Imagine, Galiza!

Imagine all the people living for today
John Lennon

Imaxina un País cheo de fartura, de traballo e de vivenda, un país cheo de crianzas con nais e pais que poidan sostelas, con escolas onde se coma ben e non prefabricado, un lugar no que non haxa pobreza infantil e se invista en libros e cultura próxima e democrática.

Imaxina un País onde se axude sen relear as persoas con Alzheimer, con cancro e outras doenzas, con discapacidades; unha terra no que os hospitais funcionen non por lucro senón porque a xente deber ser, por dereito, ben tratada e curada.

Imaxina un País onde non teñas que despedir a fillas e fillos preparados profesionalmente nunha estación de bus, tren ou aeroporto con destino a lugares de suposto traballo decente. Ou onde non teñan que despedir a teus pais, despois dunha vida, fuxindo da desesperación ao perderen o seu medio de vida.

Imaxina un País sen contaminación nin mareas negras que non afogue a súa riqueza produtiva de bravura marítima en proxectos alleos ao noso.

Imaxina un País no que non se mate as mulleres por ser elas mesmas.

Imaxina un País no que o leite valla máis que a auga, no que a enerxía non sexa a máis cara aínda por riba de case dala de balde. Un País que constrúa barcos en vez de ter maquetas e navíos de papel.

Imaxina un País onde poidas manifestarte sen que cheguen multas á túa casa.

Imaxina, ponte a imaxinar con estes simples exemplos e outros moitos como podería ser esta Galiza. Un País rico de seu, máis esmagado e deixado de costas nas decisións importantes, na que en lugar de plantar árbores que destrúen e secan a terra se plantara esperanza de benestar social e económico, da que dá de comer e fixa poboación no seu territorio. Consiste en imaxinar que podemos ter un País no que, no canto de reclamar as nosas cousas básicas, como algo excepcional, sexa normal vivir con cousas normais como corresponde a un país rico de seu, e empobrecido por algúns, con nomes e apelidos propios e alleos.

Consiste en imaxinar que podemos ter un País no que, no canto de reclamar as nosas cousas básicas, como algo excepcional, sexa normal vivir con cousas normais como corresponde a un país rico de seu, e empobrecido por algúns, con nomes e apelidos propios e alleos.

Dende hai algúns anos, este sentido de vivir dignamente, de que non nos rouben e que decidamos sobre o noso é común a moita xente, sexa nacionalista ou non. Non é unha demanda nominal de siglas partidarias, senón que forma parte do sentido común das mulleres e homes da sociedade galega, mesmo intuitivamente... Frases como aquelas de “sempre nos deixan de lado, róubannos o noso, foi todo para fóra...”. Moita xente coincide en que deciden por nós, e en que non queremos os despropósitos de quen se fai cos nosos recursos, nin que aquí haxa menos e máis mal pagado emprego ou que se cobren pensións máis baixas. Ese sentimento común de sentirse desprezados, máis sobre todo o desexo optimista dunha vida mellor para todas e todos, é o que caracteriza a candidatura que representa Nós. Unha idea de Galiza na que decida o Pobo, ligada ao pan, ao traballo, á defensa dos recursos e á igualdade de todo tipo.

Convidamos a apoiar a Nós Candidatura Galega por moitas razóns: as da lóxica de existir como Pobo, as da dialéctica concreta dos casos nos que nos deixaron tirado como pobo...  Máis tamén a da imaxinación. A razóns de imaxinar un País novo, feito cos vimbios do que temos, ben aproveitado e xestionado, con xustiza, fronte á falla de competencias políticas, á ausencia consciente destes gobernos corruptos do bipartidismo, ou fronte a ese cuadripartidismo que nos queren vender agora, que obvia conscientemente a pobos como o noso. Non fai falla imaxinar moito para ver como queren obviarnos. E Nós non imos permitir que se anulen os nosos dereitos e liberdades, individuais e colectivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.