Hiroshima, mon amour: síntoo, pero en realidade non o sinto

O perdón, a culpabilidade e a penitencia son conceptos que non naceron estritamente dentro das sociedades xudeocristanas, pero posiblemente é nestas nas que teñen maior presenza e importancia. Especialmente cando nos achegamos ao modo que temos de abordar temas como a xustiza e a reparación histórica, momento no que, ademais, adoitamos engadirlle outro concepto para sistematizar a forma de resolver conflitos aquí no Mundo Libre: o castigo. O curioso, pero ao mesmo tempo o inevitable, é que este castigo normalmente lle sexa aplicado a aqueles que están máis desprotexidos, merézano ou non, mentres que moitos outros conseguen librarse del, aínda que o merezan moito máis.

Ao ser aplicada a xustiza sempre de modo vertical (desde o Poder cara a aqueles que se sitúan fóra das marxes do legal), adoita ser difícil que todo o peso da mesma caia sobre aqueles que se sitúan por encima nesta escala de poder. É unha visión moi metafórica, imaxínense unha masa informe e pesada que supón o castigo legal, e como ela esmaga a todo-los que rachan cos límites penais, estándo estes sempre debaixo dela; pero como pra que chegue a caer sobre os poderosos (os que teñen influencia como pra estar por riba dela) faría falta que o groso da poboación empurrase esta masa da xustiza pra que se sitúe novamente enriba dos que conseguen escapar dela grazas a estar sentados nas cadeiras do poder mediático, económico ou militar. Como case nunca empurramos o suficiente, hai moitos casos flagrantes de xente que se mereceu o castigo e nunca o sufriu. Veremos, por poñer exemplos, se Karadzic ou Mladic chegan a entrar no cárcere. E, por desgraza, parece que todo o mundo ten asumido que o dos papeis de Panamá non terá repercusión xudicial algunha, porque no noso descreimiento ironizante facemos como que nada nos sorprende e a estrutura da inxustiza énos allea e inmutable. En resumidas contas, que se non protestamos, a xustiza non vai afectar aos que están afeitos vivir por encima dela.

Toda esta reflexión vén polo feito de que este pasado luns 11 de Abril o secretario de estado John Kerry, no marco das reunións preparatorias para o cume do G7 en Ishe-Shima, Xapón, o próximo maio, converteuse no cargo estadounidense máis alto en visitar o memorial pola paz de Hiroshima, experiencia que, segundo as súas propias palabras, deixouno “totalmente emocionado”. O feito pode parecernos histórico ou completamente accesorio (en realidade é amba-las dúas cousas ao mesmo tempo), pero o contexto no que se coloca dá pra moita discusión acerca da xustiza, a reparación e os seus límites.

Pra comezar, a visita de Kerry podería ser un adianto do que está por chegar: a tan ansiada visita dun presidente dos EEUU ao lugar que o seu país borrou do mapa hai 70 anos. Moitos habitantes de Xapón levan esperando ese momento demasiado tempo xa, e parece que Obama, coa súa política internacional infestada de xestos cara á galería e movementos obvios pero rompedores (Irán, Cuba) podería ser o elixido. Con todo, dous obstáculos atópanse no camiño. Primeiro, o feito de que a sociedade estadounidense segue considerando a matanza da bomba atómica non como unha atrocidade se non como un “mal menor” dentro da teoría de que “salvou vidas” (de militares estadounidenses, claro) e axudou a acabar antes a guerra (guerra na que Europa levaba anos xa metida antes de que decidisen participar e cuxo o seu fin debeuse bastante máis aos soviéticos que aos americanos), e segundo, que no medio dunhas eleccións nas que a ameaza republicana parece máis terrorífica que nunca, un xesto como ese sería cualificado inmediatamente de “debilidade”, deixando ao partido demócrata seriamente danado.

Por suposto, chegue a darse ou non, o que non se considerou practicamente é a posibilidade de pedir perdón polo sucedido. Obama podería chegar a visitar Hiroshima, aínda que só fóra por que queda de camiño á reunión co exclusivo grupo dos sete, pero unha desculpa histórica nin se contempla. EEUU actúa como a policía do mundo e xa sabemos que a policía non pode quebrantar a lei.

Todo iso é tremendamente irónico porque o país anfitrión, Xapón, tivo sempre problemas co tema da memoria histórica e o perdón. Temos  que entender que en Extremo Oriente non está tan estendida a idea de castigo ou penitencia pra sanar os pecados ou afrontas cometidas. En Xapón, concretamente, alúdese moito máis ao concepto de vergoña, de escarnio público e de honra rota ao realizar un acto reprobable. Os samurais non cometían suicidio porque estivesen condeados á morte por un tribunal; ao contrario, a xustiza e a reparación debía provir do propio ofensor, tiña que ser autoasumida, xa que esta era a única vía para non vivir en deshonra, feito considerado moito peor que a morte. Aínda a día de hoxe son típicas as estampas de políticos ou empresarios humillándose publicamente cando son cazados en asuntos de corrupción. Por iso é moito máis común que altos cargos dimitan alí, non como en Occidente, onde cun “síntoo, non volverá pasar” moitas veces apélase ao espírito do bo cristián, do que ponde a outra fazula e acábase por perdoar aos que nos ofenden.

Pois ben, os nipóns levan décadas expostos ao escarnio internacional por parte, sobre todo, de China e Corea do Sur con respecto á súa actuación durante a II Guerra Mundial, a cal, consideran, non tivo o debido tratamento histórico nin a debida reparación moral. Feitos como a matanza de Nanking ou o escuadrón 731 aínda non son postos como exemplo máximo da brutalidade do militarismo tan a miúdo como si o son os crimes doutras potencias coloniais. E o uso desta memoria non reparada serviu a estes países, en máis dunha ocasión, pra tapar os seus propios pecados, así como pra dar cohesión nacional a uns estados sempre tambaleantes cando se vían enfronte dos seus propios crimes pasados. Pero nin con todo o que lles caeu, os dirixentes nipóns atoparon a ben poñer punto e final a esta discusión histórica. E non porque non o tentaran (a lista de desculpas emitidas polos seus políticos nas últimas décadas é interminable), pero nunca tendo en conta conceptos como a reparación, a vindicación das vítimas e a sinalización de responsables. Sen ter en conta a aqueles que foron atacados, humillados, esclavizados ou oprimidos, pedir perdón polo que sucedeu non ten moito efecto práctico e, desde o punto de vista histórico, resulta canto menos hipócrita.

Precisamente por este proceso está a volver a pasar o país do sol nacente cos seus veciños coreanos desde o decembro pasado, cando, sorprendendo a propios e estraños, o partido no goberno, o conservador PLD, famoso tamén pola súa tendencia revisionista e negacionista, decidiu levar un plan a cabo pra “poñer fin de forma irreversible” á cuestión das mulleres de confort, escravas sexuais que o exército mantiña durante a época colonial. Un xesto precioso, pero de ningunha maneira o primeiro neste campo, e, por suposto, levándoo a cabo sen pensar nas vítimas que o sufriron (sobreviven unhas ducias delas hoxe día, moitas organizadas en protestas pola memoria histórica desde os 90) e que, novamente, non contentou a case ninguén.

Porque o peor que pode pasar cando pides perdón é non facelo de corazón. Xapón enfrontouse ao seu pasado case sempre de mala gana, obrigado polas circunstancias ou presionado desde arriba. Pra contextualizar, ao estado nipón nunca se lle deu por pedir desculpas sobre a destrución da cultura ainu na illa norteña (Hokkaido), pero con todo seguen encerellados en desculparse por determinados crimes do seu imperio fóra das súas fronteiras. Por que? No caso das mulleres de confort podemos falar case sen temor a equivocarnos que o xesto de desculpas inscríbese no actual contexto xeopolítico, coa estratexia estadounidense no Pacífico como orixe: os yankees necesitan aos seus dous aliados fortes (Corea do Sur e os nipóns) unidos e sen pelexarse para facer fronte a ameazas virtuais (Corea do Norte) ou reais (China) pra os seus intereses na zona. E pra iso, non dubidaron en azuzar a remilitarización dun país que se presentaba ata non fai moito como adaíl do pacifismo e o movemento antinuclear como era Xapón (aínda que todo isto fose moi matizable, é verdade que, polo menos, non gozaban dun exército efectivo co que agredir a terceiros, cousa que coas novas lexislacións está a cambiar).

Aínda por riba de hipocrisías, tras a reunión do grupo dos sete no Memorial pola Paz acordouse a elaboración conxunta dun texto denominado Declaración de Hiroshima, que, así en xeral, debería impulsar o desarmamento nuclear a nivel mundial, así como a transparencia e a concienciación humanitaria nestes temas. O como o van a facer, é un misterio. Especialmente tendo en conta a natureza do resto dos temas que se tratan nestas reunións previas ao meeting definitivo que sucederá na prefectura de Mie en maio: as estratexias conxuntas contra o terrorismo, como poñerlle freo ao renovado imperialismo ruso coa seu “anexión ilegal” de Crimea, ou a implementación do TTP, homólogo transpacífico do (aínda envolvido en segredo) TTIP. Digamos que, a dirección que tomaban os puntos pra tratar pouco tiñan que ver cun idílico desarmamento a escala mundial e moito con como llas apañaran os USA e os seus aliados pra manter o control xeopolítico de zonas crave.

E xa, rizando o rizo, Kerry e o seu homólogo xaponés, Fumio Kishida, mantiveron conversacións bilaterais pra dar saída dunha vez a outro asunto polo que EEUU parece ter poucos cargos de conciencia acerca dos problemas que xera, falamos da presenza militar nas illas do sur (principalmente Okinawa), o continxente máis grande fora de América, duns 50 mil soldados, os cales levan décadas causando problemas á poboación local. Concretamente, falamos da recolocación da base militar de Futenma, situada no medio dunha pequena localidade que se ve afectada pola contaminación e os comportamentos salvaxes dalgúns militares americanos, e que tería que desaparecer de alí fai xa vinte anos segundo os acordos de 1995 tras o que se coñeceu como a Violación de Okinawa. Nestes momentos, o gobernador da prefectura está en litixios co goberno de Tokio para alixeirar a carga que supón semellante presenza militar en localidades humildes e costeiras, pero John Kerry subliñou que manter a base en Okinawa era a “única solución posible”.

EEUU tamén tivo que pedir desculpas a Xapón polos crimes que cometeu á súa poboación, aínda que sigan considerando o bombardeo nuclear de civís como mal menor inevitable. Os campos de concentración que existiron na década dos 40 para a poboación nipoa en chan americano, ou as actuacións levadas a cabo polos marines en chan xaponés só son un par de exemplos flagrantes de como se pode dicir síntoo sen sentilo. Outra violación por parte dun soldado americano tivo lugar o 13 de marzo, que se suma ás centas que levan sucedendo dende que o territorio foi devolto a xurisdición xaponesa nos 70, as cales nunca tiveron nin castigo, nin penitencia nin perdón, pois na súa maioría foron xulgadas por tribunais militares en chan americano, dando como resultado impunidade e máis impunidade. Duascentas persoas reuníanse o pasado domingo para protestar por iso e esixir que os EEUU deixen de controlar o destino dos xaponeses e comecen a rendir contas  polos seus crimes. Veremos se a mobilización popular consegue nesta ocasión algo de xustiza ou todo quedará novamente en xestos e desculpas hipócritas destinadas a encher portadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.