Haraquiri presupostario: científicos á fuga

Primeiro o déficit, segundo o déficit e terceiro o déficit. Esas foron as verbas do Ministro de Facenda na presentación dos Orzamentos do Estado, por si había algunha dúbida de cales son as prioridades do actual goberno de Rajoy. Nin o paro, nin a recuperación económica, nin a prestación de servizos sociais, nin dada, en fin, que preocupe á cidadanía.

Dentro deste despropósito chama poderosamente a atención o recorte dun 25,6 % en I+D+i que supera con creces os temores máis pesimistas

E dentro deste despropósito chama poderosamente a atención o recorte dun 25,6 % en I+D+i que supera con creces os temores máis pesimistas. E a chama porque dentro da recuperación económica un claro obxectivo ten que ser o cambio do modelo económico que nos levou a afondar moito máis na crise que aos demais: a construción. A innovación é a que nos pode conducir a novos modelos de negocio que teñan difícil competencia no resto do mundo, e a innovación necesita investigación e investimento.

Galiza ten que recuperar os seus motores económicos que tantos atrancos están a sufrir desde a unión europea: a pesca, o agro, os estaleiros, a enerxía eólica e o leite, entre outros

Galiza ten que recuperar os seus motores económicos que tantos atrancos están a sufrir desde a unión europea: a pesca, o agro, os estaleiros, a enerxía eólica e o leite, entre outros. Pero, ademais, necesita da innovación para desde aquí poñer no mercado novas ideas de negocio que vendan no mundo enteiro. Porén, todos os cartos investidos en coñecemento, pagados dos nosos petos, están a fuxir cara ao estranxeiro, onde as empresas valoran aos nosos universitarios e universitarias, proporcionándolles ferramentas para a investigación ou un traballo onde se van a sentir motivados e valorados na súa xusta medida.

En palabras de investigadores galegos estes Orzamentos supoñen un “terrible mazazo” e son desconcertantes, desoladores e un desastre. O que van a provocar será unha perda de coñecemento que vai a ser case imposible de recuperar. E coa perda de coñecemento vanse as esperanzas de recuperación económica. O corte supón unha diminución de 2.000 millóns de euros que se unen a todas as rebaixas acumuladas destes últimos anos (5%, 7,3% e 7%) e suporá a condena de moitas liñas de investimento e proxectos innovadores.

En palabras de investigadores galegos estes Orzamentos van a provocar será unha perda de coñecemento que vai a ser case imposible de recuperar

Outra vítima será o Plan Estatal de I+D+i que perderá 623 millóns de euros (32%) e con eles o soporte a todos aqueles innovadores e emprendedores que desde Galiza pretendían establecer novos modelos de negocio en base ao coñecemento, e polo tanto con pouca competencia, e que agora verán cortadas as liñas de financiamento non quedándolles outra que, ir a onde se lles valore, quedar  no paro, ou aceptar un traballo remunerado con soldos ínfimos para a súa valía. A decisión é doada xa que a demanda no estranxeiro das nosas mozas e mozos preparados é cada vez maior, e unha vez que se vaian será moi complicado facerlles volver.

O peor de todas estas medidas ás que nos ten sometidos o Partido Popular (recortes, reformas laborais, supresión de servizos sociais...) é a certeza de que non van a solucionar os múltiples problemas económicos, sociais e laborais aos que estamos sometidos, vannos agravar notablemente, xa que, contrariamente ao propósito declarado, van dirixidos á satisfacer os intereses dos verdadeiros causantes da crise actual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.