Ha abdicar

A alta probabilidade de que El Rei renuncie nos vindeiros meses está moi vencellada á depreciación pública da súa figura e ao desgaste da propia Institución, sometida aos furacáns Urdangarín, Botswana e Corinna. Mais o que non se adoita salientar na mesma medida é a evidente conexión entre o devalo da Monarquía e o dos alicerces esenciais do réxime da transición, entre eles a ocupación bipartidista do Poder, o modelo partitocrático de elites cada vez máis pequenas que dirixen burocracias cada vez máis grandes, o afastamento da política a respecto da cidadanía e máis a aposta por un capitalismo castizo de BOE, baseado máis nas prácticas de avantaxe nas empresas reguladas do IBEX 35 ca nas regras dunha economía eficiente e dunha libre concorrencia empresarial na que moitos  din acreditar e poucos  defenden .

A decadencia da Monarquía reflicte tamén a decadencia dun sistema político-institucional

Xa que logo, a decadencia da Monarquía reflicte tamén a decadencia dun sistema político-institucional que xa é moito máis un problema ca unha solución e atópase absolutamente esgotado para estruturar a nosa convivencia cidadá. Velaí que unha abdicación poida ser vista por sectores do PP e do PSOE como unha medida de axuste lampedusiano que permitiría sobrevivir, no esencial, este modelo esgotado.

Semella que, monárquica ou republicana a saída, é obrigada unha fonda reestruturación do sistema xurídico-político

Mais semella que, monárquica ou republicana a saída, é obrigada unha fonda reestruturación do sistema xurídico-político, nomeadamente no que atinxe aos valores de transparencia e renovación democrática, á viabilización do Estado de Benestar  e ao recoñecemento e garantía da plurinacionalidade do Estado. Calquera outra saída non sería máis ca un remendo.

 

 

A arrincadeira: Que Aurelia fique na súa casa

O que a ninguén lle pode convir é o espectáculo dun desafiuzamento manu militari

Aurelia ten na súa contra unha sentenza definitiva. Mais os acontecementos vividos nos últimos días e a propia inxustiza e inconveniencia social do seu desafiuzamento haberían facer reflexionar ás dúas partes en litixio para tentar un acordo que garanta por riba de todo o dereito á súa vivenda por parte de Aurelia Rey, ou polo menos o dereito a unha vivenda digna na súa contorna.

O que a ninguén lle pode convir é o espectáculo dun desafiuzamento manu militari ou a adopción de medidas contra uns bombeiros que só cumpriron co seu deber de servidores públicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.