Guía para esnaquizar un país a lume lento (sen que ninguén proteste)

Hai unha estampa que retrata mellor ca ningún informe sociolóxico a nosa democracia: un veciño alporizado polo desmantelamento da súa comarca asina unha petición dixital desde o sofá, comparte un cartel cunha pomba branca nas redes e déitase coa conciencia ben lavada de quen cumpriu co país

Hai unha estampa que retrata mellor ca ningún informe sociolóxico a nosa democracia: un veciño alporizado polo desmantelamento da súa comarca asina unha petición dixital desde o sofá, comparte un cartel cunha pomba branca nas redes e déitase coa conciencia ben lavada de quen cumpriu co país. Xestionamos a indignación coma quen bota unha partida a un videoxogo: dáselle ao botón, salta a notificación de «misión cumprida» e pasamos de nivel coa satisfacción de ter derrotado o inimigo sen erguer o cu da cadeira. Á mañá seguinte, mentres nós xa andamos noutra pantalla, a pa escavadora segue abrindo pista no monte, pero o algoritmo xa nos serviu outra carraxe fresca para acompañar o café.

O poder contemporáneo xa non precisa botas militares, nin caciques nin sotanas; abóndalle cunha pantalla táctil que nos le o código de barras e cun consultor de traxe entallado explicando cun gráfico por que a destrución do teu territorio é, en realidade, unha oportunidade de progreso. A súa gran vitoria foi converter a obediencia nun xesto de eficiencia persoal. Asumimos o réxime do autoservizo coma unha forma de civismo: pasamos nós mesmos a compra polo escáner do supermercado, aforrándolle salarios á empresa e, coa mesma dilixencia hixiénica, limpamos a boca de galego antes de cruzar a porta dunha oficina pública ou dunha consulta médica. Un lingüicidio doméstico, discreto e barato, no que a vítima fai de verdugo para non desentoar na sala de espera.

 

A teoría da ra cocida

Xestionamos a indignación coma quen bota unha partida a un videoxogo: dáselle ao botón, salta a notificación de «misión cumprida» e pasamos de nivel coa satisfacción de ter derrotado o inimigo sen erguer o cu da cadeira

E mentres nos entretemos puíndo a nosa propia submisión, o espolio avanza polo dominio milimétrico da teoría da dosificación. Os que mandan saben, de sobra, que se pechasen todos os centros de saúde do interior dunha tacada, ou erguesen todos os macroparques eólicos nunha soa noite, a xente botaríase ao monte cos sachos. Por iso traballan coma quen coce unha ra a lume manso: hoxe sácanche unha garda médica por falta de persoal; aos seis meses cortan a liña do autobús porque non vai ninguén; e, mentres ti miras para o móbil, trazan nos despachos un corredor de aeroxeradores xigantes desde Pontevedra ata Mos. Unha cicatriz de ferro e formigón que racha os montes de Vilaboa, Soutomaior, Pazos de Borbén e Redondela. Non cho presentan como un único monstro industrial para non espantar o gando, senón anaco a anaco, expediente a expediente, polígono a polígono, para que cando ergas o fociño xa teñas as aspas facéndoche sombra na horta.

A esta táctica súmase o espellismo do espectador: esa fe cega en que a política é unha función de teatro que representan uns profesionais cada catro anos nun parladoiro distante, e que a nós só nos toca aplaudir desde o galiñeiro no mitin, tralo sorriso do político, ou rosmar na taberna. Mentres tanto, o que decide se a bacía do Ulla sobrevive a unha macrocelulosa coma a de Altri, ou se a franxa de mananciais e carballeiras desde o Lérez ata o Louro acaba convertida nunha autoestrada de alta tensión, acórdase en consellos de administración onde absolutamente ninguén fala a lingua do sitio, nin sabe onde nace a auga que van entubar.

Os que mandan saben, de sobra, que se pechasen todos os centros de saúde do interior dunha tacada, ou erguesen todos os macroparques eólicos nunha soa noite, a xente botaríase ao monte cos sachos. Por iso traballan coma quen coce unha ra a lume manso

O esperpento toca teito cando o poder disfraza esta liquidación por entregas de modernidade inevitable. Se protestas, mentres che enchen os montes que miran ás rías de muíños industriais para exportar electricidade, explícanche cun sorriso de catequista que non entendes a transición ecolóxica. E se os comuneiros e a veciñanza das parroquias afectadas teñen que destripar proxectos ambientais de tres mil follas á noite, despois da xornada de traballo, para salvar as súas traídas de auga, o sistema confía en dobralos polo puro esgotamento dos corpos e dos anos, contando con que o tempo dixital devore a memoria do chan.

 

A memoria que estraga as contas

Por fortuna, esta terra garda unha memoria teimuda que de cando en vez lles estraga as contas aos despachos. Xa se viu nas folgas obreiras de Ferrol e Vigo no 72, e volvémola ver en novembro de 2002: cando a burocracia oficial pretendía tapar unha marea negra a base de partes meteorolóxicos tranquilizadores e fíos de plastilina, foi o berro de Nunca Máis o que rebentou o guión. Aquela riada de xente deixou ben claro que as institucións non son a locomotora da historia, senón o remolque; non se moven por bo corazón, senón polo medo a que o conflito na rúa volva ingobernable o territorio.

O trámite da urna

A única lingua que entenden nos despachos non é a das papeletas mansas nin a das alegacións con boa letra, senón a da xente que decide deixar de ser público para converterse, cando menos, en estorbo. Unha partida á contra onde o taboleiro xa non o poñen eles

E aquí chega a pregunta incómoda de cada campaña: paga a pena ir votar? Se botar a papeleta na urna significa asinar un cheque en branco cada catro anos, para que os mesmos xestores sigan aplicando o plan de desmonte baixo outras siglas, o voto non pasa dunha aspirina para acougar a conciencia mentres nos levan o monte por diante. Pero quedar na casa, de brazos cruzados e regalándolles a conta aos que xa teñen a tixola polo mango, tampouco vai parar nin un só camión de formigón. Votar ou non votar deixa de ser o nó da cuestión no intre en que comprendemos que a urna non é a meta, senón un trámite ben cativo.

Porque os dereitos non son un maná que caia do DOG ou do BOE, nin o froito da xenerosidade duns deputados iluminados; son a marca que deixa unha loita cando obriga ao poder a recuar. Mentres sigamos crendo que abonda con delegar o voto, absterse con aire de suficiencia ou darlle ao dedo nunha pantalla mentres nos cercan de Pontevedra a Mos, a prazos cómodos, os administradores do baleiro seguirán repartindo o solar sen despeitearse. A única lingua que entenden nos despachos non é a das papeletas mansas nin a das alegacións con boa letra, senón a da xente que decide deixar de ser público para converterse, cando menos, en estorbo. Unha partida á contra onde o taboleiro xa non o poñen eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.