Inclusión, visibilización e empoderamento

Cantas veces escoitamos referirse a determinado personaxe como “tolo”? Cantas veces escoitamos nos medios referirse a “tempos de esquizofrenia na política”? Cantas novas nas que se fala de que as enfermidades mentais están detrás de actos que se realizan por pura maldade? Estamos acostumados a empregar termos con moita carga e significado para referirnos a persoas ou situacións que pouco ou nada teñen que ver cas palabras utilizadas.

O pasado día 10 de outubro, celebrouse en todo o mundo o día da Saúde Mental, día no cal se reivindica a visibilización das persoas con enfermidades mentais, día no que se reivindican os seus dereitos.

Pero os dereitos destas persoas non pasan por un día de reivindicación, pasan por toda unha vida de altos e baixos, por toda unha vida de ter que levar sobre os ombros o peso do estigma que nós, a sociedade en xeral, colocamos sobre os seus corpos. Dignificar e empoderar a todas as persoas que loitan contra unha enfermidade mental (ou conviven con), ten que ser o camiño de cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta. A loita destas persoas por poder ter unha vida normalizada, a súa  loita por conseguir traballos estables, ten que ser tamén a nosa loita.

Tamén estamos na obriga de sumarnos a todas as persoas que traballan no eido da saúde mental, traballadores que levántanse día a día aos seus postos. A asistencia na saúde mental faise por xustiza, e non por caridade, e así o amosan estes profesionais. Sumámonos a eles e agradecémoslle toda a labor que están a facer. Dende os centros, dende os hospitais, dende os cárceres.

Todos nós temos a posibilidade de ter problemas de saúde mental ao longo da nosa vida: problemas no traballo, problemas por non ter traballo, enfermidades, ausencias... Vivimos nun mundo en constante movemento, que parece que as veces mete a quinta marcha cando aínda nós estamos arrancando.

Un mundo de poboación alienada, un mundo no que o capital, a imaxe, o show e o espectáculo dominan o completo das horas do día. Algunhas persoas teñen a posibilidade de baixar ou subir a ese tren, moitas outras non teñen a posibilidade, non atopan a saída de emerxencia. Ninguén de nós está libre de poder ter problemas coa súa saúde mental ao longo da súa vida. E é por eles, e por nós mesmos, que temos que, como organización, estar alí, tomar o pulso e facer forza.

A saúde mental está considerada por aqueles que lexislan como a irmá pobre da Sanidade. En Galicia a atención a saúde mental está en constante deterioro: non hai recursos, nin tempos. A calidade asistencial está a ser insuficiente, e se mantén o nivel que ten agora é gracias a todos os traballadores que están a dar o mellor de si mesmos.

Traballadores que, por culpa dos recortes, sufriron as carencias do sistema e están a asumir cargas de traballo excesivas. Estanse a deteriorar gravemente as condicións destes profesionais como consecuencia das incertidumes laborais e o incremento das cargas de traballo. Estase a deteriorar a atención á saúde mental en Galicia pola elaboración de acordos de xestión que teñen exclusivamente obxectivos economicistas, pero non orientados á mellora da calidade asistencial.

Tras moitas idas e vidas, aínda é agora, en outubro do ano 2017, cando a Consellería de Sanidade comunica que porá en marcha a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental, despois de 9 anos dende que o goberno do Partido Popular suspendera sen explicación ningunha o Plan Estratéxico de Saúde Mental anterior, deixándoa sen planificación nin compromisos. Agardamos que non sexa esta unha promesa que quede na utilización política, como unha propaganda, por parte dos gobernantes.

Os tempos voraces de crise que estamos a vivir son os tempos nos que máis se precisa atención á saúde mental, tempos nos cales cada día se suicida polo menos unha persoa en Galicia. As condicións de vida das persoas condicionan de forma determinante a súa saúde mental, xa que recordamos que segundo a OMS a saúde é “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”.

Concluíndo, que cando falamos de “aquel tolo”, “esquizofrenia política”, etc.  estamos a falar de algo moi complexo, e estamos a estigmatizar as persoas que teñen que convivir cunha enfermidade mental.  Temos todos nós a responsabilidade de traballar nun correcto uso da linguaxe; temos todos nós a obriga da loita pola defensa, dignificación e visibilización de todas as persoas que teñen, conviven ou traballan coa enfermidade mental.

Non podemos aturar que os medios de comunicación e a sociedade en xeral empreguen termos que deberan estar restrinxidos ao seu uso exclusivo sanitario. Estamos acostumados a ler que cando un asasino mata (e é branco, elector forte e de clase media), faino porque tiña problemas de saúde mental, outro galo canta cando o asasino non é branco, non pertence  ao grupo de electores fortes, e pertence á clase traballadora: ese sí, ese sí que é malo.

Saben os medios de comunicación que estes titulares tamén os len as persoas que teñen algunha enfermidade mental? Saben como pasan o resto do día? Saben o sentimento que lles causa ver como se estigmatiza a súa situación? Como lles doe que se relacione a enfermidade coa violencia?

Eu sí que o sei, eu sí que o vin. Compaxino o meu traballo e a miña responsabilidade como co-coordinadora de Esquerda Unida da Coruña, coa labor de voluntariado nun centro de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con enfermidades mentais. Vexo os seus medos, as súas reticencias, os seus estigmas... Pero tamén vexo os seus sorrisos, as súas ilusións e as súas esperanzas. E é por eles, que tanto me deron, por quen escribo isto. É por eles por quen loitarei, loitaremos, para que o futuro sexa seu, sexa de todas e todos nós.

Non, o veciño non a matou porque estaba tolo.

Non, o político non roubou porque estaba tolo.

Non, os países non entran nunha guerra porque os seus gobernantes estean tolos.

O que pasa é que a maldade non é unha enfermidade, non; a maldade e unha decisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.