Habitar nas homilías esencialistas: da galeguidade de 'Rondallas' e 'Sirât'

Fotogramas de Sirât e Rondallas ©

Recoñezo que eu tamén gustei moito de Sirât e que Rondallas non me interesa nada. Non obstante, neste caso, a cuestión non ten que ver cos gustos senón coa vocación de aduaneiros dalgúns históricos do nacionalismo. E non é resultado do descoñecemento das leis, saben como vai a cousa das nacionalidades dos filmes. Por tanto, só pode ser unha cuestión de puro dogmatismo moral: o que non encaixa coa súa visión do país, dos galegos e da nosa cultura, simplemente non pode ser galego

O mundo é complicado. Esta obviedade coa que decidín comezar este texto deberían tela algúns ben pensantes e auto erixidos patriotas gravada no felpudo xunto con esta outra: facer cinema tamén o é. 

Este comezo cheo de evidencias tautolóxicas vén a conto de que aínda hai quen, desde unha visión paternalista e moralista, reparte carnés de galego.

Non sei se a estas alturas alguén pode ter dúbidas de que este país é unha potencia cinematográfica, o noso cinema é, historicamente, estimado e premiado para alén do Padornelo: desde a seminal Mamasunción á posmoderna Sirât. E para calquera persoa que ame o país, nunha contemporaneidade na que o audiovisual se converteu en linguaxe hexemónica e unha das formas de comunicación máis globais que existen, debera ser motivo de orgullo que un paisano, que ademais presume de galego alá onde vai, teña éxito.

Certamente, nada hai que obxectar aos gustos, como dicía un de Forcarei: cada un coas súas cadaunadas. Recoñezo que eu tamén gustei moito de Sirât e que Rondallas non me interesa nada. Non obstante creo na pluralidade dos discursos, xéneros, narrativas, interpretacións, etc. E, por riba de todo, en que a visión dos outros sobre nós é só unha opinión, como a nosa sobre eles.

Non obstante, neste caso, a cuestión non ten que ver cos gustos senón coa vocación de aduaneiros dalgúns históricos do nacionalismo. E non é resultado do descoñecemento das leis, saben como vai a cousa das nacionalidades dos filmes. Por tanto, só pode ser unha cuestión de puro dogmatismo moral: o que non encaixa coa súa visión do país, dos galegos e da nosa cultura, simplemente non pode ser galego. É unha pueril simplificación do adanismo dun nacionalismo primitivo e doutrinal convertido en acto de fe. Ese polo que só son galegos quen encaixan nun determinado ideal de comportamento. Pouca diferencia vexo nisto cos razoamentos máis arcaicos da Igrexa de Roma.

O cinema moderno precisa de grandes orzamentos. É case imposíbel levantar un proxecto sen facer unha coprodución. Isto ten moitas vantaxes. Mais ten unha eiva: obriga a decisións negociadas

O cinema moderno precisa de grandes orzamentos. É case imposíbel levantar un proxecto sen facer unha coprodución. Isto ten moitas vantaxes: diversifica riscos, impulsa o traballo colaborativo, enriquece o valor cultural e social e mellora e induce relacións económicas, sociais e culturais. Mais, ten unha eiva: obriga a decisións negociadas. En todo caso, cada quen saca peito do seu anaco, como se todo fora seu, e todas felices. Fíxense que os cataláns lle deron oito Gaudís.

A cuestión cultural é sempre complexa. Secasí, dá algo de pudor que a estas alturas, nas que o debatiño sobre a colonia interior xa está desfasado e superado, algúns sigan pola linde.

Nisto do cultural hai quen opta por unha visión de ángulo estreito: castradora, limitadora, restritiva, inhibidora, constrinxida e, habitualmente, controladora. Normalmente, son eses quen dan carnés de galego, quen deciden, as máis das veces con luces moralistas e interesadas, que é galego ou cal é o uso lícito da nosa cultura, tradición e mesmo paisaxe

Nisto do cultural hai quen opta por unha visión de ángulo estreito: castradora, limitadora, restritiva, inhibidora, constrinxida e, habitualmente, controladora. Normalmente, son eses quen dan carnés de galego, quen deciden, as máis das veces con luces moralistas e interesadas, que é galego ou cal é o uso lícito da nosa cultura, tradición e mesmo paisaxe. Quen envolto nunha capa de infalibilidade en nome de Castelao e Rosalía, berra desde os seus púlpitos contra a dexeneración da arte que non encaixa no seu alienante marco de pensamento. 

Persoalmente, prefiro unha visión máis ampla como a dos Resentidos reclamando para nós a Niki Lauda. Primeiro, entendendo que a cultura galega é larga e cumprida e que caben moitas olladas e linguas en nós: si, tamén somos galegas cando falamos, escribimos ou creamos en castelán, inglés ou islandés. A lingua é crucial na nosa condición nacional máis non é a única: hai que defendela non fetichizala.

Para alén diso, a cultura ten que ser mesmo incómoda: ocasionalmente coincidirá co que pensamos e eventualmente, non; ás veces gustarannos e ás veces non; unhas molestará e, mesmo, ofenderá e outras non. Iso é necesario para unha sociedade plural e democrática: sermos quen de aceptar a diferenza e, mesmo, que nos incomoden ou até nos agravien. Simplemente, se algo non che interesa, segues o teu camiño. 

O problema de querer sentar cátedra con argumentos interesados, ideas desfasadas e lemas de panfleto balorento e que leva á exhibir, non só, as depravacións propias, senón tamén a converterse nun aiatolá do etnonacionalismo e nun teócrata da esencialidade da patria. Non é novo: coas mesmas consignas da arte dexenerada pecharon a Bauhaus hai cen anos.

O problema de querer sentar cátedra con argumentos interesados, ideas desfasadas e lemas de panfleto balorento e que leva a converterse nun aiatolá do etnonacionalismo e nun teócrata da esencialidade da patria. Non é novo: coas mesmas consignas da arte dexenerada pecharon a Bauhaus hai cen anos

Que tamén penso: debe ser esgotador ter que decidir, varias veces no día, e sinalar cun sutil movemento do dedo maimiño que é Galiza, que é ser galego, quen o é ou, neste caso, cando un filme merece o pasaporte da nazón de Breogán.

A nacionalidade dos filmes non ten nada que ver coa súa calidade formal ou artística e tampouco debería telo co noso gozo deles. Porque, saben un segredo? Crear algo en galego non o fai intrinsecamente mellor nin máis galego. A lingua é unha cousa e a calidade artística e o valor cultural, outra.

O cinema galego precisa de moitas ferramentas para subsistir, mais o que de seguro non necesita son gardas de fronteira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.