Historia ou memoria? Memoria histórica!

Desfile de falanxistas polos Cantóns da Coruña tras o golpe de 1936 CC-BY-NC-SA BNE

Hai xa moitos anos que se produce un debate interminábel entre a historia (como ciencia social) e a memoria (como representación persoal ou colectiva do pasado). Existe relación ou simbiose entre unha e outra? Algúns profesionais –en especial, no mundo académico– defenden a imposibilidade de soster nun mesmo chanzo conceptos como historia e memoria pois, argumentan, a primeira ten como base fundamental os documentos xerados durante os acontecementos do pasado, mentres a segunda mestura vivencias, experiencias e mesmo pensamentos imaxinados. Si, é certo que historia e memoria responden a tratamentos diferentes. Mais non é menos verdade que historia e memoria deben complementarse se o recordo, a lembranza, pode sustentar teses históricas cando os documentos non existen ou cando o seu contido non permite ou imposibilita extraer unha análise crítica. 

Así, ningún fondo documental relatará os rapados de pelo ás mulleres republicanas durante a Guerra Civil (nin as violacións que Gonzalo Queipo de Llano voceaba, mesmo imploraba, desde Unión Radio Sevilla), por exemplo, ou se falamos de documentos policiais xamais entenderemos o significado real de “sometido a hábiles interrogatorios...”, expresión ben curiosa que agocha as malleiras e vexacións aos detidos nas comisarías franquistas. Aquí é onde a memoria xoga o seu papel primordial: chegar até onde non alcanza o documento de arquivo e botar luz sobre un asunto que malia non aparecer recollido nos escritos non significa que non ocorrera. Engadamos, ademais, as dificultades que aínda hoxe atopan moitos historiadores para acceder a determinados arquivos (sobre todo, militares e policiais) así como a destrución de milleiros de documentos durante as décadas dos anos setenta e oitenta do século pasado. Podemos concluír, en consecuencia, que a memoria enche un baleiro no proceder histórico e pode axudar – cando se extrae e analiza de maneira crítica – ao esclarecemento do relato do pasado.

Porén, o problema xurde cando a idea de Memoria Histórica resulta atacada en favor dunha pretendida “infalibilidade”, “independencia”, “neutralidade” ou “obxectividade” por aqueles que defenden a necesidade de separar historia e memoria. Porque, neses combates, en realidade, podemos albiscar a preeminencia dun pensamento conservador, reaccionario, de extrema dereita ou, por resumir, fascista. Deste xeito, na indesexábel manipulación histórica daqueles que negan a memoria, agóchanse conceptos ben coñecidos, malia que tamén confusos, como revisionismo e negacionismo.

A carencia de memoria traballa arreo na implantación da teoría igualitaria segundo a cal, na Guerra Civil, todos foron culpábeis e todos en igual medida. Desleixar a lembranza persoal ou colectiva implica, así mesmo, abandonar toda tentativa de xustiza, recoñecemento e dignificación das vítimas do réxime franquista

Moitos historiadores (como Alberto Reig Tapia, Francisco Espinosa Maestre, Ricardo Robledo, Ángel Viñas ou Francisco Moreno Gómez, por citar só algúns) explicaron no seu día as chaves para entender ambos os dous fenómenos. Así, resulta común entre revisionistas e negacionistas acudir ao mangoneo histórico con evidente intencionalidade política ou ideolóxica. Mais o revisionismo representa un caladoiro profundo que engloba aos negacionistas. Estes, por exemplo, defenden a idea da inexistencia do Holocausto, negando os sucesos como se nunca aconteceran (David Irving, Robert Faurisson, Ernst Zündel, Vincent Reynouard, Germar Rudolf, Carlo Mattogno...). Mentres, os revisionistas non negan –sería imposíbel– a Guerra Civil ou a ditadura franquista: “soamente” a branquean e a xustifican. Velaí a Pío Moa, César Vidal, Ángel Martín Rubio, Manuel Álvarez Tardío, Roberto Villa García...

Todos estes revisionistas, e moitos máis, teñen en común o seu exacerbado odio á Memoria Histórica. Esa xenreira patolóxica implica defender unha actualización do ideario franquista a través da renovación da súa propaganda, agora edulcorada cun suposto manexo de fontes documentais. En realidade, o seu revisionismo responde á mesma manipulación presente durante corenta anos de ditadura mais hoxe disfrazada dun suposto e equilibrado distanciamento. Xa que logo, o asombroso reside en que estes escritores – que non historiadores – basean todo o seu relato nuns mitos superados hai tempo por unha historiografía rigorosa e honesta. Así, segundo aqueles, a República foi un desastre irregular e violento dende o primeiro día da súa proclamación; o Estado español vivía unha sorte de “bolchevización”; a Igrexa española e os católicos foron perseguidos con saña e sen descanso; as eleccións de febreiro de 1936 e o Goberno resultante naceron dun fraude xeneralizado que, obviamente, non tivo máis saída que unha confrontación civil; a represión franquista foi nimia, case insignificante, e, desde logo, moito menor do que hoxe coñecemos; ao contrario, a represión da zona republicana foi impulsada e sostida polas autoridades (ilegais), non por grupos incontrolados; en fin, o réxime do xeneral Franco foi autoritario, pero non fascista.

A carencia de memoria traballa arreo na implantación da teoría igualitaria segundo a cal, na Guerra Civil, todos foron culpábeis e todos en igual medida. Desleixar a lembranza persoal ou colectiva implica, así mesmo, abandonar toda tentativa de xustiza, recoñecemento e dignificación das vítimas do réxime franquista. Para iso traballan arreo e de xeito teimudo os defensores da confrontación Historia/Memoria. Contra ela, máis Memoria Histórica e Democrática. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.