Implicacións non tan evidentes

Desde hai algún tempo, integrantes dalgúns movementos autodenominados “alternativos”, veñen afirmando que o progreso técnico da agricultura nos últimos cen anos nos pode levar a un deterioro catastrófico da calidade de vida, a un incremento da problemática na saúde e mesmo un certo desterro das persoas causado polo emprego da tecnoloxía no ámbito rural. Sabemos que en todo isto resulta arriscado simplificar, pois existen visións moi diversas e non todas contrapostas. E tampouco ignoramos que sobre crenzas non resulta moi doado discutir, porén chaman a atención algunhas conclusións que se extraen e como o descoñecemento pode inducir a algúns erros.

Desde hai algún tempo, integrantes dalgúns movementos autodenominados “alternativos”, veñen afirmando que o progreso técnico da agricultura nos últimos cen anos nos pode levar a un deterioro catastrófico da calidade de vida

Unha das implicacións máis rechamantes considera que o emprego de tecnoloxía e a mellora das técnicas agrarias mediante a aplicación da metodoloxía científica proceden dunha escura man do capitalismo que nos quere dominar. Polo tanto toda mellora obtida deste xeito asúmese como mala en esencia. Sabendo que o actual modelo económico baséase na privatización dos bens de consumo e tamén na dos medios de produción, concluír que este vai empregar todo o coñecemento dispoñible para o seu propio beneficio parece evidente: Se o medio de produción está privatizado, o beneficio obtido empregarase no que os propietarios deste así o decidan. Até o de aquí vemos o que pasa acotío.

Implica isto que se deba renunciar ao uso da ciencia, da súa metodoloxía e a todos os beneficios que nos poda achegar, simplemente polo feito de que o capitalismo se aproveita dela?

Agora ben, implica isto que se deba renunciar ao uso da ciencia, da súa metodoloxía e a todos os beneficios que nos poda achegar, simplemente polo feito de que o capitalismo se aproveita dela? Ao noso modo de ver, radicalmente, non. Desbotar técnicas que permitan aforrar traballo nas explotacións, reducindo os esforzos físicos das persoas e mellorando resultados produtivos pola presunta implicación de seren capitalismo, significa entregar a capacidade innovadora do ser humano a quen non ten reparo en beneficiarse dela para lucro privado. O verdadeiro reto reside en recuperar para o dominio público o control dese coñecemento, reivindicar a súa democratización e que a sociedade se vexa beneficiada en conxunto dos resultados obtidos. A postura crítica, xa que logo non sería renunciar ao coñecemento, senón reclamalo para todas/os.

Outra das implicacións habituais asegura que no pasado o traballo agrario realizábase de xeito máis natural, logo os produtos obtidos eran mellores. O argumento aséntase nun presuposto idílico dunha agricultura “de sempre”(como se tal cousa for un ente único, inamovible) posuidora de todas as esencias, en equilibrio coa Natureza e que ven representar unha caste de comuñón do individuo co medio. Segundo quen defende esta postura nos tempos de antes a agricultura devén en todo punto sustentable.

Onde situamos o límite no que se considera tradicional?, no arado romano?, nas ferramentas de metal?, no emprego de animais de tiro?, na invención da roda?

É de xustiza recoñecer nisto unha idea ben atraente e algunhas razóns ao seu favor, porén seguimos con implicacións difíciles de manter. Cando falamos de agricultura tradicional, o primeiro que cómpre é definir de que se trata. Batemos entón cun bo óso ao que meterlle o dente: Os sistemas agrarios, igual que os políticos, autodetermínanse no espazo pero tamén no tempo; nunca poderiamos illar unha imaxe fixa que represente toda a agricultura, polo tanto ponse difícil argumentar sobre un único xeito tradicional de facer as cousas. Onde situamos o límite no que se considera tradicional?, no arado romano?, nas ferramentas de metal?, no emprego de animais de tiro?, na invención da roda?

Convén non esquecer que a agricultura non é un proceso “natural”, senón máis ben un sistema desequilibrado que a humanidade manexa desprazando os equilibrios ao seu favor para obter rendementos que de xeito natural non se producirían

Sen deixar de recoñecer (e seguir coñecendo) aquelas boas cousas que nos ten transmitido a agricultura co paso dos séculos, para sermos estritos fariamos ben tendo en conta os erros que o pasado leva aparellados, estudar algunhas solucións históricas que tamén tiveron consecuencias desfavorables na produción agraria. E tampouco esquecer os efectos que, por exemplo, algúns patóxenos teñen causado nos cultivos, ocasionando importantes crises alimentarias cando non existía o actual volume de coñecemento sobre a bioloxía e os métodos para controlar tais elementos nocivos. Convén non esquecer que a agricultura non é un proceso “natural”, senón máis ben un sistema desequilibrado que a humanidade manexa desprazando os equilibrios ao seu favor para obter rendementos que de xeito natural non se producirían.

O día a día evidéncianos as inxustizas que representa o sistema económico no que vivimos. Un sistema depredador no que se impón a obtención do máximo de beneficios ao mínimo custo. Permitir que estes beneficios se distribúan en poucas mans, conduce, entre outras cousas, á destrución do medio e couta nalgúns casos a posibilidade dunha supervivencia a longo prazo. O mundo agrario vive aqueixado dos mesmos males. O afán de acumulación (de recursos, de beneficios) non é algo novo: acontece desde o máis recuado dos tempos. Pero onde algunhas persoas ven problemático o emprego da tecnoloxía e a innovación, outros vemos unha oportunidade que se está deixando pasar, tamén para levarlle a contraria ás dinámicas de acumulación.

Requírese máis e mellor investigación agraria aplicada en Galiza, unha investigación pública que resida e renda contas na sociedade, que estude e formule alternativas libres de prexuízos

Ás veces esquecemos que o coñecemento representa o caudal de experiencias, xuntas e coa pretensión de seren organizadas e sistematizadas para finalmente empregárense por parte da humanidade para o seu progreso. Cómpre, xa que logo, non refugar del, senón reclamalo para nós, instalalo na sociedade de xeito que reverta directamente sobre esta e que non se pregue aos antollos duns poucos. Requírese máis e mellor investigación agraria aplicada en Galiza, unha investigación pública que resida e renda contas na sociedade, que estude e formule alternativas libres de prexuízos ou crenzas e que sirva tamén para tapar ocos que algunhas formulacións erróneas están cubrindo. Non refuguemos pois do coñecemento.

Demandemos máis e mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.