Hai alguén aí?

Cumprido xa o prazo para a presentación das ofertas vinculantes no proceso de concorrencia competitiva de NCG Banco, semella non se terá en conta como parte do prezo a diferenza a prol da Banca estatal no cómputo dos créditos fiscais diferidos que o potencial adquirente poida compensar entre 2014 e 2017.

Esta xogada non se entende nunha concorrencia transparente, mais si dende a perspectiva dun pagamento de favores ou dun amaño

Compre explicarmos o dito. Os fondos internacionais e o banco venezolano BANESCO poden compensar dos gaños futuros un máximo de 2340 millóns de euros de perdas fiscais de NCG, fronte aos 4600 millóns de euros que poderían compensar BBVA, Caixabank ou Santander. Até aquí todo OK, sempre que eses 2160 millóns de euros fosen considerados parte (aprazada) do prezo que ofrece o Fondo ou banco estranxeiro, xa que van ser impostos que non se van pagar, nos outros casos. Mais Guindos di que non. Que esa diferenza non computará como mellora ou decrecemento do prezo contractual.

Esta xogada non se entende nunha concorrencia transparente, mais si dende a perspectiva dun pagamento de favores ou dun amaño. E mesmo neste proceso escuro e argallante as regras foron mudando a metade de partida, como adoita facer España con Galicia cando se trata de cousas de cartos. Porque compre lembrar que hai só unhas semanas que os fondos foron obrigados a depositar 800 millóns de euros para participar na poxa, unha obriga que non se lle aplicou aos bancos estatais.

A Xunta pode mobilizar as forzas sociais para evitar un espolio histórico que agravará de vez as graves dificultades crediticias dos galegos

O vicepresidente Rueda di que a marxe de actuación do Goberno galego é moi cativa. Non é certo. A Xunta pode mobilizar as forzas sociais para evitar un espolio histórico que agravará de vez as graves dificultades crediticias dos galegos. A Xunta coñece os efectos adversos que produce e producirá a concentración bancaria. E, en último de contas, Feijóo e Rueda saben que se este espolio se fai efectivo moi poucos van acreditar na súa falla de responsabilidade, quer por acción, quer por omisión.

O conto pódeselle moi ben aplicar ao alcalde coruñés Negreira. Dos 2600 postos de traballo que se han perder no caso de venda de NCG a un Banco estatal, a metade perderanse na Coruña, case todos eles persoal de alta cualificación e remuneracións bastante boas. Malia esta realidade, o alcalde mantivo un silencio absoluto, como se a cousa non fose con el. Coma se fose un problema alleo á Coruña.

Hai alguén aí?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.