Hai vida fóra de Eurozona

Estocolmo CC-BY-SA pxhere

Un exercicio intelectual e político de gran interese é comprobar como lles vai aos estados da Unión Europea que non están na eurozona, non teñen o euro como moeda oficial, e comparar a súa evolución cos que si están. Análise que podemos centrar nalgunha das variables macroeconómicas mais significativas e nos anos que seguiron a grande crise financeira (2010-2024).

Os estados en cuestión son (por orden alfabético) Bulgaria, Chequia, Dinamarca, Hungría, Polonia, Romanía e Suecia. Cinco que pertenceron ao antigo bloque soviético e dous de corte occidental. Estados con historias moi diferentes e tamén sistemas económicos con importantes diferencias pero que non invalidan o interese da análise senón todo o contrario. 

PIB: unha evolución diverxente

Se empezamos analizando a evolución do PIB observamos que si Dinamarca e Suecia tiveron un crecemento medio anual (3,2% e 2,3%) claramente superior a media da eurozona (1,35%), o resto de estados en cuestión tamén tiveron un crecemento medio anual superior (Bulgaria: 2,35%, Chequia: 1,71%, Hungría: 2,11%, Polonia: 3,25% e Romanía 2,70%). Sen ignorar as diferencias entre os primeiros e os segundos e destes cos estados da eurozona non deixa de ser moi significativo que todos eles tiveron un crecemento medio superior o que lle serviu para reducir diferenzas. Digamos, por caso, que a exemplar Alamana tivo un crecemento medio anual do 1,33%, Austria un 1,1% e Holanda 1,6%. Será que aqueles estados non “sufriron” as consecuencias do euro?

Melloras comparativas no nivel de vida

Si agora pasamos a analizalo o nivel de vida, para o que utilizaremos o indicador do PIB/per cápita observamos que exceptuando Dinamarca (66.230 euros) e Suecia (53.020 euros) todos teñen, hoxe en día, un nivel claramente inferior a media da eurozona (43.203 euros): Bulgaria (16.100), Chequia (29.280), Hungría (21.470), Polonia (22.410) e Romanía (18.620). Pero si agora analizamos como lles foi no período considerado (2010-2024) en relación tamén a marcha da eurozona vemos que aínda partindo de situacións claramente diferentes todos (agás Suecia) melloraron comparativamente o seu nivel en relación a situación anterior, os estados escandinavos (Dinamarca e Suecia) seguen cun nivel de vida claramente superior a media na eurozona e os estados da antiga Europa do leste aínda mantendo un nivel claramente por baixo da eurozona reduciron notablemente as súas diferencias grazas a incrementos substancialmente superiores. Resulta necesario facer unha aclaración: estes valores están calculados en base aos prezos nominais (sin descontar a inflación), a pesar diso todo indica que as consideracións anteriores son correctas con un aumento superior nos estados fora da zona euro, agás o caso de Suecia.

Menor nivel de desemprego

A marcha do desemprego é sempre unha das variables mais significativas sobre o estado dunha economía. Pois ben, coa excepción rechamante de Suecia (8,9%), estes países teñen un nivel de desemprego inferior a media na eurozona (7,6%). Incluso no que fai referencia o desemprego xuvenil onde o comportamento da eurozona é especialmente lamentable (16,5%: mais que duplica a media) a situación fora da zona euro (coas excepcións novamente de Suecia: 25,2% e agora tamén Romanía: 26,3%) sen deixar de seren mala e menos negativa si miramos a algúns países de zona euro: España pechou o 2024 con un 25,4% de desemprego xuvenil, Grecia un 22,5%, Portugal un 21,6 e Italia o 19,4%. Unha situación que terá graves consecuencias a longo prazo.

Unha débeda moi inferior

Todos os estados situados fora da zona euro teñen un nivel de débeda claramente inferior a media da eurozona (85,65%). Se podería dicir que é resultado dun menor gasto público o que si podería a aplicarse aos estados da Europa do leste pero que non vale como argumento para os estados escandinavos (Dinamarca, Suecia) que con uns estados de benestar moito mais avanzados, maior gasto público, son quen tamén de manter uns niveis de débeda moi inferiores (33,60% e 48,90%). Seguramente resulte oportuno sinalar que unha maioría destes estados (Chequia, Hungría, Polonia, Suecia) non tiveron que saír no seu día (2019) ao rescate dos seus bancos ou os que si tiveron que facelo foi nunha moito menor escala (Dinamarca) o que explica en unha grande parte o menor nivel de débeda. 

Menos desigualdade?

Uns datos que chaman poderosamente a atención son os relativos a pobreza que nos confirman que na eurozona hai unha bolsa de pobreza moi grande (17%), superior relativamente a maioría dos estados analizados, coas excepcións de Bulgaria (30%) e Romanía (32%) onde a situación é especialmente grave. Non é que no resto dos estados sexa moi favorable senón que na eurozona é especialmente mala (Portugal: 17%, Grecia: 18,9%, Italia: 18,9%, España: 19,7%....)

Diferenzas no nivel de desenvolvemento

Para rematar esta comparativa confirmar as notables diferencias de desenrolo (IDH) entre os estados que están fora da eurozona onde, deixando a un lado a situación nos países escandinavos (Dinamarca: 0,952 e Suecia: 0,952), os outros seguen estando claramente por baixo da zona euro (0,903) a pesares de ter experimentado claras melloras nestes anos.

Hai vida fóra da eurozona

Pódese afirmar con rotundidade que hai vida fóra da eurozona. A soberanía dos gobernos (políticas fiscal, monetaria, salarial..) é maior, o que lles permite afrontar con máis e mellores armas (tipos de cambio e de xuro, políticas monetaria, fiscal e salarial....) as crises recorrentes do capitalismo. Unhas armas máis axeitadas ás súas peculiaridades e diferenzas. Os defensores do euro teñen difícil demostrar o contrario

Os datos anteriores, tendo en conta as particularidades sinaladas, confirman unha evidencia indiscutible: estar na eurozona non garanta un mellor comportamento económico senón que parecera todo o contrario. Non tanto por que fora de zona euro (coa sobresaliente excepción dos estados escandinavos) as cousas vaian moi ben senón por que, comparativamente, as cousas van algo mellor (PIB, desemprego, débeda) por mor de non ter que someterse as ríxidas regras da eurozona. Unhas rixideces que conducen a que a zona euro no seu conxunto non consiga superar a longa fase recesiva ou de baixo crecemento (pronto se falará de dúas décadas perdidas) que rematou por afectar fortemente a aqueles estados que se consideraban beneficiados polo euro e os seus dogmas fiscais e monetarios como Alamana, a maior economía europea e a cuarta a nivel mundial, que atravesa unha grave contracción económica: o seu PIB diminuíu un 0,3% no 2023 e un 0,2% no 2024 (mentres, pola súa parte, Dinamarca crecía un 2,5% e un 3,6%). Unha contracción que non coñecía dende a II guerra mundial e que pon en evidencia graves problemas estruturais que non poucos (tanto dende fora como dende dentro de Alamana) xa anunciaban fai décadas canda se implantou a eurozona xustificada por que as cousas irían mellor o que non é o caso como estamos vendo.

Con estas evidencias si se pode afirmar con rotundidade que hai vida fora da eurozona onde a soberanía dos gobernos (políticas fiscal, monetaria, salarial..) é maior o que lles permite afrontar con mais e mellores armas (tipos de cambio e de xuro, políticas monetaria, fiscal e salarial....) as crises recorrentes do capitalismo. Unhas armas mais axeitadas as súas peculiaridades e diferencias. Os defensores do euro teñen difícil demostrar o contrario.

 

(*): Quero agradecer a axuda prestada por Marcos Perez Pena para a elaboración duns graficos que permiten unha mellor comprensión da realidade empírica que se quere mostrar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.