AGE, a fórmula política de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, logrou uns bos resultados nos primeiros comicios autonómicos aos que se presentou. Unha das deputadas electas disentiu moi pronto, imaxino que do grupo parlamentario, xa non lembro, e inaugurou o Grupo Mixto, onde pasou a lexislatura. Foi algo así. A experiencia das Mareas terá que lerse con moitas perspectivas: como forte reacción ante o espolio económico que ameazaba con condenar ao 99% a un inferno social, como experimento político e como máis cousas, pero con esa deputada iníciase un despropósito que durou até este mes de xullo, cando o universo das mareas desapareceu completamente da escena política, dun só sopro. Foi o maior castigo electoral da historia de Galicia.
Este mes de xullo o universo das mareas desapareceu completamente da escena política, dun só sopro. Foi o maior castigo electoral da historia de Galicia
Permitan que non busque datos concretos, porque o tiro non paga o cartucho. Tanto ten que a deputada disentise no 2011 ou no 2013, que inaugurase o grupo mixto soa ou acompañada, que se chamase Pepiña ou Manoliña. Importa máis analizar o mecanismo segundo o cal esta señora e os seus sucesivos émulos fan exactamente o que lles peta cos mandatos recibidos. Interpretacións particulares, caprichosas, completamente antidemocráticas, da causa pola cal os electores os votaron e da delegación de poder que fixeron.
Servidores dun encargo popular, depositarios de confianza enviados a cumprir unha función, consideran que adquiriron un poder omnímodo, para actuar libres de trabas e compoñer e descompoñer todo canto se lles ocorre. Un individualismo narcisista sen límites. Creo que dentro dos espazos institucionais e políticos onde se estaba a facer absolutamente mal nunca dimitiu ninguén, ignoro se alguén tivo a humildade de irse, de ser sincero e de recoñecerse a si mesmo, e de recoñecerlle aos demais, que o seu aporte en tales funcións apenas axudaba a construír nada, nin nada aportaba para mellorar a sociedade.
Isto exactamente que é? Unha ruína política, está claro, pero a pregunta non se refire a iso. Cando un mandatario planifica crimes é un terrorista de estado. Cando rouba ou facilita que o fagan, un ladrón, un corrupto. Cando se lle vai o caletre, un insensato. Cando toma medidas desproporcionadas, con consecuencias graves, un temerario. Pero cando suplanta o mandato, manipula o acordo que estableceu cos cidadáns desa maneira, que é? Unha alma adolescente crendo que el o merece? Un inmaturo ao que dotaron dun instrumento privilexiado? Un militante chato, no por ser militante, por suposto, senón por ser chato? Que é? Importa a pregunta porque tal irresponsabilidade abundou entre os cadros que estiveron animando o movemento mareante. Había rapaciños novatos, sobre os que pouco haberá que dicir, pero eran lexións os experimentados, persoas feitas e dereitas procedentes de experiencias políticas anteriores que tiñan a obriga de estar curadas dese vello mal.
Había rapaciños novatos, sobre os que pouco haberá que dicir, pero eran lexións os experimentados, persoas feitas e dereitas procedentes de experiencias políticas anteriores que tiñan a obriga de estar curadas dese vello mal
Non me respondan que todos os políticos fan o mesmo, que todos traizoan os programas e tal, porque non se trata diso. É un asunto previo de solvencia, unha palabra útil, aínda que estea sobada. As persoas adultas que administran os seus fogares, acostuman a coñecer a dificultade, a imprevisión, tamén o iluso de moitas arelas por suposto, e por tanto entenden a necesidade de cambiar de plans, algo imprescindíbel para que a vida continúe, a ser posíbel sen quebras. Pero o que non pode fallar nunca son os resortes básicos para que a casa, o núcleo vital non se veña abaixo. Iso non pode acontecer nunca. Este rudimento apréndese, forma parte das experiencias elementais do individuo, asúmense cando se entra na idade adulta; moitos até o comprenden xa na adolescencia. E os electores, que son persoas adultas, o que non toleran, igual que non o fan nos seus balanzos particulares, aínda que nada saiban de política, é que por mor de plan ningún, saia a casa chimpada pola ventá. Este é o asunto.
Solvencia principal é que haxa uns individuos que cando acceden a un goberno, garantan que a casa pública non se vén abaixo. Só a partir de aí se pode demandar máis: que non rouben, que administren ben, que transformen, todo iso. Os mareantes foron perdendo de vista esa elementalidade a medida que trenzaban volutas dentro das volutas e dos retumbes solemnes. Se algún día a concibiron. Unha grande falta de respecto polos votantes e polos que lle deron confianza ao proxecto, pero tamén pola sociedade, porque nin este país, nin ningún país, merece esa imaxe, esa estampa patética, de batalliñas unha tras da outra sen descanso, buscando nomes para cada ridícula fracción, que canto máis solemnes pretendían ser, máis patéticos resultaban. Quizás por todo iso os achegados gardaron un silencio clamoroso ante as disputas e os cismas, como se xa non tivese sentido criticar nada. E non o tiña.
O que non pode fallar nunca son os resortes básicos para que a casa, o núcleo vital non se veña abaixo. Iso non pode acontecer nunca. Este rudimento apréndese, forma parte das experiencias elementais do individuo, asúmense cando se entra na idade adulta
“E ti por que, despois de apoialos ao comezo, calaches durante todo este tempo, Sarillo? Ben que lle zoupaches ao BNG durante o Bipartito e nos anos sucesivos...”. A case ninguén lle pode interesar o máis mínimo este particular, pero como lin por aí algunha interpelación razoábel, debo dicir que cambiei de criterio. Agora penso que cando alguén cava a súa tumba con tanto primor, carece de sentido molestalo con palabras. E pensei sobre todo en preservar a saúde, sobre todo a do meu estimado sistema nervioso periférico. Non porque me posuíse a temperanza; pareceume entenderlle a Montaigne que a partir dunha certa idade, xa menos rica en enerxía vital, a temperanza convértese nun defecto.
Aquí remata a prédica moral.
T. E. Lawrence di que a política é unha ocupación moi baixa. Da que cómpre entender as súas leis (pódese engadir) e estar disposto a exercela con esas leis, porque non ten outras. A política é un instrumento imprescindíbel para que a sociedade mellore e tamén para alcanzar utopías, metas moi distantes, pero ten unha natureza inmodificábel. Quen non asuma a baixeza da política, debe dedicarse a outra cousa. A propia sociedade, a cidadanía, debería tolerar só adultos dentro dun mundo tan severo. Enténdese que xentes novas, sen experiencia, ilusionadas, fagan un excesivo exhibicionismo da bondade, crean que se trata só dun transvase de boa vontade desde a instancia popular para a cousa pública, pero un líder de verdade debe manexar outros fundamentos. Esta valoración non hai porque compartila, naturalmente, é unha crenza propia e se a vostede non lle gusta pode buscar outras, por suposto.
Outra impresión. O único líder decisivo que tiveron as Mareas foi Xosé Manuel Beiras. Foi o principal aglutinante, o único imprescindíbel. Sen calquera dos outros podería fraguar a fórmula pero sen el non. Isto é unha constatación, non unha crenza. O enorme defecto de Beiras, permanente na súa traxectoria, foi a incapacidade para organizar, para establecer instancias colectivas de traballo dentro das organizacións políticas ás que pertenceu. Trátase dun líder estraño, porque tendo seguidores cualificados para poder facelo, non soubo ou non tivo azos, non intentou cristalizar unha grande forza. A súa brillantez extraordinaria nunca se compensou cunha conciencia propia, un freo interior quizás, que o obrigase ao método e a supeditar o impulso aos ritmos orgánicos necesarios para a articulación dun partido. O PSG foi débil por esta causa; no Bloque traballou como parceiro da UPG, sen organización propia, só cun grupo de adheridos persoais e nas Mareas estivo de novo sen ningunha organización política firme.
O proxecto das Mareas só podía ter éxito se acadase forma orgánica a partir do líder recoñecido por toda a sociedade. Cando Beiras marcha, non fica nada organizado coa mínima solidez e tampouco había, de feito, outros líderes capaces
O proxecto das Mareas só podía ter éxito se acadase forma orgánica a partir do líder recoñecido por toda a sociedade. Cando Beiras marcha, non fica nada organizado coa mínima solidez e tampouco había, de feito, outros líderes capaces. A traxectoria partidaria de Yolanda Díaz impedíalle cumprir ese papel, porque dentro do espectro ideolóxico das Mareas estaba demasiado escorada e nunca sería plenamente recoñecida pola maioría dos que integraban o movemento. Podía intuírse facilmente que todo isto remataría así. En marzo de 2013 escribín : “comezarán as desavinzas entre Anova e Esquerda Unida, ou Beiras retirarase, e AGE será un fracaso”.
Carolina Bescansa foi a única persoa que lle puido ter dado forma ao caos mareante. Isto é unha opinión. Apuntouse ás primarias de Podemos, expuxo un esbozo de proxecto organizativo e programático interesante e rexeitaba con vehemencia entrar nas disputas internas: “calquera discusión que poña no centro do debate os temas das marcas e non poña o modelo produtivo, a transición enerxética e o modelo de traballo en Galicia é unha discusión errada”. Fundamentábase neses eixos, importantísimos, ben cristalizados, e amosaba pulso. Sostiña un pluralismo federalizador fronte ao que consideraba modelo autonómico de estado unitario e ademais tiña forza de líder. O seu carisma político forxárase na fundación de Podemos, ese experimento de relevancia mundial, pola súa orixinalidade, que naceu en Madrid, pero que naquela crise puido ter nacido en Roma, en París ou en Lisboa. Nun determinado momento parecía que Portugal xeraría outra eclosión aínda máis rica. A verdade era que agromara anteriormente en Galicia, precisamente con AGE. Reducir Podemos a cousa de madrileños é unha tosquedade analítica mecanicista, sal gordo para sazonar convencidos de capirote.
O desembarco de Bescansa ten algunha semellanza co de Fraga, salvando todas as distancias, de peso, de experiencia e de nivel de poder, pero trátase de dúas personalidades fortes, dificilmente dominábeis polo aparello central partidario e con atributos para liderar. Entón as bases de Podemos elixiron a Gómez Reino y hasta siempre Comandante.
Por onde vai agora o mambo? Parece que pola última nota. En caso de xerarse unha nova crise, socialmente explosiva, as xentes de Podemos non liderarían xa o sismo social en España e en Galicia moito menos. Un movemento semellante ao 11 M, que xurdise en Barcelona, Berlín, Milán ou Londres, sería replicado aquí polo BNG, polo menos intentaría conducilo. Desta vez non desprezaría a acampada do Obradoiro, porque despois da viaxe polo centro dereita nos anos do Bipartito, esa lección aprendeuna. Ou igual non, vai ti saber.
As palabras significan. Hexemonía non é sinónimo de maioría electoral, nin cousa que se lle pareza
Daquela que queda das Mareas? Pois tres ou catro espazos políticos que veñen sendo, grosso modo, o da FPG; o do PSG prolongado con Beiras; o de Esquerda Galega cos seus continuadores, imaxino, se non é o mesmo que o anterior e o novo de Podemos, aliado con Esquerda Unida que é a continuadora do vello PC. Igual hai máis pero agora non me lembro. As anteditas son tendencias de duración longa, que acabarán por expresarse de novo institucionalmente, condenadas a un limbo dun par de deputados cada unha, ás veces si e ás veces non. A FPG nin iso. En Galicia a esquerda será cousa do Bloque e do PSOE durante un par de lustros, sen garantía ningunha de que cheguen ao poder tampouco.
Unha nota final. Algún líder do BNG comentou que se converteran na organización hexemónica da esquerda. Foron a primeira forza electoral, a unha enorme distancia de hexemonía ningunha, porque para ser hexemónico en algo, en algures, hai que exercer dirección intelectual e moral sobre outros grupos, até que deveñen aliados. Entre outras moitas cousas. As palabras significan. Hexemonía non é sinónimo de maioría electoral, nin cousa que se lle pareza.