos apoloxéticas, no cinema, nas artes, onde tamén temos unha extraordinaria colección de exemplos, Boinas Verdes ou Rambo, para non ir máis lonxe.
E mesmo un pode poñer as gafas de non ver, aqueles enfoques que ocultan a realidade das vítimas, o sufrimento, a desesperación, a morte, e fixarse só no espectáculo, nos obxectos de época, unha sorte de ollar con nostalxia, para ver simplemente vehículos, tanques, avións, uniformes, garitas, armas, miniaturas, xoguetes... atrezzo e decorados.
As fazañas bélicas sempre tiveron moitos seguidores, especialmente no xénero masculino, a fascinación pola guerra, as correaxes, a música militar, os desfiles... Dicía Píndaro, nada menos que cincocentos anos antes de Cristo, que "A guerra é doce para quen non a sufriu, pero quen a coñece sinte un horror extremo tan só con achegarse a ela".
Todo este preámbulo ven a conto dunha Exposición no Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela organizada coa colaboración da Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets, con sede en "La Coruña", tal e como figura na súa propia imaxe. O nome desta entidade alude a algún dos rexementos da infantería británica máis coñecidos, os chaquetas verdes, fusileiros e a brigada do rifle.
Sei ben que o obxectivo da exposición, que sorprende os clientes do Carrefour e demais tendas das Cancelas, non é educativo, non busca máis que incrementar os visitantes, mellorar as ventas e, de paso, a conta de resultados. Non ten propósito pedagóxico, e si o tivera, desde logo, non sería "Desaprender a guerra" tal e como reivindicaba a profesora Anna Bastida no seu coñecido libro de Educación para a Paz.
Non me atrevería a cualificala de "apoloxía da guerra e da violencia" pero case. Nas breves descricións que acompañan a cada vehículo, tanque, automóbil, moto con sidecar... pouco máis que as características técnicas e o lugar onde ubicalo, ás veces mesmo con tratamentos frívolos como: "Un poderoso caballito de batalla".
Sempre que falamos das violencias, da guerra, ou das outras formas de violencia, facemos fincapé nas vítimas. Nada sen as vítimas. Pois ben, as vítimas da II Guerra Mundial, están ausentes desta Exposición. Parecera como que a memoria das vítimas fose ocultada deliberadamente, como se aqueles vehículos non fosen deseñados para matar, un simple decorado, atrezzo sen máis, obxectos.
Tamén podemos ver un documental nun espazo máis reservado, un dos moitos documentais sobre a IIGM que reproducen as televisións reiteradamente, non caracterizados, en xeral, polo seu rigor histórico. Arredor da pequena sala, cartaces de cinema sobre o citado conflito bélico, unha serie de películas, a maioría delas claramente apoloxéticas e ningunha da corrente cinematográfica antibelicista, que tamén existe, mesmo no cinema máis comercial.
Seguro que atraerán clientes. Moitas persoas, en especial homes, afeccionados ás Fazañas Bélicas, ás coleccións militares e ás miniaturas de época aproveitarán para facerse selfies, pero perderemos unha magnífica oportunidade para achegar a auténtica IIGM á cidadanía, as súas causas, as consecuencias, que chegan ate hoxe, e coas vítimas sempre presentes.
Non sei o que custa esta Exposición, sería bo sabelo, e os recursos destinados a familiarizarnos co belicismo, a banalizar sobre a guerra e a violencia, a ignorar o holocausto..., fronte ó que dedicamos a difundir os valores da cultura da paz e os dereitos humanos.
Creo que unha exposición destas características sería impensable, por exemplo, durante a guerra de Iraq, coa sociedade en pe berrando "Non á guerra". Hoxe, coa dereita conservadora e cuartelera abusando da súa maioría absoluta, proliferan estas aproximacións. Non sorprende que o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, estea tan identificado cos seus promotores. Unha mágoa.