As eleccións xerais do vindeiro día 26 conteñen o maior número de incógnitas rexistradas neste tipo de acontecementos na recente historia política estatal. Ademais da importante novidade que representou o mapa parlamentario xurdido na cita do pasado 20 de Decembro, a repetición dos comicios é todo un desafío ás lóxicas dominantes na formulación das predicións electorais.
Velaquí algunhas das interrogantes que nos agardan para os vindeiros días:
1) Cal será o nivel de participación do electorado e cómo afectará tal circunstancia ás distintas formacións concorrentes? O eventual medre da abstención sería a resposta dunha parte dos votantes ao fracaso dos dirixentes políticos na xestión dos resultados do 20 de Decembro.Hai unha corrente analítica que aposta por unha posíbel penalización ao PP e ao universo de Podemos por mor da posición mantida nos últimos meses e que, asemade, defende a verosimilitude dunha correlativa prima electoral a aqueles partidos –PSOE e C’s- que buscaron fórmulas de entendemento para formar un novo goberno.Os inquéritos dos últimos días non confirman semellantes previsións.Pero aquí estará, sen dúbida, unha das chaves do panorama que debuxen as urnas na noite do 26-X.
2) Será superado o PSOE –no número de votos e/ou escanos- por Unidos Podemos e as candidatura unitarias de Catalunya, Galiza e a Comunidade Valenciana? Por primeira vez na historia do sistema político xurdido no posfranquismo, formulase unha interrogante desta natureza.Até agora, era unha hipótese indiscutíbel que o Partido Socialista hexemonizaba o espazo electoral da esquerda do Estado.Para a equipa de Pedro Sánchez, a orde dos factores si altera o produto final.Ocupar a terceira posición representaría a morte política do actual secretario xeral socialista e colocaría ao partido nunha encrucillada diabólica:ou permitir un goberno do PP –coa eventual presenza engadida de C’s- ou participar nunha coalición encabezada por Pablo Iglesias.
3)Ficará inalterado o cadro rexistrado o pasado 20 de Decembro nas circunscricións galegas? Noutras palabras: manteranse as tres principais novidades acontecidas naquel momento: perda relevante do PPdG (unha terceira parte dos seus escanos), notábel suba de “En Marea” até acadar a condición de segunda forza mais votada e desaparición do BNG como forza parlamentaria no ámbito estatal? Os efectos dos resultados poden ter moita importancia no clima social previo á convocatoria para elixir o Parlamento do Hórreo.Se a dinámica estatal sempre condicionou o comportamento dos actores políticos na Galiza, agora podemos atoparnos ante circunstancias inéditas que hipotequen seriamente as estratexias dalgúns grupos. Se o PP tivese que abandonar o goberno do Estado, Feijoo ficaría nunha posición moi debilitada.Se o PSOE resultase desprazado da segunda posición, Leiceaga perdería os apoios que hoxe posúe no aparato de Ferraz. Se o BNG non mellorase o baixo nivel de votos acadado en Decembro correría o perigo de sufrir con moita intensidade, no vindeiro outono, os efectos do chamado voto útil.