Independencia da “xustiza” ou arbitrariedade xudicial?

1. Independencia, de que?

A independencia dos tribunais xudiciais non só se refire ás presións ou presuntas “imposicións” de persoas, cargos políticos, goberno, ou sectores económicos, senón tamén a independencia dos xuíces respecto da súa ideoloxía política; é dicer, que os xuíces deben xulgar segundo as leis e non segundo a súa particular ideoloxía política. Facer isto último sería, ademais, prevaricación, pois estarían xulgando “inxustamente, a sabiendas”; isto é, non conforme ás esixencias do ordenamento xurídico, senón segundo a súa subxectividade, segundo os seus intereses ou preferencias políticas.

E nos últimos tempos tanto resolucións xudiciais de tribunais doutros estados ou internacionais, como resolucións de Tribunais europeos de dereitos humanos, por exemplo, puxeron en evidencia a dependencia xudicial dos prexuízos ideolóxicos dos xuíces. Pero ninguén se dá por aludido (nin sequera o actual ministro do Interior, que motivos ten para facelo, e de sobra, sobre temas tan sensíbeis como a tortura). Non pasa nada.

Outra situación rechamante a temos cando reflexións de prestixiosos xuristas do Reino de España deixaron ben patente a falta de xustificación xurídica de moitas resolucións de fiscalía ou xuíces. Tampouco pasa nada.

En fin, de que son independentes os nosos xuíces, cando menos os xuíces dos “altos tribunais”? Quizais da xustiza.

En conclusión, cando hai esa reclamación (?), esa insistente insistencia, na “independencia do poder xudicial”, que hai? Non será máis ben unha esixencia de “irresponsabilidade” (ou de responder ante eles mesmos)?; ou sexa, unha esixencia de arbitrariedade? De que ninguén debe ousar cuestionar unha resolución xudicial, nin nos casos máis flagrantes (aos que, desgraciadamente xa nos teñen acostumados nas “altas” esferas do poder xudicial) de dependencia ideolóxica nas súas resolucións, de cuestionabilidade xurídica por expertos e por outros tribunais de fóra do Reino de España ou, simplemente, polo sentido común máis elemental?

2. O “analfabetismo” xudicial

Está claro, e tribunais europeos fixeron que o estea máis que a auga, que a “interpretación” de “altos” tribunais do noso ordenamento xurídico é, cando menos, moi discutíbel.

“Rebelión”, “violencia”, “liberdade”, “terrorismo”, e outras, son palabras que os nosos “altos” tribunais e os xuíces dos mesmos teñen empregado de modo absolutamente alleo e contrario ao que é o seu significado. Para estes xuíces, a cousa é así de divertida (se somos capaces de velo “dende fóra”): Gandhi sería un “terrorista”, por exemplo, un perigoso “violento”; os policías non pegan coas porras, senón que os manifestantes lles pegan ás porras dos policías coas súas cabezas, pernas, ou outras extremidades ou partes do seu corpo; e así sucesivamente. Está clara a cousa; e non se resolve acudindo ao “xogo de linguaxe xurídico”. Non existe tal, por moito que pretendan remitirnos a unha esotérica linguaxe: é mentira. O que hai é unha manipulación interesada en función de posicións ideolóxico-políticas

3. A responsabilidade

Cando alguén ten uns privilexios, por exemplo, o privilexio da verdade (os corpos de seguridade), do uso das armas (os corpos de seguridade) ou de xulgar (os tribunais), ese privilexio leva aparellada unha maior responsabilidade. Se a alguén se lle considera legalmente veraz, fronte doutra persoa; ou se lle concede o uso das armas, fronte doutra persoa; ou se lle dá validez ás súas conclusións interpretativas da lei, fronte do que diga calquera persoa; se tal cousa ocorre, entón aquelas persoas que teñen esa consideración, tamén teñen unha maior responsabilidade, dado ese recoñecemento; e resulta, polo mesmo, que o uso desas facultades de modo arbitrario, tamén debe ter unha maior sanción, pois o Estado, precisamente, lles concedeu esa potestade. Isto é, se un policía mente, ou se usa a súa arma inxustificadamente, ou se un xuíz ou fiscal usa “as armas” legais de modo contrario á lei, deberán recibir un castigo maior que se o fai un cidadán normal, precisamente porque eles recibiron o dereito ao seu uso para defender a legalidade; dese modo, unha denuncia falsa dun policía non é so denuncia falsa ou falsidade en documento oficial, nin só perxurio; é moito máis. O mesmo ocorre no caso de empregar inxustificadamente a súa arma.

E o mesmo ocorre se os xuíces e fiscais actúan “imprudentemente”, é dicer, fóra de toda prudencia; é dicer, guiándose, NON POLA LEI, senón polos seus espurios intereses ideolóxicos. Isto é moi grave, e a forza da gravidade debe caer, polo seu peso. Está en xogo a democracia. Está en xogo a legalidade. Está en xogo a convivencia. O contrario, o contrario á esixencia de responsabilidades legais, sería volver á “lei da selva”, a “guerra de todos contra todos”, ou a guerra de algúns contra todos. A vida en sociedade, a democracia, a sociedade civil, reclama unha actuación decidida, pois significa, o contrario, a súa impunidade, admitir o inadmisíbel, admitir que non estamos en situación de acudir a unha xurisdición independente. Significa a volta ao “estado de natureza”. O fascismo.

4. Algunhas propostas

Desgraciadamente, se atendemos ao dito por eximios legalistas do reino de España, como ao dito por tribunais, ben doutros Estados, ben tribunais internacionais, estamos diante dunha situación de urxencia. Estamos asistindo a un poder xudicial, dos “altos tribunais”, que se rin da división de poderes, que pretenden, e así o están a facer, con resolucións estrambóticas, converterse en lexisladores e executores, en parlamento e goberno, usurpando as outras funcións da división de poderes que a constitución (e calquera constitución democrática) establece.

Así que imos pensar unha serie de ideas, co fin de impedir que este poder xudicial pretenda usurpar funcións do poder lexislativo e/ou executivo, e a súa gremialización, de modo que se converta en intocábel, e se recupere a súa verdadeira función: a de aplicar a lei (que establecer cal sexa esta, a lei, e cousa do poder lexislativo).

4.1. En primeiro lugar, unha cuestión, digamos, “estética” e de “sensibilidade”: eliminar de toda referencia ao que ten que ver co poder xudicial a palabra “xustiza”. Isto é, que os ministerios, consellarías, etc, deixen de denominarse “de xustiza” e se chamen, simplemente, do poder xudicial, ou unha expresión semellante. E o mesmo para os Tribunais; son Tribunais e son resolucións deles, non “da xustiza”; nin é “a xustiza” quen resolve.

4.2. Os licenciados en Dereito deberían cursar, como materias obrigatorias, en dous cursos, filosofía do Dereito (un curso temático: idea de xustiza, de lei, de Dereito, etc.; e outro curso histórico). Alguén podería dicer que esa materia xa existe; pero o certo é que se algún licenciado en Dereito acaba con coñecementos de filosofía do Dereito é por casualidade, porque a esa persoa lle interesou o tema e se preparou pola súa conta ou porque tivo a sorte de dar con algunha persoa profesional formada en filosofía do Dereito. Pero iso é casualidade; e non pode ser unha cuestión de casualidade, senón que a formación en filosofía do Dereito ten que ser esixíbel.
Por tanto, se o Dereito debe ser un tema de estudo (e non só os feitos ou fenómenos xurídicos, normas, etc.) quen debe dirixir tal estudo é quen supostamente sabe sobre iso, un profesional da filosofía, non un profesional do Dereito (ao que non se lle supón).

4.3. Cara impedir o antedito sobre a colonización dos outros poderes por xuíces irresponsábeis e que se produza un efecto gremial que impida a actuación penal sobre tales persoas, e coa fin de que estea claro que quen está como fundamento último, a quen debe responder en último termo a actuación xudicial, todo xuízo a un membro do poder xudicial (xuíces, fiscais, avogados do Estado e semellantes) debe ser diante dun xurado popular. Isto é, quen xulgue a un xuíz ou fiscal non debe ser outro ou outra xuíz, senón o pobo mesmo, representado nun xurado popular.

A pretensión de que un profesional do Dereito vai decidir con máis independencia que un xurado popular non se ve, en modo algún, corroborada pola experiencia das resolucións de xuíces e das actuacións de xurados populares. Ademais, a recente experiencia xoga claramente en contra dese “optimismo profesional”.

É máis, só podemos enfrontarnos a un gremialismo que faga impotente a oposición a unha actuación xudicial impresentábel (desde o ordenamento xurídico) se a decisión está en mans do pobo.

4.4. É un principio xurídico que ninguén está por riba da lei. E hai Tribunais e xuíces que si o pensan, que están por riba da lei. Estamos, está claro, a referirnos ao Tribunal Constitucional. Pois ben, tampouco este Tribunal debe estar por riba da lei. E para iso o que cómpre é que caiba unha denuncia por prevaricación diante das súas resolucións. E, naturalmente, como se dixo no punto anterior, que quen xulgue a este Tribunal sexa un xurado popular. Isto é, debe caber unha denuncia por prevaricación, o está pedindo a gritos desde hai anos, ante resolucións do Tribunal Constitucional e debe xulgar se cometeu ou non ese delito un xurado popular.

Quen tería a facultade para presentar esa denuncia, ao tratarse de tan “alto” Tribunal, quizais requira dun suxeito cualificado, e dada a temática das súas resolucións; e así, a bote pronto, ocórrensenos os seguintes: o fiscal xeral do Estado, o goberno, un grupo parlamentar, un goberno autonómico, un grupo parlamentar autonómico, ou cen cidadáns. Calquera deles estaría facultado para poñer en marcha un proceso xudicial contra o Tribunal Constitucional, ou contra os xuíces dese Tribunal que, por maioría, resolvesen un asunto, cuxa resolución fose dubidábel xuridicamente.

Naturalmente, as consecuencias da resolución do xurado terían as consecuencias que a lei marca para un caso de prevaricación.

4.5. Finalmente, e tendo en conta as numerosas sentenzas de Tribunais europeos que cuestionaron sentenzas de Tribunais do Reino de España, sen que pasase nada, pensamos que xa é hora de que pase algo.

E o que, entendemos, debe pasar é que de producirse unha resolución dun Tribunal superior, como o europeo de Dereitos Humanos (ou calquera outro), o Tribunal do Reino de España que sexa aludido nesta outra resolución, debe verse sometido automaticamente a unha denuncia por prevaricación.

E quen tería a facultade para interpoñer tal denuncia xa o sinalamos no punto anterior.

E quen decide tamén, un xurado popular.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.