A vostede e a min o que verdadeiramente nos gusta das MMA son as hostias
Se comezou a ler este artigo porque é afeccionado ás Artes Marciais Mixtas (MMA) quero ser franco con vostede. Antes de que as defenda como competicións lexítimas entre dous atletas con habilidade para proporcionar golpes e soportar impactos; antes de que as defina como un deporte esixente en canto a resistencia, vontade e risco, é bo que deixemos algo claro. A vostede e a min o que verdadeiramente nos gusta das MMA son as hostias. Si, claro que sabemos desfrutar dun elegante stricking, duns precisos movementos de derriba ou dunha meritoria recuperación, pero o que verdadeiramente nos motiva é a elevada probabilidade de que unha hostia gloriosa faga voar o protector bucal dun adversario antes de deixalo inconsciente, ou de que un estrangulamento por mataleón debuxe avisos de anoxia na cara do perdedor. Cando unha pelexa resulta técnica e de pouco golpeo causa decepción; cando é encarnizada e louca pasámolo estupendamente, de modo que non sexamos hipócritas.
Non é a miña intención analizar aquí que nos fascina dos espectáculos que alimentan a violencia. De ser así, ben podería servirme doutro deporte máis influínte, como o fútbol, capaz de promover peñas camorristas, sectarismo mediático, negocios pouco exemplares e debates futbolísticos dunha agresividade vergoñenta. Pero como non son un sádico, pretendo polo menos explicar o crecente éxito das MMA á luz da miña experiencia persoal. E o máis significativo que podo dicir é que me fun habituando pouco a pouco. A primeira retransmisión que lembro dun combate da principal competición, a UFC (Ultimate Fighting Championship), pareceume tan brutal que non puiden acabala. Continuei anos como espectador de boxeo antes de afeccionarme a esta variante esaxerada da loita profesional. E iso que coñecín unha versión máis moderada que nos inicios, cando imitaban unha “pelexa real” sen luvas e sen regras, ao estilo de moitos espectáculos marxinais en todo o mundo. Pero en EEUU, onde naceu a proposta, xurdiron de inmediato campañas políticas para esixir a súa prohibición, e añado como dato significativo que tan violenta manifestación “deportiva” non tivo boa acollida entre o público.
Algúns empresarios leran no mercado dos 90 a crecente demanda de experiencias extremas entre unha cidadanía afecta aos contidos desmesurados na rede e nos medios
Sen embargo, algúns empresarios leran no mercado dos 90 a crecente demanda de experiencias extremas entre unha cidadanía afecta aos contidos desmesurados na rede e nos medios. Este compendio de risco físico, dano morboso, supremacismo atlético e virilidade tiña un evidente potencial, pero a brutalidade supoñía aínda un hándicap fronte ao público xeral e as autoridades. Había que dedicarlle uns anos máis de esforzo a tecer alianzas entre inversores e medios de comunicación, a exercer presións en organismos regulatorios e a suavizar o formato ata darlle un acabado semi-deportivo non de todo digno, pero si asumible.
O produto resultante foi a exitosa UFC, que non é unha liga deportiva, senón a marca comercial dun espectáculo de loita. A día de hoxe permiten golpear cos cóbados ou cos xeonllos a cara dun loitador pero, polo menos, esixen guantiñas nas mans e vixían os enfrontamentos xuíces autorizados para sancionar trampas, declarar vencido a un competidor sen opcions ou deter un encontro se se produce unha ferida grave. Para isto contan coa asistencia de médicos, aínda que parezan recrutados do corpo de veterinarios dun matadoiro local. O que queda claro é que gran parte do aliciente son as previsibles crebaduras óseas, os aparatosos rachos faciais e os nocauts a base de golpes na cabeza, soportados polos combatentes con inhumana tolerancia e desfrutados ata o paroxismo por un público adaptado á crueza física. Por sorte, os privilexiados corpos dos loitadores e a súa boa preparación física evitan moitas lesións incapacitantes, pero coñecendo os hábitos deste duro negocio témome que dos danos colaterais pouco sabemos. Aínda así, a compensación económica é tan tentadora que este formato extremo acabou por atraer a campións de todas as modalidades reguladas de loita, por iso a actividade que comezara como un bestial show de sopapos converteuse nunha exhibición perigosa pero de indiscutible calidade atlética.
Interpreto o apoxeo das Hostias Marciais Mixtas dentro da dinámica destes tempos desleigados, que entre o bo e o malo ofrécenos desfrutar do peor se é o suficientemente lucrativo. Agora ben, se lograron normalizar un espectáculo tan agresivo, a cantas actividades moralmente esvaradías acabarán por habituarnos os mercados?
En calquera caso, despois de facer tragar o anzol da súa natureza deportiva este boiante negocio nunca deixou de medrar. Destaca a dita UFC, coa súa sofisticada realización televisiva e unha intelixente promoción dos loitadores máis dotados. Como subproduto mediático crearon un reality paralelo para familiarizar ao público cos pelexadores que, confinados nunha mansión durante adestramentos e eliminatorias, dan conta das súas vivencias. Estas, por certo, consisten a miúdo en historias de pobreza, drogadicción e desamparo pero, en xeral, os seus testemuños céntranse na típica ladaíña automotivadora: “sempre loito polos meus soños”, “non vou defraudar á miña xente”, “a día de hoxe son o máis competitivo da categoría”, etc . O obxectivo é atraer a miles de fans ao espectáculo creando carisma para os seus aspirantes máis sobresaíntes. Cabe destacar a enorme fe relixiosa que manifestan moitos deles, aínda que semellan utilizala case como unha mecánica mental de reforzo da concentración, da capacidade de sufrimento e da confianza no éxito. Aínda así, a calquera lle resultará rechiante a teatral vehemencia coa que, por exemplo, moitos loitadores brasileiros dedican os triunfos sinalando ao ceo: “Non fun eu, nooon. Foi Deeeus!!”.
En canto á contorna sociolóxica da UFC, a máis destacada das promocións, é difícil superar semellante nivel de vulgaridade. O protagonismo obsceno do seu director (Dana White), a ideoloxía ultraconservadora de moitos combatentes, a presenza “estelar” de personaxes infectos como Donald Trump nos grandes eventos, a omnipresente publicidade das apostas deportivas e un público en directo que inclúe millonarios con mozas explosivas e homes coa barriga ao aire, tatuaxes amorfos e vasos de cervexa desbordantes, parece o ecosistema ideal para as cabeciñas máis ocas. Por algo Vox é a formación política con máis interese na implantación deste espectáculo en España.
Non obstante, non recoñezo no exitoso fenómeno un vector de agresividade ou de insensibilidade cidadá. Poida que os espectadores teñamos o padal estragado de tantos excesos, pero tamén contamos con experiencia abonda para manter os efectos das prácticas groseiras e dos gustos inapropiados fóra da vida real. Simplemente, interpreto o apoxeo das Hostias Marciais Mixtas dentro da dinámica destes tempos desleigados, que entre o bo e o malo ofrécenos desfrutar do peor se é o suficientemente lucrativo. Agora ben, se lograron normalizar un espectáculo tan agresivo, a cantas actividades moralmente esvaradías acabarán por habituarnos os mercados?