Incongruencia

A Igrexa, a sociedade conservadora e o Goberno español, despois da tan traída, e ao final levada, lei restrinxida do aborto, agora se marcan unha proposición de lei para reformar a vixente nun punto: “que as menores deban contar co consentimento paterno, ou titorial, para poder abortar”. Na lei actual as mozas de 16 ou 17 anos podían facelo sen o consentimento paterno. O ministro de Sanidade di que o cambio é “razoable”, e o permiso paterno “é un garante para as menores que pasan por ese transo”.

Para abortar é preciso estar embarazada; para quedar embarazada é preciso coitar, ter relacións sexuais de tipo reprodutor cun home. Elemental!, non si?

Pois ben, a normativa sanitaria ditada no país é que as criaturas deben vacinarse desde os 12 anos, pre adolescentes, contra o VPH, virus do papiloma humano, para impedir o cancro de colo de útero, vaxina, pene. Transmítese no coito.

Quere isto dicir que o mesmo ministro de Sanidade, tan preocupado polo transo do aborto, considera que unha nena, nena que aínda xoga coas bonecas na maioría dos casos, xa pode ser fodida, e convén protexela, non contra o trauma do acto e as súas consecuencias, senón contra o virus que lle poden transmitir e do que se infectan 14 millóns de persoas. E os pais deben colaborar en tal suposición e preparar a nena para o sacrificio. Dar o consentimento.

Así que, o Goberno prepara as neniñas para un acto que as pode deixar embarazadas, de teren xa os ovarios en condicións de ovular, pero logo non poden abortar cunha idade superior, sen o consentimento paterno! A ver quen entende isto?

Evidentemente, non se trata de protexer as mozas, trátase de protexer o embrión. A quen lle doen as nenas? Dóenlle os ovos galeados. Mágoa que non fosen os propios despois dun patadón!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.