O execrable masacre de Hula, en Siria, ilustra tanto as limitacións do plan de paz de Kofi Anan como tamén o debilitamento do réxime sirio. Dada a posición de China e Rusia no Consello de Seguridade da ONU, non é probable unha intervención armada internacional nin está claro en modo algún que esta poida favorecer unha saída rápida e menos traumática do conflito. Por outra banda, a presión e iniciativas diplomáticas semellan demasiado lentas en extremo para evitar as mortes de tantas vítimas inocentes. E son moitos os intereses poderosos que militan polo fracaso de calquera estratexia mediadora.
A presión e iniciativas diplomáticas semellan demasiado lentas en extremo para evitar as mortes de tantas vítimas inocentes. E son moitos os intereses poderosos que militan polo fracaso de calquera estratexia mediadora
Con todo, o illamento e fraxilidade de Damasco, quen nega responsabilidade algunha no sucedido acusando á oposición de estar implicada nos asasinatos, deu unha nova volta de rosca. Cabe pensar que o uso indiscriminado de artillería e dos tanques do exército en zonas residenciais pode ter efectos devastadores entre a poboación civil. O cese do uso de armamento pesado nos centros urbanos debera ser unha condición sine qua non para manter viva unha mínima esperanza de saída pacífica e produto do diálogo entre os propios sirios.
A situación no país está lonxe de ser calma e deteriórase cada día máis tanto en razón do incremento das accións armadas e das vinganzas como do agravamento da situación económica. As ameazas directas sobre a propia Damasco van en aumento. As operacións clandestinas da oposición e dos grupos islamitas achéganse ao entorno do propio presidente Asad, amosando crecentes capacidades para resistir os asaltos das tropas oficiais contra os enclaves que controlan, como é Rastan, a 20 quilómetros ao leste de Hula. Por outra banda, se Rusia segue a fornecer armamento ao réxime, Catar e Arabia Saudita incrementan o seu aprovisionamento aos insurrectos. Unhas dez mil persoas morreron nos combates dende o comezo da crise en marzo de 2011.
Se Rusia segue a fornecer armamento ao réxime, Catar e Arabia Saudita incrementan o seu aprovisionamento aos insurrectos
Así mesmo, as manifestacións pacíficas da oposición tampouco ceden. Nas últimas semanas, Alep, a segunda cidade do país, decantouse do lado da oposición. Damasco teme a formación duna zona “liberada” no norte, entre Idlib e Aleb, que reproduza unha situación similar á vivida na Libia de Gadafi cando perdeu o control de Bengasi. A conxura deste perigo vai mobilizar esas tropas de Asad que nas últimas semanas veñen castigando intensamente as zonas curdas situadas entre Alep e a fronteira turca.
Nas últimas semanas, Alep, a segunda cidade do país, decantouse do lado da oposición. Damasco teme a formación duna zona “liberada” no norte, entre Idlib e Aleb, que reproduza unha situación similar á vivida na Libia de Gadafi cando perdeu o control de Bengasi
Polo momento, o plan Annan aprobado o 14 de abril, só parece dar azos a unha intensificación do conflito. O aumento da violencia pode dinamitalo de todo e conducir a un rápido colapso do réxime ante a imposibilidade de abrir paso a un diálogo crible que facilite unha mínima normalización política. A situación, váiselle das mans a Asad.