Homenaxe a unha mestra

Este sábado 23 de xullo celebrouse na parroquia de Cobas (Negreira) un acto moi singular. Un grupo de veciños lembrou a memoria e fíxolle unha homenaxe a dona Carme Sanmartín Currais, que exerceu como mestra de escola nese lugar (no magnífico edificio –inaugurado en 1922- impulsado pola Unión Barcalesa, que enviou fondos desde Cuba para a súa construcción), nos anos sesenta e setenta do século pasado, naqueles tempos escuros do franquismo. Máis dun centenar de antiguos alumnos –moitos deles xubilados-, xuntáronse ese día, despois de tantos anos,  para facer unha rendida homenaxe á mestra que lles cambiou a vida.

Naquela escola convivíamos entre 30 e 40 rapazas e rapaces de distintas idades. Ela traballou de forma incansable e conseguiu que moitos dos seus alumnos fixeran estudos máis aló da escola unitaria.  Dona Carme era unha mestra vocacional, unha muller poderosa, decidida, xenerosa e corpulenta. Unha persoa desbordante de enerxía, entregada ao seu labor cunha dedicación plena. O seu empuxe e o seu entusiasmo eran contaxiosos. Ainda que morreu hai vinte anos a súa figura continua viva na memoria da xente, que non esquece o seu inmenso labor –durante máis de trinta anos- a favor do ensino, da cultura e do traballo por conseguir un futuro mellor para os seus alumnos. Foi -á sua maneira, condicionada polo tempo que lle tocou vivir- unha continuadora do espíritu daqueles mestres da República, como o persoaxe interpretado por Fernán Gómez en A lingua das bolboretas: persoas entregadas ao ensino coa convicción de estar a construir un mundo mellor.

A nosa vida está feita de causas e azares. Todos temos un destino predeterminado e logo hai momentos decisivos que marcan o noso percorrido. Un encontro fortuito, un suceso inesperado, o contacto cunha persoa, a influencia dunha amizade, o descubrimento dunha ilusión: hai instantes, non previstos, que poden  torcer ou iluminar o noso camiño. No mundo do ensino é moi evidente este feito. Hai mestres que teñen unha influencia decisiva na vida dos seus alumnos. A súa capacidade de conectar, estimular e animar pode ser definitiva para que moitos rapaces desperten á curiosidade da cultura, para que se interesen por mellorar os seus saberes e tenten superar as súas limitacións. Así era dona Carme: unha forza da natureza que provocou un enorme efecto benéfico na maioría dos seus alumnos.

Eu nacín hai sesenta anos nunha aldea do val de Barcala, nunha casa sen libros. Na miña afección pola lectura houbo unha influencia decisiva, a mestra dona Carme, que me animou a estudar e deixoume acceder á sua biblioteca particular para coller os libros que me indicaba. Así foi como  puiden ler, con dez e once anos, a súa colección de premios Nobel de Literatura. Pearl S. Buck, Somerset Maugham, Mark Twain e Anatole France formaban parte das miñas lecturas daquel tempo. A miña paixón pola literatura naceu alí.

A nosa gratitude eterna para esta mestra xenerosa que tentou axudarnos a mellorar as nosas vidas e a ser mellores persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.