Historiadores, franquismo e antifranquismo

Na primeira década deste novo século, penetrados xa na transición histórica  do século XX ao século XXI, a historia e a historiografía están de actualidade en España. Vivimos os últimos anos tres movementos en paralelo de grande importancia tanto histórica como historiográfica inmediata.

En primeiro lugar, a recuperación da memoria histórica que se inicia en León en 2000 coa apertura da primeira fosa de fusilados da guerra civil por un grupo encabezado por Emilio Silva, o primeiro neto de fusilados da guerra civil que se organizou para recobrar os corpos e o recordo dos seus familiares (houbo iniciativas “esquecidas”, a finais dos anos 70, que non tiveron continuidade), e axudarnos a todos a renovar e reiniciar a construción da democracia 35 anos despois dunha transición incompleta.

Vivimos nesta última década un inquietante retorno ás raíces franquistas de boa parte do que foi a UCD, absorbida desde os anos 80 por Alianza Popular

O segundo movemento recente aféctanos máis directamente aos historiadores, en particular aos que nos interesamos pola historiografía: o relanzamento e a actualización da historiografía franquista como parte esencial do auxe do pensamento ultraconservador en España, encetado durante a segunda lexislatura de José María Aznar, 2000-2004. Dise que esta nova dereita española, radical en determinados temas, ten -e é certo- parecido co Tea Party de gran influencia no Partido Republicano dos Estados Unidos. Pero eu coido que a nosa non é unha ultradereita tan nova: o seu principal compoñente intelectual, relixioso e histórico é, sen dúbida, o neofranquismo. Vivimos nesta última década un inquietante retorno ás raíces franquistas de boa parte do que foi a UCD, absorbida desde os anos 80 por Alianza Popular, herdeira directa do franquismo político, sobre todo despois da constitución do actual Partido Popular en 1989. En 2012, no “partido único” da dereita española séguense conservando vivas a memoria -cando non reivindicación- das súas raíces históricas ditatoriais.

Pasadas máis de tres décadas da transición, seguen os dirixentes e deputados do PP negándose, en plena democracia,  fóra e dentro de sede parlamentaria, a condenar o franquismo

Pasadas máis de tres décadas da transición, seguen os dirixentes e deputados do PP negándose, en plena democracia,  fóra e dentro de sede parlamentaria, a condenar o franquismo, opóndose por activa e por pasiva á recuperación da nosa memoria histórica (incluíndo o boicot á Lei de Memoria Histórica de Zapatero). Pasou non hai moito na Deputación Provincial de Lugo onde o Partido Popular tratou de impedir que se lle retirasen as honras concedidas a Franco durante a súa  ditadura (1936-1977), e o mesmo no concello da Coruña respecto de Millán Astray.

A terceira novidade histórica, coas súas implicacións historiográficas, é o movemento dos indignados,  nacido o 15 de maio de 2011, que sensibilizou á sociedade española de tal xeito, e nun prazo tan breve, que podemos celebrar neste intre que o Rei Juan Carlos I pida desculpas ao pobo español ante a avalancha de críticas recibidas, dentro e fóra da rede,  por ir cazar elefantes a Botswana, estando os seus súbditos no foco victimario desta tormenta continua de recortes de dereitos sociais, salarios, gasto público e agresións á educación e á sanidade: outra gran vitoria indirecta, logo, dos indignados españois no sentido máis amplo do termo (vellos e novos).

Medra a conciencia cidadá acerca da insuficiencia da democracia xurdida, en 1977, dunha transición que fixemos como puidemos

Paralelamente ao auxe da indignación xeneralizada en España coa grave crise económica,  política e social, provocada polos poderes financeiros e institucionais, internacionais e nacionais, medra a conciencia cidadá acerca da insuficiencia da democracia xurdida, en 1977, dunha transición que fixemos como puidemos (falo en primeira persoa por ter sido cociñeiro antes que frade: durante o tardofranquismo e a transición fun, como sabedes algúns, dirixente do Partido Comunista, as Comisións Campesiñas, as Comisións Obreiras, a Xunta Democrática… e, antes diso, do Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade de Madrid na E.T.S. de Enxeñeiros Industriais, 1967-1968).

Vivimos na segunda década do século XXI unha indignación social cunha forte dimensión política que afecta á monarquía, ao bipartidismo, á lei electoral, a unha Constitución que xa non é exactamente a mesma que promovemos en 1978, se temos en conta que a reforma constitucional do ano pasado situou o interese dos bancos por riba do interese da maioría dos españois, da soberanía do pobo español, ao fixar o tope máximo do déficit público nun 0,4 % do PIB,  facendo “obrigatorios” constitucionalmente os actuais recortes e o desemprego desmesurado: algo que non estaba nin no espírito nin na letra da Constitución acordada (baixo a bota militar, certamente) durante a transición.

Golpe de man “constitucional” por parte dun sistema  bipartidista en crise que agrava aínda máis o desapego dos demócratas, e do conxunto da poboación española

Golpe de man “constitucional” por parte dun sistema  bipartidista en crise que agrava aínda máis o desapego dos demócratas, e do conxunto da poboación española, coa institucionalidade democraticamente limitada xurdida do cambio “tutelado” da ditadura á democracia a finais dos 70. Por non falar da indignación económica que está, como é sabido, na orixe deste novo movemento social en curso de protesta e proxección global. Entendemos o 15-M por tanto como  síntoma, causa e consecuencia  dunha insatisfacción ascendente, con consecuencias políticas e electorais, que pon sobre a mesa a necesidade dun novo impulso democrático en España para saír desta crise económica, social e institucional que non para. O que obriga a que toda a esquerda, no seu sentido máis amplo e diverso, asuma as súas responsabilidades…

Historicamente a esquerda foi motor principal da loita pola liberdade e o progreso desde as Cortes de Cádiz. No século XIX a esquerda liberal; no século XX a esquerda socialista, comunista, anarquista, nacionalista, republicana…  até a transición e os  comezos prometedores do século XXI no tocante a mobilizacións sociais. Non falo soamente da esquerda política, cuxas responsabilidades, retos e defectos son evidentes e pouco doados de resolver. Refírome especificamente á esquerda social, por unha banda, e á esquerda cultural e académica, pola outra. Na propia universidade estamos na obriga, queiramos ou non, tanto representantes e xestores como profesores e estudantes, a saír pública e continuamente en defensa da universidade pública, en claro perigo polos recortes que nos veñen impostos á marxe da soberanía popular. 


O polémico Dicionario Biográfico Español

Neste contexto global crítico, e tamén en maio do ano 2011, a Real Academia da Historia española deu a coñecer o Dicionario Biográfico Español, obra faraónica pagada cun diñeiro público do que o actual Goberno segue dispondo segundo-para-que… Eu non digo que non sexa útil para os historiadores un Dicionario con tantos datos,  máis ou menos rigorosos, sobre os “grandes homes” da historia de España: mesmo para os que non somos precisamente devotos do fundador do positivismo historiográfico, Leopold von Ranke, cuxo enfoque historiográfico ocultaba e oculta,  interesadamente,  o papel dos suxeitos sociais na escritura da historia. 

Díxose até a saciedade, e hai que lembralo, como Franco e o seu réxime son cualificados, no Dicionario auspiciado pola Real Academia da Historia simplemente de “autoritarios"

O tradicionalismo historiográfico, con todo, non é o peor do Dicionario Biográfico Español. O peor é o filofranquismo que aniña nas entradas do Dicionario que teñen que ver coa historia do século XX. Díxose até a saciedade, e hai que lembralo, como Franco e o seu réxime son cualificados, no Dicionario auspiciado pola Real Academia da Historia (financiado xenerosamente nuns orzamentos do Estado que recortan severamente a educación e a investigación), simplemente de “autoritarios” negando (do mesmo xeito que o PP no Congreso de Deputados), contra toda evidencia histórica, que Franco foi un ditador e o seu réxime político unha ditadura especialmente represiva, emparentada co nazismo alemán e o fascismo italiano que propiciaron militarmente o golpe do 36, e a guerra que desencadeo, contra o goberno lexitimamente elixido. Paradigma compartido de forma amplamente  maioritaria polos historiadores contemporaneístas e hispanistas, así como por politólogos e sociólogos, dentro e fóra de España.

A polémica político-historiográfica provocada polo Dicionario Biográfico Español cadra, non casualmente, con dous feitos históricos recentes ben significativos. En primeiro lugar, as eleccións do 20 de novembro de 2011 cuxos resultados supoñen un desprazamento á dereita máis conservadora  da maior parte das institucións públicas en todos os ámbitos de elexibilidade (municipal, autonómico e nacional español), nun grao de absolutismo que non se deu desde a transición á democracia. Monopolio unipartidista do poder político que afecta a todo tipo de institucións non elexibles, que dependen da administración do Estado como o Tribunal Supremo ou a Real Academia da Historia. 

Entre as primeiras medidas que toma o Goberno do PP que sae da maioría absoluta do 20N é, xustamente, confirmar o seu xeneroso apoio económico para que a RAH  termine o traballo do Dicionario Biográfico Español sen cambiar nada

Entre as primeiras medidas que toma o Goberno do PP que sae da maioría absoluta do 20N é, xustamente, confirmar o seu xeneroso apoio económico para que a RAH  termine o traballo do Dicionario Biográfico Español sen cambiar nada (contradicindo a orientación do Ministro de Educación do PSOE e unha resolución do Congreso de Deputados esixindo unha rectificación), aceptando por tanto o filofranquismo que destilan as partes máis contemporáneas do Dicionario da RAH:  premiada así polo Goberno de Rajoy, próximo ás súas inquietudes ideolóxicas e historiográficas, á vez que se lle nega a axuda económica ao Dicionario Histórico da lingua castelá da RAE.

O outro feito que coincide, non casualmente, coa saída á luz do neofranquista Dicionario Biográfico Español é a expulsión de Baltasar Garzón da xudicatura, a pouco de iniciarse o reinado de Don Mariano, por querer precisamente investigar os crimes da ditadura, que se encomia directamente, ou se desculpa e xustifica, neste Dicionario Biográfico Español onde o vinagre político-historiográfico corrompe académica e politicamente o conxunto da obra.

O Dicionario da RAH provocou, provoca e seguirá provocando no futuro unha repulsa democrática xeneralizada, empezando polos historiadores españois, de conviccións xenuinamente democráticas na súa gran maioría. Sentíronse aínda máis agraviados aqueles colegas que levan anos traballando con rigor, produtividade e honestidade sobre os períodos históricos terxiversados polos autores máis extremos do Dicionario Biográfico Español.
 

Reaccións académicas en contra

Vexamos algunhas reaccións críticas da academia historiográfica contra o Diccionario Biográfico Español. En primeiro lugar, non por falar desde a Universidade de Santiago de Compostela,  que tamén, senón pola difusión que tivo: o escrito crítico do Departamento de Historia Contemporánea da USC, en 2011, moi difundido nos Departamentos de Historia das restantes universidades españolas.

O libro colectivo En el combate por la historia, iniciativa do editor Gonzalo Pontón que lle encargou a Ángel Viñas a coordinación dun libro frontalmente crítico co contido máis infame do Dicionario Biográfico Español.

En segundo lugar, a plataforma cidadá que se constituíu, tamén o pasado ano, para denunciaren á Real Academia da Historia e determinados autores do Dicionario Biográfico Español por apoloxía do franquismo. A denuncia está en proceso, agora mesmo na mesa do Fiscal Xeral da Comunidade de Madrid, veremos até que punto está ou non controlado por Esperanza Aguirre e/ou o ministro Gallardón a través do seu fiscal xeral Torres-Dulce, fillo do maxistrado do mesmo apelido do Tribunal de Orde Pública de Franco…

En terceiro lugar, o 9 de abril de 2012, presentouse o libro colectivo En el combate por la historia, feliz iniciativa do editor Gonzalo Pontón (antes en Crítica agora en Pasado & Presente) que lle encargou a Ángel Viñas a coordinación dun libro frontalmente crítico co contido máis infame do Dicionario Biográfico Español. Ángel Viñas é ben coñecido entre nós por ter participado en decembro de 2010, cunha conferencia plenaria sobre a memoria e a verdade histórica, no noso IV Congreso Internacional de Historia a Debate que celebramos na Universidade de Santiago de Compostela. No libro de Viñas e outros, tamén coñecido como Contradicionario, a academia universitaria en uso da súa autonomía leva a contraria á Real Academia da Historia, organismo político-cultural vinculado ao Goberno de España, que foi reflotado por Aznar para promover a Idea Histórica de España: desvalorizada en boa medida finalmente pola deriva neofranquista dos membros máis influentes da RAH.

A importancia historiográfica e política da obra colectiva coordinada por Ángel Viñas é dobre. Pon en evidencia a falta de verdade en certos temas e biografías do Dicionario da Real Academia referentes á ditadura e os feitos antecedentes. Conta para iso o Contradiccionario con colaboracións dos investigadores máis avezados sobre a II República, a guerra civil e o franquismo, en cuxas contribucións se desmenten de maneira concluínte as entradas máis sobresalientes do Dicionario Biográfico Español,  infestado de erros e interpretacións de tenor neofranquistas.

Non se pode xustificar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra un Goberno elixido democraticamente, como fai a RAH, sen mentir descaradamente

Agora ben, o libro de Pontón e Viñas non só aclara datos, responde tamén, quéirase ou non, a unha intencionalidade ética e democrática: non se pode xustificar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra un Goberno elixido democraticamente, como fai a RAH, sen mentir descaradamente. En base a unha “historiografía de valores” non reivindicada claramente polos autores de En el combate por la historia pero practicada eficazmente: sobre isto falamos no citado o noso IV Congreso. Compromiso ético-social que para unha parte significativa dos historiadores académicos do franquismo pasa por apoiar co seu traballo profesional, na docencia e na investigación, ao movemento familiar e social da recuperación da memoria histórica nacido en 2000. Pódese resumir dicindo que para moitos historiadores que cremos na utilidade social e científica da nosa disciplina, a historia e a memoria teñen un mesmo obxectivo: a verdade completa e aplicada (Public History), sobre a historia da II República, a guerra civil e a ditadura de Franco.

O que hoxe necesitamos é recobrar o espírito democrático do movemento social antifranquista que tivo unhas características orixinais, especiais: o protagonismo da sociedade civil na rexeneración democrática e política

Dise agora desde sectores partidarios de “salvar” como sexa o sistema bipartidista en crise que hai que recuperar espírito de consenso da transición para levar a cabo a política de recortes que impoñen os mercados, Ángela Merkel e a Comisión Europea… O que hoxe necesitamos é, máis ben, recobrar o espírito democrático do movemento social antifranquista que tivo unhas características orixinais, especiais: o protagonismo da sociedade civil na rexeneración democrática e política, hoxe representada ante todo polo 15-M; a loita social e cultural “desde abaixo” por unha democracia plena e radical, no sentido de volver á raíz da soberanía popular, garantindo que cada home ou muller valla un voto, por medio de medidas que xa expuxo o movemento 15-M como a proporcionalidade da lei electoral, as consultas populares, o control dos representantes elixidos, etc.; de modo que os ideais e valores de xustiza, democracia e progreso estean de novo politicamente por encima do simple usufructo ou xestión dun poder institucional polo demais hoxe moi cuestionado pola maioría social.

Aínda que non na mesma medida, os historiadores estudan e divulgan o antifranquismo xunto co franquismo. O historiador avanzado, que ve máis aló do positivismo,  investiga ou debe investigar tanto o peor como o mellor do pasado, o primeiro para que non se repita, o segundo para que sirva de exemplo, para en ambos os casos contribuírmos deontoloxicamente a un presente e a un futuro mellores, mostrando así a utilidade pública da historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.