Os Estados inacionais deben crear unha nación artificial para evitar o seu fracaso
Sempre se fala do eterno dilema das nacións sen Estado. Aquelas que, tendo unha lingua, cultura e historia propias, non gozan da plena soberanía política. Non obstante, non adoitamos pensar no caso dos Estados sen nación e coma buscan a plena soberanía cultural por todos os medios. Porque un Estado inacional non se recoñece no espello a non ser que sexa quen de crear unha identidade de seu, ou o que é o mesmo: alteridade.
E é que á hora de constituír unha entidade política, non é suficiente coa creación dun Estado. É necesario prantar na terra un sentimento de arraigo e pertenza, pois este é dobremente necesario, tanto para a supervivencia dun país, coma para a nosa propia psicoloxía. Somos seres sociais e tendemos a tecer comunidades. Está xa no noso ADN buscar un grupo do que formar parte, pois é a través do que nos arrodea a partires do que nos autopercibimos. Sobretodo na nenez e adolescencia buscamos evitar o silencio ante a pregunta: ti quen es? E a nación é unha das respostas máis doadas que podemos ofrecer. Nun mundo globalizado coma no que vivimos esa necesidade case primitiva recobrou forza.
Por outro lado, o Estado precisa sementar unha raíz común que manteña aos seus cidadáns afíns a el. De non ser así, nada lles impediría renegar da guerra. Que obreiro incapaz de chegar a fin de mes deixaría o seu fogar e arriscaría a súa vida para enfrontarse a outro obreiro que non chega a fin de mes? Tan só un que teña tal conciencia patriótica coma para identificarse cun oligarca que habita o seu territorio e loitar por el.
Cando sentimos que unha parte da nosa liberdade é infrinxida, sentimos un impulso a retomala facendo uso dela. Isto é, impulsando a conciencia nacional. Por iso o centralismo adoita espertar a reacción contraria ao que busca. Así é coma o inacionalismo está condeado a vivir no mito de Sísifo
Así é coma os Estados inacionais deben crear unha nación artificial para evitar o seu fracaso. Entón entran en xogo tres estratexias que podemos ver en diferentes procesos. O primeiro deles pasa por eliminar todo resto doutras nacións que poidan quitar importancia ao Estado. Na Galiza foron os séculos escuros e a expulsión da nobreza de noso, noutros territorios foi directamente a aniquilación dos pobos orixinarios. Trátase de converter a terra nun lenzo en branco sobre o que pintar unha nova bandeira. O seguinte paso adoita ser a apropiación histórica. No aspecto histórico a apropiación adoita traducirse na autoproclamación dunha comunidade coma herdeira dun suposto pasado común. O exemplo máis claro é Israel. Por último, as nacións artificiais fan uso da transculturación, o que significa que adoptan e espallan polo seu territorio novas tradicións e elementos culturais cos que diferenciarse. España conseguiu crear a imaxe internacional dunha nación caracterizada polas touradas e o flamenco, mentres EEUU buscou desligarse do seu pasado cultural inglés.
O enorme problema é que estes modelos de patria-escaiola fican baleiros de contido, polo que a identificación do cidadán co Estado vese limitada dende o momento en que as súas realidades non se corresponden. Aquí é cando o inacionalismo busca reafirmarse en símbolos que poidan ser fácilmente interiorizados, e para un sector da poboación, funciona. Non obstante, para aqueles que non se recoñecen na bandeira do Estado, esta é artificiosa. E é aí cando a estratexia de eliminación provoca unha reactancia psicolóxica.
Porque, cando sentimos que unha parte da nosa liberdade é infrinxida, sentimos un impulso a retomala facendo uso dela. Isto é, impulsando a conciencia nacional. Por iso o centralismo adoita espertar a reacción contraria ao que busca. Así é coma o inacionalismo está condeado a vivir no mito de Sísifo.