Mais de catro décadas despois, o Estatuto galego é o único texto -xunto co de Euskadi- que non experimentou o proceso de reforma que se abriu no ano 2006 co referendo de aprobación do novo Estatut catalán
O calendario colocounos, mais unha vez, ante a conmemoración dunha data histórica ben coñecida: estanse a cumprir os 90 anos da aprobación, mediante referendo e no marco da II República española, do primeiro Estatuto de Autonomía para Galiza.
Como xa se ten sinalado en moitas ocasións, aquel Estatuto tivo unha dimensión que sobordou o relevante contido concreto do reparto competencial que se contemplaba no texto. Foi a expresión dun maioritario movemento social de afirmación da identidade nacional galega que estableceu un precedente tan consistente que a involución militar fascista comezada o 18 de Xullo de 1936 non foi quen de eliminar da memoria colectiva. Por iso, no deseño constitucional de 1978 apareceu unha novidosa denominación -"nacionalidades"- para explicitar un recoñecemento daquelas comunidades que posuíndo unha forte e indiscutíbel singularidade lingüística, cultural e histórica tiñan acreditado expresamente a súa vontade política de autogoberno. O plebiscito de Xuño de 1936 marcou, xa que logo, a lexitimidade fundacional da nova andaina no proceso de recoñecemento dos dereitos da nación galega.
Poren, a experiencia vivida no proceso de elaboración e aprobación do Estatuto de 1980 non estivo á altura dos antecedentes rexistrados nos anos anteriores ao golpe franquista. Déronse dúas circunstancias significativas que condicionaron notabelmente a resposta social ao referendo realizado naquel momento. En primeiro lugar: as fondas diverxencias existentes entre unha parte importante da esquerda nacionalista e as restantes organizacións antifranquistas imposibilitaron unha posición común análoga á que tivo lugar no caso do Estatuto catalán. E ademais: a hexemonía acadada nos comicios xerais de 1977 e de 1979 por dous partidos -UCD e AP- que agrupaban á grande maioría das elites políticas do franquismo, arruinou a calidade autonomista do proxecto legal que estaba enriba da mesa. Ambas realidades facilitaron o notábel fracaso dunha consulta na que só participou a quinta parte do corpo electoral convocado. A pesar deste lamentábel punto de partida, a dinámica de funcionamento das novas institucións creadas (sobre todo: o Parlamento galego e o goberno da Xunta) foron propiciando a consolidación dunha lexitimidade social da que carecían no no seu nacemento.
O cambio estatutario só será posíbel se o partido que hoxe goberna na Xunta chega á conclusión de que a maioría do corpo social galego -sobre todo, aqueles sectores que teñen menos de 50 anos- desexa unha mudanza non superficial do texto que define a dimensión do autogoberno nacional
Esta evidente anomalía verificada no momento fundacional da nova arquitectura autonómica derivada do pacto constitucional de 1978 tivo unha sorprendente prolongación nos últimos anos. Mais de catro décadas despois, o Estatuto galego é o único texto -xunto co de Euskadi- que non experimentou o proceso de reforma que se abriu no ano 2006 co referendo de aprobación do novo Estatut catalán. Obviamente, os condicionantes en ambas comunidades nacionais son moi diferentes: mentres no caso vasco houbo a coñecida singularidade derivada da existencia dunha opción de violencia organizada apoiada por un sector social que reivindicaba a independencia daquel territorio, na Galiza as cousas desenvolveronse dun xeito moi diferente. Aínda así, o paradoxo resulta chamativo: mentres no Parlamento vasco está aberto un proceso de discusión sobre a elaboración dun novo texto, na Cámara galega todo está atado e ben atado pola maioría absoluta da que dispón o PPdG. Aquel meritorio intento de reforma promovido, no ano 2007, por PSdG e BNG foi impedido por Feijoo seguindo as instrucións ditadas por un M. Rajoy que estaba nunha campaña de guerra aberta contra o novo Estatut e non podía permitir que se modificara o marco político do "seu" territorio.
Unha eventual reforma do Estatuto galego require, como primeira condición, o apoio dunha maioría cualificada (concretamente: 50 deputados e deputadas) da Cámara lexislativa. Como resulta pouco realista pensar que, nun prazo temporal razoábel, o PPdG fique cunha representación inferior aos 25 escanos, o cambio estatutario só será posíbel se o partido que hoxe goberna na Xunta chega á conclusión de que a maioría do corpo social galego -sobre todo, aqueles sectores que teñen menos de 50 anos- desexa unha mudanza non superficial do texto que define a dimensión do autogoberno nacional. Obviamente, semellante contexto só tería lugar se o BNG e o PSdG fosen capaces de actualizar o acordo que acadaron no ano 2007 e, a partir de aí, crear un estado de opinión na maioría do tecido social que obrigue a unha modificación da posición inmobilista na que se atopa o partido que preside Alfonso Rueda.
Os ventos que corren no Estado español non semellan ser favorábeis a un maior empoderamento das CC.AA
Certamente, os ventos que corren no Estado español non semellan ser favorábeis a un maior empoderamento das CC.AA. Por iso, a pregunta é apropiada para interpelar á sociedade galega: será posíbel celebrar o centenario daquel referendo histórico coa vixencia efectiva dun novo Estatuto?