O conselleiro de Medio rural expuxo o seu plan contra os incendios forestais: Imos por eles.
Para que alguén ruxa ese urro paleolítico non é necesario pagarlle a un especialista, abonda con Manolo o do Bombo, se aínda retumba. E para perseguir os criminais están as policías, non o departamento do conselleiro, así que esa excrecencia de grada é tan inútil para a represión como para o demais. Se marchase para a casa, deixaría de avultar.
Imaxinen que as cidades ardesen como os bosques. Iso acontecía. Os incendios constantes destruían barrios, mazás ou cidades enteiras, eran catástrofes estruturais. Hoxe son casos extraordinarios, como o do Chiado. Foi unha conquista, da racionalidade, do método cartesiano, da disciplina colectiva. As gasolineiras regulaméntanse, e os cabos eléctricos; os extintores revísanse; hai normas de construción e urbanísticas. Ese foi o esforzo, non bramar contra os incendiarios para disimular a propia incapacidade.
O primarismo político, a elementalidade trumpista, a demagoxia destinada a ignorantes, son intolerábeis.