Iemen onte, hoxe e mañá

Mozos en Iemen © Moncho Iglesias Míguez

Hemeroteca

Iemen, unha das civilizacións mais antigas do mundo, é un verxel que combina esa beleza natural propia cunha historia abraiante que recollen as Sagradas Escrituras e que silencias os escritos modernos. Situada no extremo sur da árida península arábiga, abrigada polas augas do mar de Arabia e mais do mar Vermello, e habitada durante séculos, leva anos sumida nunha guerra da que non se albiscan indicios de paz e tranquilidade.

Iemen é a única república na península arábiga, onde todos os seus veciños están dirixidos por reinados e emiratos. É tamén unha das terras máis fértiles da rexión, famosa polo cultivo do café e polas montañas airosas que recollen o fresco das costas que bañan o país. Na beira leste están as areas brancas do mar Vermello e na beira sur os rochosos areais do golfo de Aden, parapetado por montañas que se estenden ao longo e ancho de todo o territorio; un oasis que fai fronteira co vasto deserto árabe que delimita as propiedades do país.

A historia de Iemen remóntase aos comezos da civilización, pois hai datos sobre ela dende hai séculos. De feito, a orixe mesma do nome semella estar na Xénese bíblica, onde se conta que de Ioctán, fillo de Héber, fillo de Xálah, fillo de Arfaxad, fillo de Sem, saíron as tribos que logo poboaron Iemen. O teólogo Evis L. Carballosa afirma que os descendentes de Ioctán habitaron o sur da península arábiga, dende Mesa ata Sefar, e proba diso son os nomes das tribos e poboacións que herdaron os seus nomes: Almodad, cuxo nome podería significar «o amigo» ou «o amigo de Deus», representa os pobos do sur, igual que Haarmot, que alude a unha zona rica en mirra; Xelet identifícase coa tribo iemenita dos salf e Iárah, que significa lúa, cunha que se cre que adoraba a lúa; Hadoram, que vén sendo «Adad é exaltado», era tamén unha tribo arábiga, como Diolah, terra de palmeiras ou dátiles, Abimael, que significa «o meu pai verdadeiro é Deus», e Obal e Iobab. Amais, Uzal designaba a cidade de Sana, a actual capital do país, e Ofir, onde estaban as mellores minas de ouro da época, que se topaba entre Xebá e Havilah, que significa terra onde hai ouro.

Dese Ioctán vén o nome do país, que significa dereita. Hai investigadores que defenden a idea de que Ioctán se estableceu no primeiro lugar á dereita que topou despois de baixar dende o norte da península arábiga. Mais hai outra teoría que mantén que o nome de Iemen débese a situación xeográfica do país con respecto a Meca: a súa dereita. No caso da capital, Sana, é tamén coñecida como medinat Sem, a cidade de Sem, xa que se cre que foi este quen a fundou. De Sem provén o xa aludido Ioctán, ou Qahtán, lembrado nun poema revolucionario que recorda as orixes do pobo iemení: «Qahtán é o voso ancestro e o meu/ a xente de Iemen e a vosa posesión e a miña».

O feito de estar entre a India e o mar Mediterráneo permitiulle a Iemen ter o control do trafico de especias. Daquela coñecida como reino de Sabá, fíxose tamén famosa pola súa raíña, como documentan as tres grandes relixións monoteístas. As lendas alimentáronse da figura de Bilquis, a raíña de Sabá, e o seu poder traspasou fronteiras. Así, crese que cando unha bubela lle falou a Salomón dun lugar onde había unha raíña que veneraba o sol, este decidiu persuadila e escribirlle unha carta na que lle explicaba que a quen debía adorar era a Deus. A resposta chegoulle en forma de agasallos, que rexeitou, ante o cal a propia raíña decidiu acudir ante el. Os trasnos que acompañaban a Salomón, temerosos de que este namorase e quixese casar, advertíronlle que Bilquis tiña as pernas peludas e pezuños de cabra. A curiosidade foi tal que o monarca mandou construír un chan de cristal baixo o trono. Deste xeito puido enganar á raíña, que pensou que era auga e tivo entón que arremangarse as roupas, deixando á vista as pernas peludas. Aínda que non se sabe de certo se chegaron a casar, conta a lenda que os trasnos depilaron a raíña e esta converteuse á fe que predicaba Salomón.

Mapa de Iemen © Moncho Iglesias Míguez

Alén do mito, hai investigacións que constatan que Sabá foi un estado matriarcal cuxo nome significa «receptor do ceo e da paz». Dispóñense de datos que atestan que eran as mulleres as cabezas de familia e as que herdaban. Permitíaselles ter máis dun esposo, quen debía abandonar a casa dos pais para vivir onda ela, que podía divorciarse, e que o facía, orientando a tenda de campaña cara ao leste durante tres noites consecutivas. Amais disto, Sabá era un país rico en ouro e pedras preciosas, cun avanzado sistema de irrigación e cuantiosos xardíns que o orlaban. Nel cultivábanse diversos tipos de especies e dominaba o comercio do incenso, de gran importancia daquela. Nese milenio antes de Cristo, o incenso empregábase para ofrendas, pois críase que o seu fume chegaba ata o ceo por medio dos rezos. Así mesmo, as piras funerarias adoitaban cubrirse con el e permitían que o recendo apagase o cheiro das cremacións. Outra resina moi usada na época era a mirra, utilizada para facer aceites perfumados e cosméticos, así como para preparar os corpos antes do funeral. Tanto a resina como o incenso eran produtos moi demandados e Iemen producíaos a gran escala.

O afastamento da rexión permitiulle permanecer libre de conflitos durante séculos e que fose coñecida domo a Arabia Feliz, «Arabia Felix». Mais no século i d.C. os romanos ocuparon Exipto e pasaron a controlar o mar Vermello, o que provocou o declive da ata ese momento prospera ruta do incenso. A fraqueza económica propiciou que o reino cristián de Abisina, a actual Etiopía, gobernase o lugar, que no século vi pasou a mans de Persia.

O século vii supuxo un notable cambio para toda a rexión debido á chegada do islam, que axiña se estendeu e levou con el novas formas de goberno. Dese xeito, Iemen estivo dirixida por diferentes califas que lograron manter a cultura propia do país; porén, as diferenzas ideolóxicas entre grupos do norte e grupos do sur comezaron a delimitar as posteriores friccións. Cómpre apuntar que no século x o imanato Zaydi estableceu vínculos importantes coas tribos do norte e coa vertente xiíta do islam. Namentes, o goberno Rasulid, que se fixo co control dende o século xiii, identificouse coas terras do sur e coa corrente sunnita. Esta dicotomía rompeuse coa chegada de mercadores portugueses no século xvi, o posterior dominio dos mamelucos de Exipto e a conquista do imperio otomán máis tarde; un dominio derrubado un século despois grazas á unión do imanato Zaydi, que durou ata entrado o século xix.

Iemen desenvolveu unha gran industria cafeteira durante o goberno otomán. A cidade costeira de Moca converteuse no principal porto e vía de importacións do país e, durante 200 anos, no monopolizador do comercio do café. O escritor Dave Eggers combina as lendas nacidas co café coas do propio Iemen, nunha novela biográfica que presenta a historia do país a través dos ollos do seu protagonista: Mokhtar Alkhanshali. Este, fillo de inmigrantes iemenís residentes en Estados Unidos, explora os cafetais e a vida campesiña do país dos seus devanceiros xusto no ano no que estala a última guerra civil, 2015. O novelista e investigador aproveita para facer da obra un manual de historia e para abrir as portas á esperanza. Grazas a este proxecto, a fundación de Alkhanshali, Port of Mokha, conseguiu maior difusión. Así, o café logrou devolver a Moca o seu protagonismo e aos seus cultivadores un traballo remunerado.

Tras dous séculos de monopolio cafeteiro, Iemen tivo que procurar outros negocios. O encarecemento do produto, moito máis elevado que noutras zonas do mundo, onde comezou a producirse, provocou a perda do dominio. Por iso, a importancia e o terreo alcanzado polo café foi pronto ocupado polo qat, un arbusto que contén alcaloides similares á cafeína e cunhas follas que masca a maior parte da poboación iemení. De feito, Al-Mugahed sinala que case a metade dos ingresos familiares van para o qat, que adoita mascarse durante catro ou cinco horas ao día. Malia que a OMS a considera unha droga agresiva, é legal en Iemen e moi habitual en eventos sociais e reunións. A súa importancia é tal que hai quen culpa a droga da escalada de violencia do país. Segundo argumentan, os seus cultivos aprópianse de boa parte dos acuíferos que, por mor da seca, provocaron importantes carencias de auga, feito que agravou a fame e a tensión nos febles lazos de unión entre tribos rivais que precisan deses terreos e desas augas para vivir.

Eses séculos de auxe comercial serviron para que a poboación se concentrase en núcleos urbanos e que así se construísen os primeiros rañaceos do mundo, edificios de entre catro e oito andares, algúns deles de máis de 30 metros de altura, e feitos con barro, palla e auga. Shibam, coñecida baixo o alcume de «Manhatan do deserto» é un dos mellores exemplos desa arquitectura que comezou no século iv e non deixou de traballarse ata o xvi. Esa planificación urbana, baseada na construción en vertical, está presente en todo o país e é un dos sinais de identidade do mesmo, unha auténtica peza de museo desa etapa de esplendor. 

O illamento cultural iemení prolongouse dende o século xvii ata o xix, coa ocupación británica de Aden, no sur, e a reocupación otomá do norte. Xa a comezos do século xx, os dous poderes trazaron unha fronteira que non se había derrubar ata 1990. Na beira norte houbo diversas revoltas que remataron, en 1918, coa saída das forzas otomás, que deixaron a rexión en mans do imanato ata a revolución de 1962. Na beira sur, Aden converteuse nun enlace de gran importancia grazas á apertura do canal de Suez, o que provocou a protección británica da zona; con todo, a oposición da Fronte de Liberación Nacional, sumado ao fracaso da política colonial británica, fixo que en 1978 o sur do Iemen conseguise a súa independencia. E así, ata a reunificación, a parte norte creceu baixo o dominio da cultura islámica, mentres o sur se organizaba segundo unha ideoloxía marxista.

Sana, capital de Iemen © Moncho Iglesias Míguez

O 22 de maio de 1990 declarouse oficialmente a República do Iemen. O presidente do norte, Saleh, pasou a ser o presidente da nova república, mentres al-Attas, presidente do sur, pasou a ocupar o posto de primeiro ministro. Ese mesmo ano, a guerra do golfo Pérsico provocou unha enorme inestabilidade na zona, que, no caso de Iemen, derivou nun conflito económico de graves consecuencias. O apoio de Saleh á invasión iraquí de Kuwait suscitou o enfrontamento con Arabia Saudita, que expulsou do país o millón de iemenís que alí traballaban. De igual xeito, Estados Unidos freou a axuda a Iemen e a situación motivou unha gran deterioración económica. Ese desgaste agravouse en 1994, ano no que estalou unha guerra civil que levou a unha fugaz secesión do sur. Saleh conseguiu unificar de novo o país e ditou leis que permitiron que seguise no poder ata o ano 2011, cando as protestas encheron as rúas a pedir a dimisión do presidente, destituído un ano máis tarde a favor de Hadi.

A situación do país non deixou de empeorar durante o mandato de Hadi. Asher Orkabi resume con detalle a volatilidade deses anos de cambios de goberno así como as causas que hai detrás. Orkabi explica como a situación actual deriva dunha solución inacabada que só fixo aumentar as friccións entre as diferentes partes; unha delas a dos hutis. Tal e como expón, en setembro de 2014, o movemento tribal huti chegou a Sana e devagar estendeu o seu dominio ata provocar a abdicación do presidente Hadi. Ese control do norte por parte dos hutis, que reclaman a súa lexitimidade, baseada na historia, contrasta co movemento separatista do sur, al-Hirak, que sente o menosprezo dos outros e que se identifica co verdadeiro estado de Qahtán.

Á frontal rivalidade entre o norte, que recibe o apoio de Irán e o contraataque de Arabia Saudita, e o sur, que conta coa axuda dos Emiratos, cómpren engadir dúas ameazas contra ambos: por unha banda al-Qaeda, que foi gañando cada vez máis adeptos dende 2009, e pola outra o Estado Islámico, que mantén un pequeno bastión no centro do país; obxectivos, ambos grupos, de operacións contraterroristas estadounidenses. Unha quinta facción dentro da loita fórmano aqueles que encabezaron as protestas da primavera árabe iemení. No medio de todos eles, e sen voz, están os milleiros de inocentes atrapados no lugar onde naceron.

O conflito bélico entre as diferentes bandas fai que Iemen viva a peor crise humanitaria do mundo. Segundo os datos recollidos no Plan de reacción humanitaria da oficina da ONU para a coordinación de asuntos humanitarios, OCHA, polas siglas en inglés, o 80% da poboación (24 millóns, dun total de 30’5) precisa de axuda humanitaria, 14’3 de entre eles cunha necesidade severa. O documento amosa que hai 4’8 millóns de desprazados, preto de medio millón deles refuxiados e migrantes, e que unha media de 600 construcións civís acaban esnaquizadas cada mes. A estes estragos hai que sumar o de hospitais, colexios e outras instalacións civís que complican aínda máis a vida diaria. Amais, as minas terrestres e outros restos de explosivos constitúen un perigo constante para a poboación.

Mozos de Iemen © Moncho Iglesias Míguez

Entre eses milleiros de refuxiados que fuxiron de Iemen está Alaa Abdoulkader Saleh Bagunaid, quen lembra como o 16 de abril de 2015 chegaba á costa de Djibuti. Abandonou o país coa familia e atrás deixou a casa e as súas pertenzas, e mais o traballo. Confesa que xa non lle queda nada en Iemen e que aínda que Djibuti nunca se converteu no seu lar, aí ten agora un sitio onde traballar e vivir, coa esperanza de poder marchar cara a outro lugar o antes posible. Soña con continuar os seus estudos de informática e con mellorar de traballo para así poder seguir a axudar á familia, separada por mor da guerra. Os pais están en Exipto, cun outro fillo que sofre de problemas mentais, agravados dende a súa fuxida de Iemen, onde vivían con tranquilidade. Unha calma rota que fixo que mudasen o piso onde vivían por un peirao, ao chegaren a Djibuti, e por unha tenda de campaña, ás poucas semanas, no campo de refuxiados de Markazi.

Alaa viviu en Markazi, coa familia, dous anos. Alí traballou como voluntario para a ICAN (rede internacional de acción infantil, polas siglas en inglés), onde chegou a aprender xaponés, e colaborou nas actividades do campo para ocupar o tempo libre e manterse enérxico. Por iso, malia a calor, que nos meses máis duros chega a superar os 50ºC, corría todas as mañás e nadaba todos os venres. Así, engorde, foi perdendo o contacto co seu país natal, onde as novas veñen cos novos refuxiados, desesperanzados. 

Anisa Samir tamén viviu no campo de refuxiados de Markazi. Igual que Alaa, chegou coa familia e axiña comezou a colaborar no campo como mestra de inglés. Iso era o que estudaba antes de partir do porto de Aden; uns estudos que retomou hai un ano, ao volver á casa. Malia aínda sentir certo medo, pois a cidade non é como era antes de 2015, está feliz de continuar os estudos e de estar entre os seus. Recoñece que a longa tempada en Markazi fíxoa madurar e aprender moito, mais devecía por volver ao seu Iemen natal. Agora espera rematar a carreira e traballar dela; talvez monte unha ONG coa que poder aportar o seu coñecemento e un chisco da axuda que tanto precisa o país.

Aden renace das súas cinzas amodo. Testemúñao Anisa e a vida ao seu redor, que volve contar con eventos culturais, como a proxección de películas. Hai uns anos, en 2014, traspasaba fronteiras o filme Ana Nojoom bent alasherah wamotalagah, Son Nuyum, de dez anos e divorciada, de Khadija al-Salami; unha crónica sobre a realidade do matrimonio infantil en Iemen. Máis recente é Ashiratum ayam qabel al-zifatu, Dez días antes da voda, de Amr Gamal . Neste caso, a produción amosa unha historia de amor chea de obstáculos provocados polo conflito que comezou en 2015. O orzamento de pouco máis de 25.000 euros e os trinta días de produción e gravación en situacións de perigo, axitación política e inseguridade non foron un impedimento para que se convertese nun auténtico éxito. Aínda que nun principio a película ía proxectarse durante dez días, estivo oito meses en pantalla grazas á gran demanda de público. Uns espectadores que non puideron encher as salas de cine, pois a maior parte dos teatros e salas quedaron esnaquizados durante os sucesivos enfrontamentos; con todo, si lograron ocupar os lugares onde se instalaron as pantallas que se montaban e recollían con cada función.

Dez días antes da voda non é só un reflexo da realidade actual iemení, senón tamén un halo de esperanza xurdido do medio do conflito; unha guerra que semella non ter fin, ao contrario que a película. Esta comedia dramática do día a día é un exemplo máis da vida en Iemen, como a que amosa o documental Manal Al-amal, feito por dúas xornalistas iemenís: Manal Qaed Alwesabi, cuxo nome significa determinada, e Amal Al-Yarisi, cuxo nome significa esperanza. Neste caso dáse voz a diferentes nais que presentan o sufrimento de ter fillos aos que non poder alimentar; unha situación descoñecida fóra do país, mais totalmente habitual nel. 

Esta é a realidade de Iemen, un país dividido que sofre en silencio as batallas que se libran dentro dela. Semella afastada esa Arabia feliz regada de futuro; con todo, a esperanza está latente. A xente iemení segue a vivir e a loitar pola súa vida, consciente de que un cambio é posible e necesario para que nese verxel zarrapicado de rañaceos de adobe volva pronto florecer a paz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.