No marco dun novo 25 de novembro vemos como todo o noso redor se centra nas violencias, vemos como de golpe estas se fan visíbeis no noso contorno e se recoñece que o patriarcado é evidente nas nosas vidas. Mais o certo é que o patriarcado está nas nosas vidas desde que nacemos, porque está intrinsecamente ligado ao sistema capitalista.
No actual contexto, debemos ser conscientes de que as mozas desde cada vez máis novas comezamos a practicar sexo, isto reflite un grande problema de xénero, unha vez que non o facemos por mero instinto, senón porque hai toda unha estrutura cultural que obriga a termos unha vida sexual. A enorme cantidade de vídeos pornográficos de adolescentes que asoballan as redes sociais, as letras das cancións que se reproducen nas radios a diario falando de “mozas” e o investimento dos medios de comunicación na erotización infantil demostran que hai toda unha estrutura determinando a hipersexualización das mulleres desde moi novas, non hai que mirar moi lonxe para ver como a protagonista da serie Stranger Things, unha moza de 13 anos, é considerada pola mass media unha das mozas máis sexis do mundo.
Á fronte, sempre a figura masculina, determinando o noso funcionamento correcto, despois, non só os homes teñen un conxunto de privilexios, é necesario tamén conceder aparentes privilexios ás mulleres, incitando a competición entre nós, para considerar que hai algunha forma de termos premio neste sistema. As mulleres temos diferentes “premios”: submisión aos padróns de beleza, axuste á moral, disposición sexual, capacidade de proporcionar pracer aos homes...
Na actualidade, os falsos privilexios das mulleres están bastante ligados ao consumo sexual, de modo que precisamos comprobar que somos libres, donas dos nosos corpos, mantendo esa “autonomía”. Esta falsa autonomía, por unha banda, precisa ser aparente e en ningún caso pode representar unha rutura co patriarcado e, por outra banda, vende este “privilexio feminino” como unha garantía de que as mulleres con esta autonomía non precisamos de tantos coidados, non nos asustamos con calquera cousa, non damos tanto traballo.
É evidente como o capitalismo consegue facer até da nosa sexualidade un negocio do que lucrarse, garantindo un entretemento no que nos esquecemos de que tamén existimos para nós, a nosa sexualidade convírtese nun ben de consumo, afirmándose así o sexo como mercado, de modo que as problemáticas como a pornografía ou a liberación das mulleres en situación de prostitución pasan a formar parte da nosa liberdade sexual como privilexio.
Queda claro que o patriarcado subverte os nosos procesos e rouba os escenarios que pretendiamos protagonizar, cantas outras causas que defendemos corren este mesmo risco e cantas foron xa secuestradas e aínda non nos demos conta? Diante dun sistema que corrompe e até mesmo usurpa a idea de empoderamento por medio dunha sexualidade máis libre, que é o realmente libre? A nosa intimidade sempre foi obxecto de disputa e de control, nunca foi nosa, é importante o autocoñecemento para que nunca máis caiamos no cálculo dos intereses culturais, sociais e económicos trazados polo capitalismo (conxuntamente co patriarcado). Precisamos do coñecernos máis, somo un universo por coñecer para nós mesmas, temos que dar a volta ao taboleiro da manipulación afectiva e sexual para desintoxicar as nosas vidas (e os nosos corpos) de séculos de aprobación, submisión e competición. Para isto, precisamos do autocoñecemento e da sororidade, para ir alén do coñecido e conquistar unha nova sociedade, estes poden ser pasos fundamentais para a liberación da muller e o derrubamento do patriarcado.