Un día soubemos que o xuíz que investigou a gran trama de corrupción Gürtel era o verdadeiro culpable e botárono da profesión. Hai dous días decatámonos de que tamén o xuíz que investigou o gran roubo en Caja Madrid e meteu preso a Blesa é o culpable, e en consecuencia inhabilítano. Ao día seguinte sabemos que no accidente de tren no que morreron 79 persoas e resultaron feridas 145, provocado pola falta de medidas de seguridade na vía, o culpable é unicamente o maquinista. E o mesmo día vemos reproducidas en xornais e cámaras de televisión a imaxe doutra culpable, unha muller en roupa de casa e botada co seu can nun sofá, ao parecer a imaxe obtivérona do seu Facebook e móstrannola a todos, tamén aos que non temos Facebook. Quen é esa muller? Chámase Teresa e infórmannos de que é a causante da súa propia desgraza. E a culpable.
A culpable de que? De crear unha alarma sanitaria e pánico en Europa e nos países desenvolvidos. Como puido facelo?
O ébola está a causar estragos na poboación dalgúns lugares de África, un relixioso español que estaba a atender ás persoas infectadas contaxiouse do virus e o Goberno decidiu repatrialo para atendelo en España. Era unha decisión tan delicada como discutible, facelo supuña que o Goberno estaba preparado para iso e tomara as debidas precaucións. O espectáculo de traelo foi o apropiado á Guerra das Galaxias, un avión especial e xente con escafandras, pero foi atendido nun hospital madrileño sen que conseguisen salvarlle a vida. Teresa foi unha enfermeira que se ofreceu voluntaria para atender a aquel enfermo cunha infección tan perigosa. Desde o punto de vista do Goberno e dos medios informativos que transmiten as súas especies o problema finalmente está en que Teresa cometeu un erro.
Xa postos, cómpre dar un paso máis nesa interpretación dos feitos e imaxinar que desde o primeiro momento Teresa ofrecésese voluntaria coa intención de contaxiarse deliberadamente para comprometer a ministra Mato e o presidente Rajoy e arrastrar outro pouquiño a marca España polo mundo. Non chegarán a tanto pero non están tan lonxe. Seica non a sitúan como responsable cando din que ela "recoñece" que se tocou a cara cunha luva e aí está a orixe do problema?
O verdadeiro virus é esta política que está a esnaquizar sen misericordia a sanidade e a saúde pública
Pois non, a orixe do problema está neste Goberno. O verdadeiro virus é esta política que está a esnaquizar sen misericordia a sanidade e a saúde pública. O verdadeiro virus chámase Rajoy, Mato, Ignacio González, Javier Fernández-Lasquetty e o nome de todos os presidentes e conselleiros de sanidade de comunidades autónomas que están a privatizar o público. E isto, que o padecemos todos, quen o vén denunciando desde o principio son os traballadores da sanidade, os profesionais. Eses profesionais aos que se referiu Rajoy no Parlamento contestando unha pregunta pactada co representante do primeiro partido da oposición, Sánchez. "Deixen traballar aos profesionais da sanidade", dixo, cando precisamente é este Goberno o que lles impide traballar axeitadamente quitándolles cada día os medios necesarios para o seu traballo.
O problema son esas persoas, ademais de corruptas, incompetentes que toman decisións irresponsablemente, como traer a un enfermo sumamente contaxioso sen adoptar en consecuencia as medidas axeitadas
O problema, efectivamente, non son os profesionais, os profesionais da sanidade levan mobilizándose, con gran quebranto económico persoal e con sancións laborais, contra a política deste goberno de inútiles. O problema é el, Rajoy, e toda esa xente. O problema son esas persoas, ademais de corruptas, incompetentes que toman decisións irresponsablemente, como traer a un enfermo sumamente contaxioso sen adoptar en consecuencia as medidas axeitadas. Fallou todo, fixérono todo mal, a culpa é súa, das autoridades políticas. Non de Teresa, quen se ofreceu voluntaria confiando en que a media hora de explicacións para evitar o contaxio era suficiente e que a roupa inadecuada que lle deron era a axeitada, quen confiou en que os responsables políticos, Rajoy e Mato, eran persoas responsables.
Menos mal que un representante da oposición pacta a pregunta no Parlamento para que o presidente poida ler a contestación. Podemos estar todos tranquilos, esa xente protéxenos
E agora eses irresponsables fana chibo expiatorio dos seus delitos, din que ela é a causante do pánico. Ela, seu marido e o seu can. Menos mal que un representante da oposición pacta a pregunta no Parlamento para que o presidente poida ler a contestación. Podemos estar todos tranquilos, esa xente protéxenos.